Revista Cultura y Ocio

Fragmento de "As últimas galerías" de Xosé María Álvarez Cáccamo

Publicado el 24 mayo 2017 por Kericolo @PalabrasyMundos
"...Efectivamente, non aturo esas persoas que che contan unha película ou unha novela de arriba a abaixo e con todo detalle, mesmo revelando o final; pero non teño máis remedio que contarche, agora eu, non unha película, senón un suceso real que me ocorreu o xoves pasado. Ía na moto coas pernas nas estribeiras e a trote lixeiro cara a Vitigudino, case en dirección a ti, cando, ao pasar por Villaseco de los Gamitos -o nome parece inventado pero é real- vin a carón da estrada unha escola rural moi parecida á miña de Sobreira, aquel mundo que me roubaron. Parei e descabalguei. Era a hora do recreo. Os nenos brincaban e chiaban, a correr polo patio de terra. Desde a cancela de entrada vin chegar o mestre, que camiñaba cara a min para atenderme. Conforme se achegaba funme vendo dominado polo desexo de cambiarme por el, propoñerlle que me deixase quedar alí, ao cargo daqueles rapaces, a cambio da miña representación comercial, a moto e a carteira; pero, de súpeto, a súa cara resultoume coñecida. Ficamos os dous fronte a fronte, calados. E, a continuación, démonos unha aperta no medio da grea de escolares asombrados. Era Cirilo Garrido, compañeiro de estudos de Maxisterio e mestre con praza nunha escola de Tui, tamén represaliado. A el, militante do Partido Galeguista, desterrárono á provincia de Salamanca. Eu tiña noticia do seu desterro, pero descoñecía o seu destino concreto. Apresuradamente, resumimos cada un como puido a súa vida desde o momento en que fomos vítimas do proceso de depuración. "Fun desterrado por galeguista-separatista, tal como consta no expediente argallado polos sublevados", díxome. E engadiu que o seu sentimento galeguista se fortaleceu desde que vive lonxe da Terra. Pero resulta que agora que xa cumpriu o "castigo" dubida entre volver ou quedar aquí, eu creo que sobre todo por causa dun asunto sentimental que xa me contará. Comprometémonos a vernos máis. Villaseco non está lonxe de Salamanca. Foi un encontro moi emocionante.Protexe esta carta, Amalia, meu amor, con especial coidado. Xa sei que o farás. Comprende o meu medo. E perdóame agora ti a min o punto de tristura e nostalxia desta parte final. Pero xa me recupero, coma ti cos emparedados. Entran no meu cuarto neste momento recendos gloriosos de chanfaina, un prato de aquí a base de carne de año con arroz, ovo duro, pementos, allo...Moitos beixos de
Ramón. "

Volver a la Portada de Logo Paperblog