"A praga escarlata" (The Scarlet Plague), publicada en 1912, é unha importante aportación de Jack London á Ficción Científica e ao subxénero post-apocalíptico. A diferenza de romances posteriores como "A Terra permanece" (Earth Abides) de George R. Stewart ou "A Estrada" (The Road) de Cormac McCarthy, que se centran na vida após do cataclismo, sendo este algo circunstancial, "A praga escarlata" é un relato descriptivo polo miúdo da apocalipse que levou a Humanidade de volta á vida prehistorica.
A narración desenvólvese en forma de relato enmarcado: o único supervivinte dos tempos da praga, o profesor de literatura inglesa James Howard Smith, agora coñecido como Granser, fálalles aos seus netos, Edwyn, Hu-Hu e Beizodelebre, da antiga sociedade, da aparición da praga, de como provocou a morte dos case mil millóns de habitantes que tiña o planeta, e de como foi a supervivencia e o nacer dun novo mundo de barbarie e primitivismo.
O estilo reproduce a oralidade da narración e, con 125 páxinas divididas en seis capítulos, é unha lectura moi áxil que se remata axiña. Reflicte o socialismo de London, que imaxina un ano 2013 no que a sociedade é unha plutocracia, rexida por un Consello de Magnates da Industria. Para contrapoñer a orde do mundo anterior á praga co salvaxismo do novo, vemos como Vesta Van Warden, unha dama, filla do presidente do Consello e herdeira da maior fortuna da Terra, remata escravizada e maltratada por Bill o Chofer, antigo criado dela e patriarca dunha das tribos da nova sociedade.
A historia é fondamente pesimista. Ambientada no 2073, amosa un mundo brutal, onde os escasos habitantes (non máis de catrocentos en toda California), organizados en tribos, viven da caza, a recolección e o pastoreo, vestidos con peles, esquecidas xa a lectoescritura e calquera cultura previa á praga. A incredulidade dos netos de Granser, e as bulras coas que escoitan a súa historia (somentes Edwyn, o máis achegado a el, deféndeo fronte aos outros dous) transmiten mágoa polo personaxe patético do antigo profesor, depositario dunha cultura e dun mundo que esborrallarán con el.
Para aumentar a sensación de tristura, o autor introduce no seu romance os conceptos de Historia Cíclica e de Eterno Retorno, dando a pensar que a Humanidade ha erguerse de novo e reconstruir a sociedade, somentes para volver caer e a afundirse de novo na barbarie.
Unha lectura para a reflexión, que mostra a pegada de Jack London no subxénero post-apocalíptico, como chanzo intermedio necesario entre "O último home" de Mary Shelley e a devandita "A Terra permanece".
"A praga escarlata" foi traducido ao galego e editado por Urco Editora. Inclúense os gravados da edición de 1915, obra de Gordon Grant.