Revista Cultura y Ocio

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

Publicado el 15 agosto 2015 por Tomas
Sinopse: Cincuenta anos dan para moito no mundo das verbenas. Todas as historias que nel foron e serán nos se poderían contar no limitado tempo de vida dun ser humano. Tampouco os desacougos, os infortunios, o insomnio e os milleiros de quilómetros ás costas se poderían narrar con xustiza nun feixe de páxinas. 
Derradeiro bis en catro-corenta é unha ficción feita con retallos de realidade. Esta novela combina as visións e as vidas de múltiples personaxes involucrados no tecido do ocio estival galego, desde o músico que ollou ao longo de cincuenta anos a auxe e a decadencia das verbenas, até o cantante de moda, que sae á escena acelerado pola cocaína. 
Ás veces os cadros son crus, ás veces, desacougantes, surrealistas por momentos. Algúns mesmo nos fan sorrir, case sempre amargamente. 
Todos os personaxes e historias deste crebacabezas son pura ficción, malia que moitos dos que vivimos ás interminábeis noites de verán e os amañeceres na estrada, rumbo a outro lugar, nos veremos reflexados, cando menos, nalgún momento. 
Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola
Título: Derradeiro bis en catro-corenta
Autor: Tomás González Ahola. Escritor, editor, impresor, licenciado en filoloxía clásica e traductor do inglés e do finés. Creador das editoriais Urco Editora e Contos Estraños. Traballou moitos veráns como músico de verbena, experiencia da que tirou esta novela. 
Ano de publicación: 2015
Xénero literario: Autobiografía (en certo xeito), Novela negra, Drama, Humor (paradóxicamente)
"Derradeiro bis en catro-corenta" é unha obra persoalísima de Tomás González Ahola, desvencellada da súa actividade cotiá como editor e responsable de otros proxectos literarios. Por iso optou pola autopublicación dunha novela que supón unha catarse da súa propia experiencia de anos traballando como músico de orquestra, reflectindo o seu coñecemento de primeira man dos clarescuros do mundo da verbena galega e as súas miserias. 
Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola
Se cada pobo ten que escribir as súas historias a partires dos seus propios feitos diferenciais, os galegos temos terreo abonado para a novela negra no mundo das festas tradicionais e das orquestras que as amenizan. Máis de duascentas formacións de todo tipo percorren a xeografía galega de festa en festa. Case a metade pertencen ao mesmo empresario, a día de hoxe acusado de fraude fiscal millonario. Milleiros de músicos (e outros traballadores como conductores ou técnicos) integran estas orquestras: homes e mulleres en diferentes situacións de precariedade laboral, malcomidos e maldurmidos, que arrastran sono atrasado, a vergoña de tocar en playback, xornadas de traballo maratonianas e milleiros de quilómetros de estrada en vehículos mellor ou peor conservados.
Veño de etiquetar "Derradeiro bis en catro-corenta" como Novela Negra, pois sen ser unha historia policíaca ou detectivesca reflicte un entorno escuro, sórdido, degradado e mesmo delictivo, no que conflúen o crime, as prácticas empresariais mafiosas e o consumo masivo de cocaína.
As vivencias dos distintos personaxes que protagonizan a novela teñen que ser por necesidade dramáticas. Porén, o texto amosa un sentido do humor negro e ácedo, ese humor nacido da resiliencia e que atesouran persoas e pobos afeitos ao sufrimento sostido, que atopa beleza na miseria e que emparenta aos músicos pachangueiros de Ahola cos mineiros pampinos de Rivera Letelier, cos parias de Aki Kaurismäki ou cos ziganos de Kusturica. 

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

A veterana Los Satélites nunha actuación en Ferrolterra, nos anos 60 [fonte]


Debo anticipar que a miña ollada a este libro non é imparcial nin pode selo, pois persoalmente comparto moito do punto de vista do seu autor, algo que se resume á perfección tamén neste artigo. Eu son pouco de verbenas, e cando vou son dos que se apoian na barra do bochinche da comisión, para que non caia. Porén, as orquestras sempre me pareceron algo fascinante, e nos meus tempos de antropólogo frustrado tiña idea de facer a meu traballo de fin de carreira sobre a figura dos cantantes masculinos de orquestra, algo que por sorte nunca veredes escrito. 
O periplo de "Derradeiro bis en catro-corenta" percorre cincuenta anos da historia da verbena na Galiza, dende os anos sesenta até a atualidade, e amosa os cambios que o sector da música popular sufriu no noso país neste tempo. Para o cal Ahola válese dun estilo narrativo propio da non-fiction novel, con escenas curtas sen orde cronolóxica, alternada con artigos de imprensa ficticios. As escenas van e veñen adiante e atrás no tempo, de modo que permiten comparar a situación en diferentes momentos destas cinco décadas. A conclusión é evidente: a decadencia artística e a precarización laboral da industria da verbena foron parellas á súa monopolización por parte dos representantes e axencias e á perda de poder de decisión dos músicos. 

