Cando semellaba que “o boinas” de De Barbas y Boinas entrara en razón, dicindo que non ía publicar máis desas bobadas dos #CoruñaBloggersToday, cando todo o mundo pensaba que ía reconducir a súa parte do blog De Barbas y Boinas pola senda de non escribir máis desas cousas, vai e volve facer o ridículo por novena vez, publicando outra serie máis desas trapalladas sobre os CoruñaBloggers. Vexamos o que ten que vomitar “o boinas” desta vez:
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (@XulioFerreiro), exerceu de mediador no conflito laboral dos sindicatos de dedos do “boinas” de De Barbas y Boinas
Despois dos acontecementos que sucederon e se narraron na última noticia da anterior edición do #CoruñaBloggersToday, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (Julito el Herrero en Galicia Bilingüe), ofreceuse coma intermediario e pacificador neste conflito, labor a cal realizou cun relativo éxito, xa que conseguiu unha paralización temporal da folga indefinida que estaban levando a cabo os sindicatos de dedos do “boinas” de De Barbas y Boinas, o CBS (#CoruñaBloggersSerio), e o CBT (#CoruñaBloggersToday). O rexedor da cidade herculina chegou a un acordo de mínimos con estes sindicatos, e conseguiu que haxa novas edicións do #CoruñaBloggersToday e das crónicas serias dos CoruñaBloggers no blog De Barbas y Boinas, mais só no relativo á próxima edición dos CoruñaBloggers, a número 14, onde o propio alcalde vai ser un dos protagonistas. Polo tanto, o alcalde da Coruña, polo momento, non pode garantir que haxa novas edicións dos coñecidos textos do “boinas” nas seguintes edicións dos CoruñaBloggers, mais amosouse esperanzado: “Eu penso que isto vaise arranxar mais pronto do que a cidadanía pensa; este acordo é un primeiro paso de cara a normalización da situación laboral dos dedos do “boinas”, que ben a merecen, debido ó gran esforzo que realizan”, declarou Xulio Ferreiro.
¿Haberá unha versión tuiteira e blogueira do “Dillo ti” para o alcalde no XIV CoruñaBloggers?
Os organizadores do XIV CoruñaBloggers non quixeron confirmar nin desmentir este suposto, mais o XIV CoruñaBloggers semella, para algunhas persoas, unha ocasión moi oportuna para facer unha versión dixital das coñecidas reunións abertas do alcalde coa cidadanía. Poderíase facer en Twitter co cancelo #dilloti, mais só é unha suxestión. Se non hai novidades, supoño que quedaremos co misterio ata que sexa o XIV CoruñaBloggers. ¡Só faltan dous días para que xa se celebre unha nova edición dos CoruñaBloggers! ¡Veña, colle a túa entrada xa, que se esgotan rapidamente! Recorda, na Fundación Barrié da Coruña ás 19:30. E deberías levar un quilo de comida para doar á Cociña Económica da Coruña. ¡Vancho agradecer e moito!
O “boinas” pecha os procesos de primarias para escoller a boina que levará ó XIV CoruñaBloggers
O boinas declarou que non haberá máis referendos da boina, eses procesos de selección vía Twitter, onde a cidadanía escollía, mediante chíos en Twitter, a súa elección preferida de boina para o “boinas” para que o co-fundador de De Barbas y Boinas a levase nas diferentes edicións do CoruñaBloggers. Mais coa aprobación do “decreto unilateral imaxinario 31114/2018”, aprobado o 29 de xaneiro do 2018, mediante o voto único do “boinas” na “asemblea da veciñanza unipersoal”, onde “é o veciño o que escolle á única persoa, e é a única persoa a que quere que sexan os veciños a única persoa”, a elección da boina para o XIV CoruñaBloggers dependerá exclusivamente da vontade do “boinas”.
Raúl Ordóñez (@jasp) é un veterano blogueiro e grande profesional do mundo dixital e tamén é poñente no XIV CoruñaBloggers
A pesares de que o 90% da xente quedouse abraiada e apampada coa presenza do alcalde da Coruña no XIV CoruñaBloggers, Raúl Ordóñez vai dar ese punto de profesionalidade do mundo dixital que ven caracterizando ás conferencias habituais no CoruñaBloggers. Entre outras cousas, leva 14 anos de gran actividade na blogosfera. ¿Desvelará o segredo para conseguir a eterna xuventude dun blog? ¿Será como un avó en versión 2.0, e contará as súas batallas no mundo dixital? Dende logo sería un bombazo se así o fixese, mais volveremos quedar coa incógnita ata o XIV CoruñaBloggers.
Circula polas redes dos CoruñaBloggers unha petición popular na que se lle pide a Manolo Rodríguez, o “boss” dos CoruñaBloggers, que invite a un bo tiramisú caseiro ós asistentes ós #CoruñaBloggersBeers
Ante a envexa que quere dar Manolo Rodríguez de vez en cando nas súas redes sociais facendo degustación destes ricos e famosos pratos de sobremesa, unha iniciativa popular pretende que os asistentes ós #CoruñaBloggersBeers tamén poidan degustar dunha versión deste prato de sobremesa que sexa elaborado por Manolo Rodríguez. E ademais, e en consonancia co espírito do CoruñaBloggers, seica debería doar outro destes pratos de sobremesa (ou máis) á Cociña Económica. Aí queda dita iniciativa.
No XIV CoruñaBloggers seica vaise acabar coa seca de cookies de Sonia de La Dulce Comarca
A organización dos CoruñaBloggers anunciou que van voltar ós #CoruñaBloggersBeers as famosas cookies de Sonia de La Dulce Comarca, despois de bastante tempo sen telas nos CoruñaBloggers. Ante esta noticia, prevense grandes balbordos de xente correndo para acabar coas súas particulares secas destas cookies, xa que levamos moito tempo sen poder probalas. ¡Ten coidado, Sonia, que a xente váiseche vir a ti cando traias as cookies!
¿E logo isto cando volve, neno?
Pedro Caramelo (Simón de Eiré, “o boinas”)