Revista Arte

Contra a alta definición (Itapoâ)

Por Anxo @anxocarracedo

Agora explicarei como empezou todo. Contarei a quen me queira escoitar como foi que empezou todo e como fixen a miña fortuna. E non escatimarei detalles para que se coñeza ben o asunto e se entenda como é que agora, lonxe dun país onde as pensións xa non se recordan, eu cobro moito máis do que foi a pensión máxima e fago xenerosas achegas a obras de caridade cando che me peta e, en definitiva, gozo dos praceres que ofrece a vida a quen chega ao seu solpor coa conciencia baleira e o peto cheo.

Agora contareivos que, ben ao contrario do que algunhas preas teñen voceado, o meu non tivo nada que ver con andar enredando con fardos de haxís, nin con pasar a tarde na ría dándolle cremiña nas costas ao mequetrefe sinalado polo destino para ser o herdeiro do xefe, nin con contribuír ao financiamento do partido dos que mandan. E con isto non quero dicir que non contribuíra, o que digo é que nada diso tivo que ver co xeito como comezaron as cousas, e como continuaron e como acadei o que acadei e como terminei onde hoxe estou, mal que lle pese a máis dunha prea.

O que quero contar, e espero que se me entenda ben, é que o meu éxito non garda relación con lerias nin con trapalladas, a miñas mans están limpas de sangue e o meu nariz non coñece a perica. O meu, por moito que vos sorprenda, ten que ver co traballo. Cun traballo ben feito e perfectamente orientado ao mercado, e ten tamén moito que ver coa miña visión de miñato para albiscar desde as alturas por onde ían ir as cousas antes de que tomaran o rego que tomaron.

O meu ten que ver, por ir concretando un pouquiño, coas tardes limpas de primavera, que no país tampouco non eran tantas, á hora no que o sol se deitaba mainamente sobre o monte de Sâo Pedro e, para variar, non ía gota de frío. As tardes en que os donos dos pitbull viñan de traballar o solo pelviano e baixaban á praia con esteiras de escuma de alta densidade, e despíanse e sacaban as guitarras e sempre había unha rapaza que sacaba un cavaquiño, e cantaban e os seus cantos parecían unha oración a Amón-Ra ou á Pachamama, segundo atendeses co ouvido esquerdo ou co ouvido dereito, aínda que hai que admitir que non era doado sentir as cantigas por riba do bruar do mar e dos gritos dos rapaciños cando os pitbull lles trababan os xenitais ou lles comían as orellas ou lles desfiguraban as facianas para sempre xamais.

O meu ten que ver coas tardes mansiñas nas que os ases do bodyboard tomaban un bocado de descanso e quitaban os neoprenos e mergullaban no mar e non lles importaba un carallo que fose ese o momento en que comparecían as mellores ondas, que ían entregando á brisa unha cativa melena branca mentres avanzaban en perfecta orde até acabar secretamente estabuladas na area.

O meu ten que ver coas tardes en que os donos dos cans de palleiro baixaban ao paseo e lles aprendían aos seus fieis amigos que non se pode ladrar aos descoñecidos, por moito que se trate de ladridos de bo serán. As tardes en que o señor do chapeu verde facía slalon entre o xentío cos ollos pousados nun libro de Luz Pozo Garza e o home que todos criamos romanés se debruzaba no bordo do contedor e extraía tesouros de moi diferente natureza que logo clasificaba e repartía entre dous carriños da compra mil veces remendados. As tardes cando os executivos da televisión pública estatal gardaban os sobres no peto e cando o presentador dos deportes no telexornal da mesma televisión pública estatal axustaba a gravata de seda e gardaba o pano de seda no peto exterior da americana e o sobre no peto interior da americana.