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

Formación e imaxe habituais dunha orquestra nos anos 70.
Neste caso,a histórica Los Key [fonte: Leña Verde]


A novela, de cento sesenta e dás páxinas, lése a unha velocidade de vertixe. Non trae índice, pero contei vintesete escenas, tituladas coa data e o lugar no que transcorren (parroquia, concello, provincia e festa patronal correspondente). O se estilo é moi sinxelo, sen apenas adxectivación nin descripcións. É evidente que o seu autor desexaba primar a historia sobre o formal, e non existe unha intención literaria. o cal non quere dicir tampouco que o estilo sexa descoidado.
A historia céntrase en dous personaxes principais: Sito, saxofonista da orquestra Mar de Ons, que ten a súa auxe nos anos setenta e oitenta, e o seu fillo Marcos, guitarrista en dúas orquestras de patacón: a Bingo primeiro a Platón despois, formacións que tocan en playback e actúan nos peores lugares, os de menos caché. De carácter coral, a novela posúe otros personaxes de interés como Paco Palenque, dono da exitosa orquestra Guaraná, que cae en desgraza polo novo modelo da industria, véndose na obriga de montar un conxunto pataconeiro chamado Zenit e tocar en pregrabado en actuacións de mala morte; Tucho Quintás, alcumado o Gran Xefe, empresario monopolístico e transformador do panorama da verbena galega; ou Pitín, exitoso cantante da maior orquestra da Galiza, a Mascato, cocainómano e mediocre como cantante pero insuperable como "animador".
A mensaxe é clara: coa chegada dos axentes representantes e o progresivo investimento na parte visual (iluminación, vestiario rechamante, bailarinas, cantantes femininas lixeiras de roupa, máquinas de fume) en detrimento do puramente musical, a verbena galega perdeu a súa esencia a arruinouse todo o que tivera de popular para converterse nun negocio mafioso no que a música é o de menos. Morre a verbena, nace a pachanga

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

A París de Noia no 1990 [fonte]


Esto acúsase nos repertorios, e chega a tiranía dos ritmos caribeños que padecemos hoxe: cumbia, reguetón, salsa, bachata... As orquestras atéiganse de cantantes mediocres que os axentes converten en saltimbanquis que dan pinchacarneiros polo escenario. O importante é que as rapazas amosen carne, que haxa luces ben espectaculares e que o volume sexa enxordecedor. A crítica que escoitamos aos vellos amantes da verbena nas tertulias de tasca ("o de agora non é música de bailar, é para mirar") aparece en boca do vello Sito, a piques de xubilarse, nunha conversa co seu fillo Marcos. 
O devandito Marcos é probablemente un trasunto do propio autor, que ao través del narra experiencias propias, e reflicte a peor cara dunha dura vida, como dí textualmente a novela, de "mercenariado e prostitución". A maior humillación posible para un músico, obligalo a tocar en playback, fronte á indiferencia dun público acrítico que só quere emborracharse e ao que tanto ten o que ocorra sobre o escenario. O sentido de humor negro aboia en situacións como a primeira actuación de Marcos, nun camping, sen escenario e coa guitarra conectada a unha caixa de plátanos de Canarias. 
O mosaico de personaxes deste microuniverso pachangueiro é moi amplo e variado, e inclúe desde falsos músicos (como camioneiros que finxen tocar o teclado) até quen non quere vivir outra cousa mesmo sendo consciente da miseria do seu mundo, como Pachí, xefe de Marcos na Bingo.  

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

E a París de Noia no 2014. Polo camiño perderon as camisas. 


É en calquera caso un mundo miserento, suxo, sórdido, escuro, triste, cru. Os músicos consumen a vida de festa en festa, durmindo onde poden (se non hai hostal, no camión ou furgoneta), comen o que haxa, traballan sen dignidade e moitas veces en negro ou de maneira precaria. Xogan a vida en transportes vellos e escangallados, cargados ata os topes de equipo, que en ocasións nin suben as encostas.
E por riba de todo, a figura omnímoda de Tucho Quintás, o pésimo saxofonista que se converte no grande capo da pachanga, creador dun sistema mafioso no que controla a meirande parte das orquestras da Galiza, os escenarios móbiles (icona do cambio de paradigma da industria), os equipos de son e luz, as datas, a rede de axentes representantes... Tucho é quen crea e destrúe artistas, quen decide qué orquestras triunfarán e cales non, quen impón os repertorios e as tendencias, quen termina por facerse con todo, quen extende a súa actividade aos locais de prostitución e mesmo ao narcotráfico e, como boa novela negra que é "Derradeiro bis en catro-corenta", quen ten máis dun cadáver no armario e remata por crearse moitos inimigos e por mancar a moita xente. Xente a quen sobran os motivos para desexalo morto.
Que dito sexa de paso, todos os personaxes e orquestras, pertencendo á máis estricta ficción, semellan ter a súa correspondencia na vida real, ou alomenos lembran a eles. Na orquestra Mascato, na Manhattan, no empresario Tucho Quintás, no cantante Pitín e nos seus excesos coa cocaína, mesmo no amable dono da tenda de música compostelá, cremos ver algo ou a alguén coñecidos. Ou non. Cada un que tire as súas propias conclusións. 

