Revista Cultura y Ocio

Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos

Publicado el 28 marzo 2017 por Tomas
Após a Caída, o que ficaba do mundo rexurdiu baixo o despotismo ilustrado e tecnolóxico da Homologación, gobernada por seres humanos co asesoramento de poderosas IAs e que encarna os ideais do Estado convertido nun Leviatán de plena eficiencia. Toda a cidadanía, os privilexiados hoi oligoi e os comúns hoi polloi, viven en paz e participan na Narración, un fluír cultural no que se mesturan todas as influencias, movementos e obras dos séculos pasados, e onde todos poden achegar as súas ideas e gozar dos seus produtos. Nunhas décadas, todos os humanos serán yousheng, seres mellorados xeneticamente cunha intelixencia prodixiosa e alta esperanza de vida.
Harshvardhan Wettin, marshall da Narración coñecido polas adaptacións dos seus moritaten ou relatos nos que conta noveladamente algúns dos seus casos, é chamado para investigar un estraño asasinato nunha facultade de ciencias cognitivas e computacionais no que semella implicada Aletheia, unha IA non autorizada que podería pór en perigo a mesma existencia da Homologación se as sospeitas sobre ela chegan ser certas. Os cibersalvacionistas, que pensan que o ser humano pode reencarnarse nunha IA após morto, e os omeguistas, que agardan con fe o advir da Singularidade, tamén están interesados en saber máis desa IA de orixe descoñecida.
Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos
"Aletheia Moritat" é a segunda novela que Santiago Bergantinhos publica con Urco Editora, após "Carmiña Burana". Está incluída no selo de producción propia Alcaián. A capa é obra de José María Picón, que desta vez optou por un estilo inspirado (e que cecais parodia) nos cartaces cinematográficos que adoitar ir ligados a thrillers e filmes de fantasía científica. 
O primeiro que cómpre salientar de "Aletheia Moritat" é que é unha novela de Ficción Científica escrita por un amador do xénero, gran coñecedor da súa traxectoria e das súas temáticas, o que necesariamente vaise reflectir no texto, metarreferencial e ateigado de homenaxes a autores e obras clásicos. 
O subxénero de "Aletheia Moritat" pódese establecer como post-Cyberpunk, e o seu novum vencéllase a unha especulación que ven de longo: a Intelixencia Artificial e a posibilidade de que o ser humano delegue nela a toma de decisións, as responsabilidades do Goberno, a administración dos asuntos públicos e mesmo a impartición da Xustiza. Algo que podería derivar nun exceso de tutelaxe por parte das IAs, e unha falsa situación de control pola Humanidade que, na procura dun sistema perfecto que elimine o erro humano e garanta un funcionamiento libre de corrupción e factores non controlables, remate supeditada á súa creación, e mesmo escravizado por ésta. 
Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos
De feito, por "Aletheia Moritat" pasan grandes clásicos desta temática eterna do Moderno Prometeo, un dos píares fundamentais da Ficción Científica: Dende "Dune" de Frank Herbert e a súa Biblia Católica Laranxa («Non crearás unha máquina que funcione como a mente humana»), pasando polo HAL9000 de Arthur C. Clarke en "2001: unha odisea espacial" -que aporta un curioso neoloxismo, novemilear, ou someter a unha IA a contradiccións coa súa programación até que literalmente tolea- e rematando con "Non teño boca e debo berrar" de Harlan Ellison. Sobre o feito de novemilear ás IAs, é preciso sinalar que éstas son asimovianas, e suxeitas por tanto ás tres leis da robótica, que malia que non se citen textualmente. De feito, o gobernos de IAs de Bergantinhos ten moito que ver co Multivac proposto polo Bo Doctor nos seus relatos.
Dixemos que "Aletheia Moritat" era metarreferencial, e a ficción científica aparecerá como elemento narrativo ao longo da trama, en conversas entre personaxes, descrita como «un xénero literario do século XX». A neolingua de George Orwell en "1984" e outras referencias máis cultas mestúranse co «Longa vida e prosperidade» de Star Trek e mesmo brincadeiras a conta de Pokémon.
Voltemos ao novum: nun futuro indeterminado, a Humanidade reconstruiuse a partires d'A Caída, un cataclismo non especificado no que desapareceron catro quintas partes da poboación. Agora, un goberno mundial chamado A Homologación exerce un poder omnímodo, axudándose do conxunto das Intelixencias Artificiais, coñecido como O Leviatán. Deste xeito, elimináronse a corrupción e calquera variable falible, imprantándose una forma de Despotismo Ilustrado no que desapareceran a pobreza, as guerras e as enfermidades, garantindo a pervivencia da especie humana, mais elimináranse tamén os autogobernos e calquera capacidade de protesta, disconformidade ou oposición por parte da xente, unindo aos hoi oiligoi (privilexiados) e aos hoi polloi (a xente común) a través d'A Narración, unha confluencia e aglutinamento de todas as culturas, coñecementos e crenzas dos pobos humanos do pasado.
Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos
