Así a todo, cómpre superalos medos e inicialo recorrido pola estancia. Pasei de longo pola entrada e ignorei adrede as dúas salas dedicadas a ensalzar a figura pública dunha muller que foi, ante todo e sobre todo, íntimamente súa.
Rosalía é unha desas "pantasmas" que Padrón protexe con esmero. Algo do seu misticismo segue agochado neste pequeno pazo, agora cómplice de todos os viaxeiros que chegan en tren á vila. No dormitorio de Rosalía, aínda gardan o costume de deixar unha rosa branca esvaecida sobre a almofada do leito que acolleu o seu corpo fendido pola angustia. A flor ten esa beleza ferida das coroas de espiñas. Máis aló, nun pequeno cuarto, o escritorio, sen lápis nin papel sobre o que garabatear algo de vida, ten iso de sórdido que posúen os nichos sen defunto. E alí, ós pés da cama, onde se atopaba esa negra sombra que asombraba a Rosalía, a luz que cega na xanela, só deixa un estreito oco ó presente: o espello polo que os visitantes pasan coma gotas de auga. Foi nese intre cando o espectro do pasado pareceume devolvela imaxe borrosa dunha rapaza que, enchida de recato, outra vez xuraba ser poetisa: isto é, unha pequena nena que aínda se encolle perante ó mundo, botando unha ollada dende ó colo do Padrón máis fermoso.
"Ben sei que non hai nada novo embaixo do ceo,que antes outros pensaronas cousas que hora eu penso.E ben, ¿para qué escribo?E ben, porque así semos,relox que repetimoseternamente o mesmo."
[Rosalía de Castro, Follas Novas (1880)]