A lúa dos Everglades

Publicado el 28 enero 2012 por Xoselois

A lúa dos Everglades

Autor   Xesús Manuel Marcos (1967)Máis información: Blogue persoal
LibroEditorial: Edicións Xerais de GaliciaEdición leída: 2007Páginas: 190ISBN: 978-84-9782-649-5Premio Terra de Melide 2007 Idioma: Galego
A miña impresión
Ás veces a emigración, para os que a levamos nas veas -e  xa van catro cidades en tres países diferentes- e na familia -os meus devanceiros tamén o foron, incluso repetindo país- non é únicamente por mor dos cartos, do traballo, da supervivencia, senón para fuxir dun mesmo e das lembranzas máis fondas. Esto todo é o que acontece nesta obra.
Neste libro Xesús M. Marcos nárranos tres historias a priori sen vinculación algunha. Cada historia conta cun narrador máis ou menos vinculado á historia de fondo. En Bós Aires acontece unha traxedia na que morren asasinados cun ensañamento inhumano tres vellos emigrados dende a Galicia profunda. Deste caso hase encargar un policía neto de emigrante galego. A resolución do caso halle levar ós seus días de cativo e as lembranzas que tén do seu avó aflorarán durante a investigación. En Miami, levana un hospital a unha muller que non lembra nin o seu nome, logo dunha malleira brutal por mor de roubarlle na rúa. Durante a súa recuperación longa, moi longa, e esquecida polo mundo, vánselle vindo as lembranzas do que a motivou a migrar cara América dende a Galicia profunda. En Madrid, un vello que está a vivir só no piso da familia logo de que morrera a súa nai, tenta suicidarse ó pouco de coñecer ó seu máis novo veciño.
Estas tres historias que se están a intercalar no libro teñen un mesmo trasfondo, a historia dunha familia desfeita e avogada a fuxir uns dos outros, á soidade e á emigración.
Esta lectura amósanos o mellor e o peor do home. Entrelaza historias que, para nada, teñen por qué ser alleas a un mesmo e, ás veces, pódenos facer lembrar casos de algún coñecido ou de algún feito acontecido nalgures. Narración chea de morriña e saúdade.
Contraportada do libro
Antón, Dorinda e Luís, os Quintelo, tres velliños gallegos, que foran propietarios da panadería A Primavera, aparecen asasinados na súa casa de Primeira Xunta 780, no barrio bonaerense Belgrano. O mozo funcionario e escritor Andrés Leiro amiga con Manuel Eiras, un seu veciño xubilado que vive aparentemente só en Madrid dende hai varias décadas. A lúa escintilaba por riba dos Everglades, cando Aurora, que regresaba encabuxada e medosa de limpar unhas oficinas, é atacada na Down Town de Miami... A lúa dos Everglades é unha novela de intriga na que amodiño  van converxendo , baixo a banda sonora dos temas do Tamara, tres historias oi emocionantes de amores e rancores, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha familia de emigrantes galegos espallada polo mundo. Tres historias de saudades, tres relatos de exilios sentimentais escritos cunha prosa punxente e inusualmente fermosa. Unha emocionantísima novela sobre a emigración galega.