A presencia das IAs é total e permanente, de xeito que os humanos viven nunha sobrerrealidade, ou realidade aumentada mediante lentes ou implantes oculares, no que poden presenciar a proxección das IAs (en forma de persoas, normalmente mulleres, incluso animegirls con estética manga), crear sombras -duplicados de si mesmos que os representen- ou escoller unha encarnación determinada, é dicir un aspecto físico ante os demáis -no caso do protagonista, un detective de serie negra dos anos 40, malia que no pasado empregou un que lembra ao Neo de "Matrix"-
A trama é propia do xénero negro: o protagonista, Harshvardhan Wettin, é un marshall da Narración, un axente da Homologación chamado a investigar un asasinato na Universidade de Kuala Lumpur, acompañado da súa axudante Cassandra, una IA de cuarta xeración, a máis avanzada do momento.
Pero o universo de Santiago Bergantinhos é moito máis limpo e menos sórdido que os de autores Cyberpunk como William Gibson ou Robert Morgan. Na investigación de Wettin non imos ver a sucidade, os tiroteos e as esceas de torturas e sexo de, por exemplo, a de Takeshi Kovacs en "Carbono Alterado". "Aleteheia Moritat" non é un noir nun escenario futurista, senón unha historia sobre o impacto da tecnoloxía na Humanidade, e a capacidade (ou carencia dela) do ser humano para crear intelixencia artificial á súa semellanza.
Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos
Porque aquí a tecnoloxía amósase como algo desvencellado xa do soporte físico, onde as nosas interfaces I/O actuais teñen desaparecido e a interacción entre home e máquina é total, permanente e indivisible, en canto o Sistema, o Leviatán, esténdese a todo o planeta e non hai lugar onde escapar, como non sexan as transcidades, reductos últimos do lumpen e a marxinalidade. O Leviatán é omnipresente, plenipotenciario, inexorable  Controla e domina todo. É a era do Espírito na máquina.
Así, un elemento narrativo interesante é, por exemplo, a variedade de actitudes nacentes ao redor das IAs, como os luditas; ou os vixésimos, que conservan o modus vivendi de finais do século XX cunha amística voluntaria; e credos como os cibersalvacionistas ou os omeguistas, que fan, cada un ao seu xeito, interpretacións místico-relixiosas da intelixencia artificial. Por iso a terceira Lei de Clarke aparece citada no texto.
Porque a novela de Santiago Bergantinhos baseáse na simboloxía, as relixións e conceptos filosóficos e lingüísticos das culturas clásicas, converténdose nunha obra cultista. A propia idea de Aletheia, a verdade que se revela a si mesma, que non precisa ser descuberta -unha verdade non socrática- toma sentido a medida que transcorre a trama e o argumento vai crecendo e trascendendo o prantexamento inicial.
Narrada en primeira persoa e dividida en trece capítulos, resulta unha lectura doada, pois o autor decidiu non abusar de termos complexos de creación propia, e o prantexamento narrativo, moi baseado nos diálogos, dalle un ritmo cómodo que permite que as 204 páxinas pasen axiña, e de feito mesmo se agradecera unha maior extensión.
Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos
Dicía Ursula K. LeGuin que a Ficción Científica non é predictiva senón descriptiva, e a Anticipación de Santiago Bergantinhos reflicte de facto a evolución da nosa sociedade actual. O Big Data é o noso propio Leviatán, e tarde ou cedo dominaranos el a nós, non ao revés.
A globalización e a perda das identidades dos pobos non está tan lonxe do futuro que amosa "Aletheia Moritant", mesmo o Loj, a lingua franca artificial e imposta como única, fronte ao esquecemento das linguas clásicas (Inglés, Xaponés, Ruso, Español...) lembra perigosamente ao aniquilamento sistematizado, fomentado e interesado do Galego e outras linguas minoritarias en prol doutras dominantes.
A Narración, pola súa banda, semella un trasunto da nosa actual cultura de masas, coa súa tendenza á uniformización cultural, a trivialización da crítica (asistimos a un comentario sobre a Narración propio da booktuber máis superficial), a frivolidade da información e a perda das fontes primarias fronte aos sucedáneos secundarios. Como exemplo, os Moritat do protagonista, lidos por dezasete persoas, pero inmensamente populares polas súas adaptacións visuais, que terxiversan e distorsionan o contido orixinal.
"Aletheia Moritat" é unha fabulación marabillosa, na cal a trama, os acontecementos da novela, importan menos que o exercizo de especulación realizado, e que a reflexión á que move a súa lectura. De certo estamos ante unha moi interesante novela de Ficción Científica, que presenta un universo literario que agardemos Santiago Bergantinhos desenvolva en novas investigacións de Harshvardhan Wettin.
Aletheia Moritat - Santiago Bergantinhos
ONDE ATOPALO:
"Aletheia Moritat" pode mercarse na loxa de Urco Editora, na loxa do Consorcio Editorial Galego ou nas librarías do país, en formato físico, por 17 euros.
LIGAZÓNS DE INTERESE:
Urco Editora: Páxina web, Facebook, Twitter.
Santiago Bergantinhos: Páxina web, Facebook, Twitter, Google+
FICHA TÉCNICA:
Aletheia Moritat
Santiago Bergantinhos
Editorial: Urco Editora
Colección: Alcaián
Data de edición:19/01/2017
Páxinas: 210
Formato: 153x230 cm.
Encadernación: rústica con lapelas e capas fornecidas
ISBN: 978-84-16121-67-0
EAN: 978841612167
Prezo: 17€

Volver a la Portada de Logo Paperblog