Revista Cultura y Ocio

"O enigma dos nove sepulcros" de María Acosta (2012) [Galego]

Publicado el 29 agosto 2013 por Tomas
Ola a todos. Tralos festexos polo primeiro semestre de vida do blogue, incluídas fotos da plantilla de KindleGarten con éxito indiscutíbel do Director, que agora anda polo parque todo fachendoso e non hai quen lle tusa, voltamos con folgos renovados ás nosas reseñas cotiáns. Para a de hoxe trouxemos un libro que é especial por moitas razóns, unha delas que transcorre de certo xeito na miña (cáseque sempre) benquerida A Coruña. O resto habémolas ir vindo de seguido. Imos cara aló: 
enigma nove sepulcrosTítulo: O Enigma dos nove sepulcros 
Autora: María Acosta Díaz. Escritora coruñesa autora de varias novelas e relatos, socióloga, antropóloga social e máis estudante incansábel de italiano e outras materias. 
Lémolo...: En papel, 442 páxinas en pasta branda fornecida e con solapas, de Urco Editora, colección Alcaián. Por cortesía da autora.
Sinopse: Un sumidoiro na Cidade Vella de A Coruña é a entrada ao fantástico mundo de Gapsiq. Unha vez nel, o mozo sen nome, coa compaña do seu amigo Brains, haberá de o descubrir namentres o percorre vivindo unha morea de aventuras, coñecendo aos seus estraños habitantes e superando proba tras proba e misterio tras misterio para atopar a resposta ao enigma dos nove sepulcros. 
¿Cómo é que a podemos definir?: Como unha novela de Fantasía e Aventuras, axeitada para tódolos públicos, cun prantexamento de enorme orixinalidade e inzada de referencias literarias e mitolóxicas. 
¿O qué podemos salientar dela?: Que é a primeira novela publicada de María Acosta, que é unha obra de Fantasía pura, que desenvolve un universo proprio cunha grande inventiva, e que é totalmente distinta do que alomenos eu veño de ler nos últimos tempos.
O máis rechamante de "O enigma dos nove sepulcros" é que representa a forma máis esencial e pura da Fantasía. Acosta crea un mundo enteiro onde todo está permitido, pois non está cinguido ás limitacións das leis naturais nin aínda ás da lóxica. É un exercizo de inventiva total, e a súa leitura non deixa de abraiarnos con cada nova situación e cada novo personaxe que os protagonistas vánse atopando. Éstes poden padecer transformación físicas e tornar ao seu aspecto orixinal, mudar de tamaño, valerse de obxectos máxicos... Se tiveramos que buscar un referente, sen dúbida tería de ser o grande clásico "Alicia no país das marabillas". E coma tal, non podemos catalogar a obra estritamente coma "Xuvenil" pois coma a inmortal historia de Carroll, está dirixida a tódolos lectores. 
A novela está prantexada coma unha sucesión de encontros e probas aos que os protagonistas, o mozo sen nome procedente do noso mundo e Brains, o seu compañeiro nativo de Gapsiq, terán de ir facendo fronte. É, en resumo, unha viaxe iniciática na que ámbolos dous procuran a solución ao enigma dos nove sepulcros pero que en realidade supón un rito de pasaxe. Comeza de feito cunha cerimonia de iniciación cun carácter certamente místico. As devanditas probas, prantexadas polos senlleiros seres que a parella vai atopando (dragóns, fadas, unicornios, caveiras máxicas, ananos...) constan de adiviñas, poesías, probas de enxeño e deducción, xogos e cancións infantís...  deste xeito, os heroes han de triunfar pola súa intelixencia e pola súa forza de vontade, non pola súa forza física. 