E nesas tardes, mentres cada un ía ao seu, eu xa levaba unha manchea de horas traballando cos programas de edición de vídeo, desfigurando as matrículas de potentísimos automóbiles que os futbolistas estelares dos grandes equipos de fútbol do país conducían de balde. E o día que un executivo da televisión pública estatal preguntou por preguntar por que en vez de tomar o traballo de pixelar as matrículas non eliminaban da escaleta do telexornal as imaxes dos relucentes automóbiles das estrelas do deporte-rei, cousa que —atreveuse a precisar— lle parecía a solución máis sinxela e razoábel, o miñaxoia foi fulminantemente despedido e todo o mundo continuou tranquilamente co que estaba a facer, que era gardar sobres no peto interior da americana e panos de seda no peto exterior da americana. Todos menos eu, que seguía a traballar sen descanso, convertendo as nidias matrículas en indescifrábeis borróns dixitais, como xa dixen, e desenvolvendo métodos e tecnoloxías exclusivas de pixelización intelixente e enriquecida, conseguindo uns acabados nunca antes vistos no mundo da pixelización e moi apreciados polos telespectadores, a xulgar polos máis rigorosos índices de audiencia.

E pronto comecei a recibir encargos de televisións públicas e privadas de todo o mundo e mesmo de canais de Youtube con millóns de subscritores, porque todos querían incluír nas súas programacións as espectaculares imaxes das matriculas fermosamente pixeladas sobre automóbiles de superluxo conducidos presuntamente por futbolistas de superluxo entrando a toda presa en aparcadoiros de instalacións deportivas de superluxo e de urbanizacións de superluxo e de discotecas de moda e de prostíbulos de alto standing e de centros médicos especializados en maternidade subrogada que ofrecían un amplo catálogo de fermosos úteros en aluguer, úteros certificados e resplandecentes que eu soñei que se cadra algún día chegaría tamén a pixelar, cousa que finalmente non se deu porque, a vida nos aprende, non sempre se pode todo. I eu, daquela, onde ía que sabía que acertara de pleno co meu nicho de mercado e xa tiña ampliado a oficina, collendo primeiro bolseiros con varios máster e logo despedindo aos bolseiros antes de que empezasen a pedir salarios dignos, e contratando a operarios moi ben cualificados que traballaban a distancia desde moi diversos e lonxanos países en vías de desenvolvemento grazas a internet e ás novas tecnoloxías da comunicación, e logo prescindindo tamén deses produtivísimos tele-traballadores antes de que se puxeran repunantes, e deixando todo en mans de intelixentes robots que traballaban as vintecatro horas do día pixelando sen rechistar matrículas de automóbiles autónomos de futbolistas de alto rendemento que daba gloria mirar para eles (para os robots, quero dicir).

En definitiva, e para ir rematando pois non estou aquí para abusar da paciencia de ninguén, foi así como desenvolvín unha carreira que todo cristo, coa única excepción dos caradecona e os empezoñados pola envexa, ten cualificado de brillante e mesmo de exemplar, e na que o máis importante foi que nunca, xamais, malia que os éxitos chegaban un tras outro, nunca me dei por satisfeito e sempre mantiven a actitude emprendedora e reinvestín os beneficios da miña lucrativa actividade, investigando continuamente e mesmo marcando o paso das novas tendencias en pixelización de matrículas de automóbiles de luxo de futbolistas balón douro e, en xeral, rachando coa pana.

E así foron as cousas, nin máis nin menos, até que chegou o momento en que considerei que xa fixera abondo pola causa e decidín retirarme a gozar eu mesmo das tardes mornas dunha primavera eterna, e especialmente da hora en que o sol se mete para dentro da badía i eu paseo en boa compaña vestido apenas cun calzón de baño, chupando un auga de coco ou se cadra unha cachaciña, sentindo, como dicía o bo do Vinicius, a terra toda a rodar.

Contra a alta definición (Itapoâ)


Contra a alta definición (Itapoâ)

Volver a la Portada de Logo Paperblog

Sobre el autor


Anxo 704 veces
compartido
ver su perfil
ver su blog

El autor no ha compartido todavía su cuenta

Revistas