Revista Cultura y Ocio

Bosquexos para unha distopía - Alberte Momán Noval

Publicado el 06 octubre 2016 por Tomas

Estos bosquexos son a miña propia banda sonora. Relatan as horas que dediquei a pasar por diante de bares abertos aos que rara vez accedín para acalmar a sede, ou se cada para escorrentar a friaxe da noite. Estes textos falan dese Lugo que apenas se aprecia, por próximo. Falan de calquera cidade na que exista un bar, unha festa popular ou a dor inmensa da violación continuada. Son tanto dese tempo que mancan cunha angustia que xa non se percibe. [...] Aquí móstrase, en moitos casos, a dor que normalizan as estatísticas do Ministerio do Interior. A violencia e o acoso como feridas do subconsciente, no tempo no que a educación e a xustiza miran de semellar ausentes.

Bosquexos para unha distopía - Alberte Momán Noval

"Bosquexos para unha distopía" é o novo libro de Alberte Momán Noval, autor da Triloxía Extraterreste que vimos a través das súas novelas "Vattene!" e "El legado extraterrestre". Nesta ocasión publica a través de Redelibros un volume que, se ben versa sobre distopías, non se enmarca na Ficción Científica -xénero que case monopoliza a temática- nin analiza as problemáticas e imperfeccións da nosa sociedade en trazos globais, senón que se interesa pola intrahistoria, polas vivenzas individuais, pola dor e o sufrimento de cada persoa, a cotío agochados baixo unha fachada de aparente normalidade. Momán fálanos dunha distopía do aquí e do agora, onde a disfuncionalidade transcorre por lugares coñecidos, correntes, sen exercizos de estrañamento.

No seu día referenciamos o estilo de Alberte Momán a autores como William S. Burroughs ou Albert Camus. Sendo unha literatura culta e experimental, cada un pode trazar liñas cara as súas propias referencias: o existencialismo de Boris Vian, o surrealismo de Burroughs ou Ken Kesey, pero tamén o weird de Robert Aickman ou o erotismo escuro de Bukowski. É, en calquera caso, unha voz discordante e orixinal no panorama das nosas letras.

"Bosquexos para unha distopía" componse de tres historias independentes:

"Novembro"

Unha historia coral, dividida en vinte capítulos ou escenas numeradas, que achega ao lector á intrahistoria da cidade de Lugo, onde mora o autor, a través das vidas de diversos personaxes que xiran arredor dun bar, o noso lugar básico de socialización. Persoas comúns das que descubrimos as circunstancias ocultas que agochan as súas fachadas exteriores, e que reflicten as doenzas da nosa sociedade: o desemprego, os desafiuzamentos, o maltrato, os matrimonios infelices, a precariedade e a explotación laborais, a miseria... O suicidio -guindándose á rúa dende unha fiestra- dun home con obesidade mórbida proporciona ao relato un ton tremendista e o emparenta co neorrealismo, reflexionando sobre a insensibilidade e a indiferenza á dor allea da sociedade actual.

Bosquexos para unha distopía - Alberte Momán Noval

"Eufemismo un e dous"

Este relato, dividido en catro escenas, contrasta co anterior pola irrupción do surrealismo e do ton estraño ( weird, se gostamos de anglicismos) propio da obra de Alberte Momán. Nunha Galiza dividida en dous hemisferios (Norte e Sur) transcorren dúas historias paralelas e relacionadas. A aparición, no campo da festa dunha verbena popular calquera, dunha muller espida e calzada con botas, anticipa unha narración que inclúe asasinatos, canibalismo e necrofilia.

O máis curto do volume, ofrece unha ollada crítica aos convencionalismos sociais, e novamente ubica situacións surreais en lugares cotiás e prosaicos, como o bochinche dunha festa patronal ou un simple bar de estrada, convertidos en escenarios inquedantes.

Bosquexos para unha distopía - Alberte Momán Noval

"Alicia"

Unha versión perversa e sórdida da obra de Lewis Carroll, na que os personaxes de Alicia, o coello branco, o sombreireiro tolo e a raíña de corazóns teñen papeis moi diferentes aos da orixinal. Dividida en doce capítulos ou escenas numeradas, amosa a unha Alicia adulta, con fortes problemas emocionais, traumatizada polos abusos sexuais padecidos na nenez, e amante de Ivonne, un interesante personaxe que permite ao autor reflexionar sobre a ética da dominación dunha persoa por outra, incluida a súa verquente sexual.

O tobo do coello e o outro lado do espello aparecen como metáforas, nunha historia que compila os elementos propios do universo literario de Alberte Momán: o surrealismo, a truculencia, o erotismo, a sexualidade menos convencional -tamén as parafilias-, a escatoloxía e a violencia estética.

Namentres, "Novembro" representa un cambio de rexistro salientable ao respecto da Triloxía Extraterrestre, despoxado de elementos fantásticos e surreais -sen renunciar ao chocante- e máis centrado no drama, cunha perspectiva neorrealista como xa dixemos, que semella inspirada polo cine social. "Alicia" continúa a intención desmitificadora dos mitos populares de "O legado extraterrestre". Se naquela eran os superheroes, aquí é a figura da Alicia -e os outros personaxes de Carroll-, á vez que se repiten a figura da dominatriz -Penelope entón, Ivonne agora- e a atmósfera sórdida e desacougante.

Bosquexos para unha distopía - Alberte Momán Noval

Así, "Bosquexos para unha distopía" permite a Alberte Momán afondar na súa concepción da literatura como eido experimental, e sérvelle para evoluir e fornecer un estilo que non colle en etiquetas, e no que a linguaxe elaborada e os cultismos non son incompatibles cunha capacidade de síntese conceptista que lle permite condensar as súas historias en textos breves, malia súa densidade argumental.

ONDE ATOPALO:

"Bosquexos para unha distopía" pode mercarse na páxina web do Consorcio Editorial Galego ou nas librarías do país, por 9,99 euros.

LIGAZÓNS DE INTERESE:

Ficha do libro en Redelibros.

Ficha do libro no Consorcio Editorial Galego.

Lectura de fragmentos polo propio autor para o blogue A duermevela.

FICHA TÉCNICA:

BOSQUEXOS PARA UNHA DISTOPIA
ALBERTE MOMAN NOVAL
Editorial: REDELIBROS SLNE
Materia: Narrativa
Data de edición:01/04/2016
Páxinas: 114
Encadernación: Rústica con tapas fornecidas.
ISBN: 978-84-943412-8-1
EAN: 978849434128
Prezo: 9,99€


Volver a la Portada de Logo Paperblog