Revista Cultura y Ocio

Os abismos da noite eterna - Roberto A. Rodrigues

Publicado el 26 julio 2016 por Tomas
E chegou aquel aciago día en que a terra tremeu. Unha fenda abriuse de norte a sur, amosándolle ao noso mundo a funesta ameaza que se agochaba soterrada nas profundidades das Terras de Alén do Muro, naquel deserto esquecido pola compaixón dos deuses ao que as xentes piadosas chamaban o Ermo. Aquela fenda abriu un abismo insondábel do que emanou a Esencia Escura, unha pútrida substancia que deu forma á máis terríbel das criaturas, un ser ao que ninguén osou pór nome, pero que todos coñeceron como o Morador da Fenda. 
Os abismos da noite eterna - Roberto A. Rodrigues
Do papel da editorial Contos Estraños como cerne da nova fantasía galega xa temos falado, e de Roberto A. Rodrigues tamén, co gallo da súa novela xuvenil "Alén do remuíño", de Urco Editora. Salientaremos agora que Rodrigues, autor habitual na publicación periódica Contos Estraños, foi unha das primeiras apostas da editorial á hora de saltar dos relatos ás novelas.
E se "As crónicas de Bran" de Xosé Duncan teñen o honor de ser a primeira triloxía de fantasía heroica publicada íntegramente en galego, "Os abismos da noite eterna" de Rodrigues é, pola súa banda, a primeira en ver a luz. Con dúas sagas de fantasía heroica editándose á vez, o compromiso de Contos Estraños (hogano integrada en Urco Editora, como sela desta) coas novas formas de fantasía en galego é evidente. 
"Os abismos da noite eterna" comeza a publicarse no 2012 con "O Morador da fenda", ao que seguirán "A lenda do Xameldín" no 2013, e "A luz que creba a noite" no 2015.
No apartado gráfico, o primeiro volume conta co deseño de Tomás González Ahola e fotografías de Raquel e Carolina Botana. As capas do segundo e terceiro volume son obra de José María Picón, portadista habitual de Contos Estraños. Como é idiosincrático do xénero, os comezos de cada libro inclúen distintos mapas para situar a acción.
Fortemente referenciada á obra de J.R.R. Tolkien (malia que tamén evoque á de autores máis modernos como Stephen Lawhead ou Tad Williams), "Os abismos da noite eterna" é una saga literaria dunha grande epicidade, que emprega tódolos arquetipos da fantasía heroica para tecer unha historia de valores, que narra a loita eterna entre o Ben e o Mal. Un Mal que se amosa na súa manifestación máis absoluta. 

Os abismos da noite eterna - Roberto A. Rodrigues

Roberto A. Rodrigues [fonte: Libraría Cartabón]


Como a práctica totalidade das novelas de fantasía épica, a triloxía responde ao esquema do monomito ou do heroe das mil caras postulado por Joseph Campbell, se ben habemos ver como este bildungsroman non se cingue ao protagonista, pois son varios os personaxes que pasan pola súa viaxe iniciática e polo seu proceso de crecemento persoal. 
Porque "Os abismos da noite eterna" non é somentes a historia de Balso o augur, o personaxe central: é a de todo o mundo de Alianza, do ascenso dos novos reis dos homes e do nacemento dunha nova era para a humanidade sobre as cinzas da anterior.
Alianza é un mundo marcado pola figura senlleira do monarca Helémodo, que milenios atrás vencera ao Morador da Fenda na súa primeira aparición. Pese a traizón de Barondor, que cambiou de bando para loitar a carón do Mal, Helémodo conduciu á heroica alianza de todos os pobos contra o Morador, derrotándoo e confinándoo baixo o Ermo, nacendo así a lendaria figura do Xameldín, que ha retornar cando o Morador reapareza. 
Os tres fillos de Helémodo foron fundadores e epónimos dos reinos principais: Ténido, fundador do reino de Teno, cuxo emblema é a aguia dourada. Ásgredo, do reino de Asgra, simbolizado polo cervo astado. E Himédeo, do reino de Himedoc, representado polo cabalo de prata. No norte áchase Barana, onde os gadeóns, fillos de Gadena, viven como iguais nunha terra libre de xerarquías. 
Os abismos da noite eterna - Roberto A. Rodrigues

Os mercenarios ódalos e máis pobos como os silandeiros mestos e os primitivos albos amosarán o seu valor loitando a carón dos reinos, nunha época na que a antiga alianza dos homes cos alados Váldigos e os pequenos e enxeñosos nasrim rachou hai séculos, por  mor da cruel e traizoeira natureza humana. Os ardénligos, os homes sen tempo, sabios e posuidores de poderes abraiantes, serán cruciais para que a Alianza se enfronte ao Mal cunha mínima posibilidade de vencer.
"O morador da fenda" comeza coa presentación de Balso, un xove augur que pode predecir o futuro a través de visións. Por mor do seu don malvive como un paria, na indixencia e desprezado por todos. Balso preconiza un terremoto devastador, a apertura da fenda no Ermo e o retorno do Morador. Salvado dun linchamento por un grupo de afoutos gadeóns, por encargo de Gaíf o ardénligo, será levado á corte de Teno, rexida polo inexperto rei Príamo. O rei e o seu exército deben dirixirse ao encontro dos outros monarcas de Alianza, para selar o pacto co que enfrontar ao Morador. Polo camiño farán aliados, como os pobo mesto, no que destacará Atir, prodixiosa arqueira e xinete de touros. 
Pero o pacto non será doado, pese aos intentos de Graguel o arléndigo, custudio da alianza. Láncara, raíña de Asgra, e Orxílaco, rei de Himedoc, non esquecen as enemizades do pasado. No segundo volume, "A lenda do Xameldín", a narración dividirase en tres liñas: Por unha banda, Balso viaxando en soidade cara o encontro co seu destino. Por outra banda o rei Príamo, o arlédingo Graguel e o gadeón Terán na procura das Portas de Rogueldor, tentando acadar a axuda dos váldigos, que viven indiferentes ao que ocorre no mundo dos homes. E por outra, os exércitos da Alianza avanzando cara o Norte, cara o Muro que separa Alianza do Ermo, dispostos a enfrontarse ás forzas do Morador nunha batalla perdida de antemán.
Os abismos da noite eterna - Roberto A. Rodrigues