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

Á esquerda, a Columbia nos 60. Á dereita, o Combo Dominicano,
 a "sensación" actual da pachanga, no 2015. Algo fixemos mal


A novela é tan rica en anécdotas curiosas (como a chegada de Marcos e o resto da Bingo a un campo da festa onde son confundidos con xitanos feirantes) como en esceas fermosas (a reunión de músicos e outros traballadores de varias orquestras nunha estación de servizo, almorzando nun ambiente de compañeirismo e irmandade sen importan qué importante ou grande sexa cada unha delas) ou en frases significativas, en boca dun ou doutro personaxe. Comentar que contén imaxes de forte simbolismo. Unha, o propio comezo: un home aforcado nun vello palco de cemento, dos que aínda persisten nalgunhas parroquias, símbolo dunha era perdida, que se ven abaixo de pura podremia e abandono. Outro, a morte dun músico polo fallo do brazo hidráulico dun dos primeiros escenarios móbiles que constrúe Tucho Quintás, de novo un símbolo, pero neste caso da nova era da pachanga e da súa deshumanización. 
Son dous, entón, os ingredientes cos que Ahola compón "Derradeiro bis en catro-corenta". Un, o retrato cru e descarnado da industria da pachanga e da dura vida que levan os seus traballadores, inzada de denuncia dun sistema noxento que obriga ás orquestras a embarcarse nunha espiral sin fin de investimentos e gastos cada vez maiores en equipo de luz e son, escenarios, camións... no que o empresario que controla cada parafuso da industria ten sempre beneficio garantido. Algo que ten que rachar tarde ou cedo porque é unha burbulla insostible moito máis tempo. Pero o outro é a saudade dos vellos e bos tempos da música popular e da verbena galegas, e unha sentida homenaxe a todos aqueles que as fixeron grandes. Por boca de Marcos lemos algo co que moitos de nós soñamos:
"Imos volver ás romarías populares, ás sardiñadas, aos gaiteiros, ás charangas e ao contacto directo e cru da música coa xente. En resumo, imos volver ao palco de cemento". 

Derradeiro bis en catro-corenta - Tomás González Ahola

En tempos apañaban así. Sen luces nin amplificación de milleiros de watts, nin mulatas
amosando cacha nin farrapos de gaita. E a xente bailaba e divertíase a eito [fonte]


FICHA TÉCNICA:
Tomás González AholaEditorial: Redelibros (autopublicación)Formato: Rústica con tapas plastificadasFecha de publicación: 25 de xullo de 2015Precio: 13€Páginas: 166ISBN: 978-84-943412-5-0

Ligazóns de interese:
Ficha do libro en Redelibros. 
Perfil de Tomás González Ahola en Linkedin
Perfil do autor en Facebook

Para entender o que supón a verbena galega hai información arreo, con opinións para todos os gustos: 
Páxina web Orquestas de Galicia
Páxina web Orquestas y fiestas.
"Verbenas, da tradición á perversión", artigo de Fernando Rei no Sermos Galiza
"La época dorada de las orquestas meañesas" no Faro de Vigo.
"Si matas a la orquesta, te cargas la verbena" no La Voz de Galicia.
A orquestra máis popular da Galiza en Magazine Delicacy e no El País (2008).
O fenómeno das verbenas galegas visto pola prensa española no xornal El País, no La Opinión e na web Orkestas.
O sector das orquestras solicita beneficios fiscais e unha nova lexislación á Xunta: [1], [2][3], [4], [5].
Estudio do ano 2012 da Universidad de Santiago de Compostela sobre o sector das orquestras e as súas cifras:  [1], [2], [3]
A hexemonía da maior empresa do sector e as súas consecuencias: [1], [2], [3], [4][5]. O seu dono, diversificando capitais (2011).
A devandita empresa acusada de fraude fiscal: [1][2], [3], [4], [5], [6], [7], [8], [9].

Nota: Publícase esta recensión o 15 de agosto, día da Nosa Señora, festa grande na que a Galiza enteira está de verbena. Esta noite centos de orquestras e os músicos e outros profesionais que as forman estarán na estrada forzando a máquina e deixando a vida e a saúde en divertir e darlle troula a milleiros e milleiros de persoas por todo o país. Persoas alleas á realidade de aqueles que seguen ahí cando os demáis durmen a chea, as luces se apagan e a música remata. A todos eles e elas vai adicada esta entrada.

Outros libros de Tomás González Ahola en Kindlegarten: 
- Galiza Mutante, Poder Nuclear!



Volver a la Portada de Logo Paperblog