Revista Cultura y Ocio

O tabú na traslenda - Isidro Novo

Publicado el 01 julio 2017 por Tomas
O autor, dándolle gozo á súa imaxinación, quixo facer notorio o seu optimismo cara ao futuro do medio rural galego que a día de hoxe aínda está nun deprimente retroceso, a pesar deses gromos de xente con preparación cara a un obxectivo rendíbel que se asenta nel con intención de permanencia. A novela desenvólvese nunha parroquia de interior (Amarelle), unha parroquia que, sen nada que a potencie sobre as demais do seu arredor, estrañamente resiste cos mesmos habitantes de principios do século XX e no imaxinario de quen a habita latexa que é un ser sobrenatural que sobrevive neles como mito o que vela para que se manteña cunha vitalidade estábel. Os habitantes de Amarelle renegan das mouras como mito estereotipado diante da xente de fóra, pero ao mesmo tempo entre eles cren na súa, porque teñen constancia de que a Moura de Amarelle é un ser benfeitor, e máis dende os tempos nos que o seu amante é un veciño moi querido da parroquia que, namorado e perseguido, quixo ser encantado por ela.
O tabú na traslenda - Isidro Novo
O tabú na traslenda, de Isidro Novo, é unha das últimas novidades editoriais de Urco Editora neste 2017, dentro do seu selo de produción propia Alcaián. Como imos ver, a publicación desta obra amosa un compromiso coa fantasía como xénero literario, con independencia das formas que poida adoptar.
Porque a novela de Isidro Novo insírese nunha tradición literaria de noso, o conto, vencellada á transmisión oral, á cultura popular e ao folclore e as lendas tradicionais galegas. Coa figuras da moura e do aparecido como fíos conductores da trama, o autor tece un retrato do eido rural galego que fuxe do habitual ton esmorecente coa que falamos do agro, case a crónica dunha realidade que esborralla até morrer, para ofrecer unha ollada optimista, esperanzadora, amosando un mundo cheo de futuro.
Semella que vivimos un doce rexurdir do realismo máxico: se hai pouco falamos de Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, de Álex Bayorti, do Durmir com Lisboa de Fausta Cardoso, e agora mesmo está a aterrar nas librarías A vida sinxela de Marcelo Firmamento, de Vanesa Santiago, O tabú da traslenda recolle tamén as ensinanzas de Álvaro Cunqueiro, o máis ilustre practicante do xénero.
Cando andaba pola Coruña, Don Álvaro sempre entraba nunha mercería da rúa de Santo André, e picáballe co paraugas á miña nai cando estaba a coser a máquina, para que lle dera recado ao dono, que era amigo del, de que saíra tomar un viño. Xa rematada Santo André, na antiga Praza dos Ovos, moderna Praza do Humor, ten o mindoniense unha estatua sedente, rodeado de baiucas que serven racións ben gorentosas, así que coma dous nunha zoca non ha de estar. Precisamente serían aqueles tempos que andaba Cunqueiro por Barcelona e un rapaz colombiano, neto de galega, escoitouno falar de comida nun restaurante e ficou pampo. O rapaz, que se chamaba Gabriel, levou para alén do mar aquel xeito de narrar, e dende aquela os que saben de literatura din que o inventaron alá. E así botamos tantos anos os galegos, que inspiramos Comalas e Macondos, escoitando que o noso realismo máxico é de emprestado, por ser tan amigos do Creative Commons.
O tabú na traslenda - Isidro Novo
O que veño de facer, fiar unha historia con outra, é o xeito de narrar que tan ben desenvolveron mestres coma Cunqueiro, Ánxel Fole ou Carlos Casares, que tanto debe á nosa tradición oral, onde os contos se contaban arredor da lareira e unha historia ía inspirando a seguinte. O mesmo esquema emprega Isidro Novo, de maneira que os vinteseis capítulos de O Tabú na traslenda non compoñen unha estructura narrativa clásica «introducción-nó-desenlace», senón que son escenas, cadros que se van sucedendo en aparencia sen orde estabrecida, no que un capítulo semella vir suxerido polo anterior, por exemplo pola aparición dun determinado personaxe. 
Así, o ritmo de lectura de O tabú da traslenda é repousado, para desfrutar da atmósfera calma e máxica de Amarelle, a parroquia do concello de Vilanosa -nun ficticio nalgures no interior rural da Galiza- que ambienta as historias cotiás que conforman o libro. Amarelle é un lugar onde a poboación non medrou nin minguou significativamente ao longo do século XX, mesmo cos novos veciños que seguen a instalarse nela, como Aldous, o xubilado alemán, ou Irimia a xornalista. 
Amarelle, ou o conxunto das súas xentes, vóltase protagonista coral, como a aldea innomeada na ribeira do Po de Giovannino Guareschi. E como o italiano, Isidro Novo practica un costumismo delicioso, que fai sentir aos personaxes de O tabú na traslenda como achegados, como coñecidos, pois semellan tirados da vida diaria do noso rural e da nosa historia reciente.  
O tabú na traslenda - Isidro Novo
O autor artella ben o realismo máxico, facendo agromar a fantasía do cotián, do ordinario, acadando que os feitos máis fantásticos semellen admisibles e mesmo razoables. Así saberemos que a vila se atopa baixo a protección dunha moura que sempre viste combinando tres tons de verde, e que todos en Amarelle coñecen e teñen visto, máis cuxa existencia sempre negarán aos de fóra (velaí o título da obra). E que a moura ande en amores con Amado Trasancos, ou Amado o Elegante, un aparecido que sempre viste moi ben co seu estilo de época e que gosta de tocar o acordeón. Que en Amarelle ocorran os sucesos máis extraordinarios, e que a explicación máis imposible sempre sexa a científica. 
É salientable o uso da linguaxe por parte de Isidro Novo, tanto no léxico escollido como na construcción gramatical, que acada unha sensación de oralidade axeitada para apoiar o carácter popular da súa narración. A brevidade dos capítulos fornece a sensación de estar a ler contos autoconclusivos, que postos en conxunto conforman a historia da parroquia de Amarelle, da súa moura e de Amado Trasancos, malia que non exista un núcleo narrativo marcado e o que conte sexa desfrutar de como se conta a historia tanto como da historia mesma. 
O tabú na traslenda é un libro de fantasía que actualiza un xénero e un xeito de narrar de noso, e que ofrece o valor engadido de amosar o eido rural dende unha perspectiva tamén anovada: luminoso, cheo de vida e atractivo para a xente nova, coñecedor do seu pasado e que non se avergoña del. Unha mostra de que a fantasía en galego, como no resto de línguas, pode tomar tantas formas como queiramos, e unha delas é o realismo máxico que abrolla sen esforzo de calquera recanto da Galiza. Só hai que darlle forma escrita como ven de facer Isidro Novo. 
O tabú na traslenda - Isidro Novo
ONDE ATOPALO:
O tabú na traslenda pódese mercar na páxina web de Urco Editora por 15 euros sen gastos de envío engadidos, na páxina web do Consorcio Editorial Galego, ou nas librarías do país. 

LIGAZÓNS DE INTERESE:
Urco Editora: Ficha do libro e do autor, Facebook, Twitter
Isidro Novo: Facebook, Goodreads, AELG.
FICHA TÉCNICA:
O TABÚ NA TRASLENDA
Autor: ISIDRO NOVO
Colección: ALCAIÁN
AUTORISIDRO NOVO
Páxinas: 194
Formato: 133x210mm
Encadernación: Rústica con lapelas e capas fornecidas
ISBN: 978-84-16121-79-3
Prezo: 15€

Volver a la Portada de Logo Paperblog