"A luz que creba a noite", publicado xa tras a fusión Contos Estraños - Urco Editora, é o volume máis épico da saga, pois narra a batalla final entre a Alianza e as hostes do Morador. É tamén o menos extenso dos tres, e o que se fai máis curto, polo seu ritmo de lectura e os emocionantes feitos que narra.
A saga está relatada cun estilo sinxelo, cun léxico coidado e fuxindo de formas complexas, se ben nótase un forte traballo de estructuración en prol da claridade narrativa. Cada volume comeza exactamente onde remata o anterior, sen grandes elipses. O autor acada un texto emocionante, unha historia marcada pola épica, o heroísmo e a gallardía. Onde afoutos guerreiros e guerreiras, magos e criaturas fantásticas enfróntanse á súa antítese, seres preternaturais puramente maléficos, crueis e destructivos, para defender e salvar aos seus pobos e ao mundo que coñecen.
É difícil non establecer paralelismos entre "Os abismos da noite eterna" e "O señor dos aneis", tanto en situacións como en escenarios e personaxes, polo uso por parte de Roberto A. Rodrigues de arquetipos da fantasía heroica e de elementos comúns ao xénero. Porén, actualiza moitos elementos do mesmo: non atopamos o monarquismo reaccionario de Tolkien ou C.S. Lewis, senón un mundo onde os reis non son depositarios de todas e virtudes posibles, e deben gañar a confianza e o respecto dos seus pobos a través dos seus actos. Rodrigues actualiza tamén o papel da muller, moito máis activo que nos clásicos, con personaxes principais como Atir, a raíña Láncara e a súa filla Airem, entre outros. Como feito diferencial saliéntanse un pobo, os gadeóns, que non recoñece a rei ningún e se rexe pola igualdade de todos os seus membros, nunha camaradería e irmandade con visos de anarcosindicalismo.
Os abismos da noite eterna - Roberto A. Rodrigues

Como dixemos, "Os abismos da noite eterna" é unha historia de valores, e resulta ben axeitada para o público xuvenil, aínda co seu achegamento ao Grimdark, con elementos como a Esencia Escura e as macabras descripcións das hostes do Mal e daqueles que se ven afectados pola devandita Esencia (que nalgún intre raian no gore), ou a cantidade de personaxes que pagan coa súa vida o enfrontamento coas forzas do Morador. 
A lealdade, os ideais, a fidelidade aos aliados e a un mesmo, o compañerismo, o esforzo e o sacrificio, a afouteza, a capacidade de deixar a un lado as diferencias e colaborar polo ben común, o recoñecemento do valor e as cualidades dos demáis por riba das súas eivas, o perdón dos agravios históricos e as oportunidades para a redenzón son os valores que amosa "Os abismos da noite eterna", e as armas da Alianza fronte a un inimigo que apodrece canto toca. Porque o mal está tamén na imperfecta natureza humana, e mesmo a alma máis noble e pura é falible e vulnerable á corrupción.

Por iso "Os abismos da noite eterna" é, como todo bildungsroman, a loita dun heroe contra os seus propios medos e as súas propias sombras, e o relato de cómo ese heroe supera as súas limitacións (e os limiares do seu mundo ordinario) para acadar o destino ao que está chamado. Pero non narra só a odisea de Balso. É tamén o periplo do rei Priamo e da raíña Airem, e do novo mundo que chega co seu reinado. É a historia da anovación da alianza entre todos os pobos libres e do acto da xustiza para aqueles pobos, como os mestos, que vivían na iniquidade. E todo narrado cos elementos arquetípicos e tópicos dos que tanto gostamos na fantasía heroica: cornos e buginas aprestando os exércitos, cos seus blasóns, armaduras e armas (a espada dos gadeóns, a lanza dos ténidos, o tridente dos ásgredos, a bisarma dos himédeos), encarnizadas batallas, valentes berros de guerra e filosofía bushido ("Morte ou morte!"), desesperadas cargas de cabaleiría, afoutos guerreiros avanzando baixo choivas de setas, resistencias numantinas ante as hostes malignas, inimigos monstrosos, maxia e feitizos, seres de luz, antigas lendas, traizóns e deslealdades, alianzas de pobos fronte a o Mal, un vilán con entidade e, sobor de todo, un simple mozo chamado a ter o destino de todo un mundo nas súas mans.

LIGAZÓNS DE INTERESE:


Urco Editora: Páxina web, Facebook, Twitter
Contos Estraños: Facebook
Blog da saga e Booktrailer
Roberto A. Rodrigues na Wikipedia

Volver a la Portada de Logo Paperblog