enigma nove sepulcros

María Acosta.  autor: Juan Varela


Isto lévanos a un aspecto do libro que quero salientar polo moito que gostei del: O seu carácter non violento. Hai esceas de acción e de combates, é certo, pero é violencia "de videoxogo", agás nun caso concreto non transmite dor nin sofremento, de cotío son loitas contra monstros ou seres malignos. Mesmo un certo conflito armado nunha pasaxe da obra resólvese de xeito lene e tanxencial.
Así pois, o transcurso da historia é totalmente impredecíbel. Cada nova situación é tan ocorrente coma a anterior. A imaxinación de Acosta semella non ter fin e a sucesión de secundarios e divertidísima. O meu favorito sen dúbida é Gambleidd, o oso que viste coma mosqueteiro, vive nunha casa xigantesca, gosta das brincadeiras e fala en verso. 
Todo este caudal de imaxinación ten os seus alicerces chantados con forza en elementos culturais como a mitoloxía clásica, as lendas tradicionais e os contos de fadas, polo que poderiamos dicir que é unha obra metaliteraria, pois está referenciada á propia literatura e ás veces é unha auténtica homenaxe a estas fontes de tradición oral. Atopamos fadas, ananos, trolls, unicornios, animais parlantes... o que os amadores da Fantasía estamos tan afeitos e que teñen na obra de Acosta cadaquén o seu papel e o seu protagonismo. 
Non podemos esquecer que a autora amosa en moitas pasaxes da súa novela unha retranca moi galega, un sentido do humor moi irónico, que transmiten tanto os protagonistas coma os secundarios, que nalgún intre mesmo provocan gargalladas. 
Dicir que a extensión de catrocentas corenta e dúas páxinas pode semellar ampla dabondo, pero que grazas ao estilo áxil e ameno de Acosta, pásanse ben axiña e que converten "O enigma dos noves sepulcros" nunha leitura cómoda e agradábel que se disfruta nun par de tardes.
Para remataren, sinalar que o libro inclúe grabados e fotografías dos diferentes lugares que van aparecendo na historia, pois a autora inspírase en elementos naturais e arquitectónicos para as súas invencións, e así unha formación rochosa convértese na entrada a un castelo ou unha árbore nun ser encantado, se se ollan da forma axeitada. 
¿Temos suliñado algún parágrafo?: Pois sí. A apresentazón de Gambelidd o oso:
"E, sen saber como tivera lugar a transformación, apareceu, de súpeto, ante os nosos ollos, o oso máis simpático que vira na miña vida, mesmo máis gracioso que calquera dos de peluche que colecciona a miña curmá Montse: era mesmo máis grande que Perixe, que medía de alzada case dous metros, á que superaba en máis de medio metro. Con todo, a súa figura irradiaba bondade e boas vibracións. Ía vestido como se fose un mosqueteiro francés da época de Richelieu; non faltaba nada, nin sequera a espada e o bigote impertinente, e o que xa era o máximo (non sei porque me estrañaba, tiña que telo imaxinado) falaba en verso mais coas palabras cambiadas de sitio e incluso, ás veces, cando non lle ía ben a rima, ou sin xelamente cando lle petaba, cambiaba tamén as sílabas ou todas as vogais por unha soa vogal en todas as palabras, como o vello xogo de Canda Farnanda Satama asaba palatá."
Un resumo dos pensamentos do protagonista:


"Señor, Señor! Quen ía pensar que o que comezara como unha inocente aventura tentando coñecer o que se agochaba nos sumidoiros da miña cidade natal se convertería nunha sucesión de encontros con civilizacións descoñecidas, mesmo míticas! Mira que soñara veces e veces que voaba, e en ningunha desas ocasións soñei que me saíran ás, e agora estaba aquí, totalmente consciente, cun par de fermosas ás e en compañía duns animais que, segundo a tradición occidental, non existían, dun druíga e dun oso saído de calquera fábula de Lafontaine, camiño da morada do simpático plantígrado e tan tranquilo como se fose cos meus amigos a pasear polo Dique."
E unha mostra da retranca que amosa a novela nalgúns intres:


"Desde logo unha das metas da miña vida non era ser o primeiro prato, nin sequera a sobremesa, de ningún tipo de insecto, por moi grande que fose; así que pensei rapidamente nunha posíbel solución e ocorréuseme que podía facer, ou polo menos tentalo, o que algúns guerreiros africanos tradicionais fan no beneficio do seu pobo para probar a súa valentía: eles colócanse debaixo dun elefante e crávanlle unha lanza no ventre. A meirande parte das veces o pobre guerreiro morre esmagado polo paquidermo mais a partir dese instante lémbrano como un valente guerreiro. Pois ben, ía facer exactamente o mesmo; só agardaba que a pel da araña fose máis fina que a do elefante africano e tardase un pouco máis en morrer para que me dese tempo de saír antes de que me machucase."
¿Máis datos de interese?: Abofé. Podedes ler unha reseña da autora no xornal La Opinión de A Coruña, e está o seu perfil de Facebook
No blogue da Editorial Galaxia pódese ler o seu relato "A rebelión" e na revista online "Babel", pertencente á EOI da Coruña, o seu relato "La faticosa vida dei profesori" escrito en italiano e gañador do certame literario dese ano na categoría de dita lingua (ollo, a ligazón é un PDF). 
Está dispoñíbel tamén o blogue oficial do libro, por suposto a sección na páxina de Urco Editora para mercalo en liña se non moras preto de ningunha librería que o teña, e a súa ficha en Goodreads que veño de facer onte.  
Chegamos así á fin da nosa reseña de hoxe. Agradecerlle a María Acosta a súa xenerosidade ao achegarnos un exemplar da súa novela, que vos recomendo se queredes ler unha historia de fantasía que se desmarca por completo do habitual e que supón un homenaxe aos contos de fadas e ás fábulas de sempre. Por certo que o traballo gráfico, tanto nas pastas coma no interior é tamén salientable e o resultado é un libro cunha fermosa encuadernación que ben paga a pena ter na estanteiría. Lémonos!

Volver a la Portada de Logo Paperblog

Dossiers Paperblog