Presentación "As Crónicas de Bran vol. 3: O solpor dos deuses" de Xosé Duncan - A Coruña, 7 de marzo do 2015

Publicado el 13 marzo 2015 por Tomas
Como cada sete de marzo dende hai tres anos, e coincidindo co aniversario do seu autor, Xosé Duncan, asistimos á presentación na Coruña do novo libro da saga de Fantasía heroica "As Crónicas de Bran", intitulada desta volta "O solpor dos deuses".
Celebrada na cervexaría Passepartout Beerhouse, no coruñento Paseo das Pontes, contou con Xosé Duncan, o autor, e con Tomás González Ahola, editor e responsábel da Editorial Contos Estraños, na mesa; e cunha nutrida presenza de público, no que andaban mesturados outros membros da Xeración Estraña. 

Moitas foron as cuestións das que se falaron e que compre salientar, mais comezaremos polo propio libro, que era o grande protagonista da noite:
"O solpor dos deuses" conta novamente cos deseños de José María Picón na capa e de José Ángel Ares nas ilustracións interiores (dez, se contei ben).

Xosé Duncan, coas súas criaturas [fonte: blogue do autor]


O primeiro que chama a atención é, lóxicamente, a cuberta. Desta vez, José María Picón escolleu unha cor azul escura que aliña co ton esmorecente do libro, e amosa unha lúa de metal (que terá presenza no texto) a eclipsar unha luz, que ben pode ser a do Sol. É dicir, unha imaxe ateigada de simbolismo e fortemente vencellada ao título e á trama da novela.   

A triloxía completa.


Ben saberedes que tanto "A revolta dos mestres" como "A porta de Annwn" posuían un corvo na cuberta. Para manter o ton de Ficción Científica aberto pola lúa de metal e o aspecto cósmico, en "O solpor dos deuses" o paxaro muda pola constelación do Corvo (ou Corvus, para os puristas da astronomía). 
Este terceiro e derradeiro volume da saga ten un total de duascentas cincuenta e tres páxinas, co cal as tres partes fican cunha extensión semellante (se ben "A porta de Annwn" é o máis groso por conter a novela curta "A nena de prata"). 
A calidade do exemplar é a que nos ten malacostumados Contos Estraños: capas en papel estucado, refornecidas e plastificadas con semibrilo, e tripas en papel groso, maquetación cómoda e con marxes amplas, das que colle o matapiollos sen tapar o texto. 

Xosé Duncan e Tomás González Ahola


E xa toca falar da trama e dos aspectos literarios propiamente. "O solpor dos deuses" escomeza sete anos despois de "A porta de Annwn", e nel Xosé Duncan deixará pechados todos os fíos argumentais aberto até o de agora. Entroutros, o feito de que Bran rematase no noso mundo e na nosa época. Este libro pecha, pois, o círculo aberto polos relatos do autor nos números 0 e 1 da revista "Contos Estraños" ("O ollo do corvo" e "As bágoas de Beixón"), e a devandita novela "A nena de prata".  Co cal, os leitores habemos de ter saudades tamén de O Solla, o vello mariñeiro de Taragoña ao que Bran acompaña como escolta mefistofélica. 
O título escollido é revelador dabondo do que vai ocorrer neste terceira novela: O solpor dos deuses traenos ben axiña reminiscencias do Ragnarök da mitoloxía escandinava, e implica tanto uns feitos dramáticos e ominosos coma un aquel de historia crepuscular, de mundo esmorecente e de destino inexorábel. En palabras do autor, se "A revolta dos mestres" foi a parte da acción e da aventura, e "A porta de Annwn" foi a parte máis reflexiva, a que se detivo máis en desenvolver todo o universo das Crónicas, "O solpor dos deuses" será a parte máis épica e tráxica das tres. 

O administrador do KindleGarten, á esquerda, tirando unha foto que
despois non vai usar para facer esta entrada [fonte: blogue do autor]


Non é adiantar datos cruciais afirmar que morrerán personaxes, nunha saga na que iso é cotiá, e na que o mesmo Bran (que pese darlle nome á triloxía non é tanto actor principal como cronista dos acontecementos) morría na primeira entrega. 
Haberá, abofé, cambios nos papeis de varios personaxes principais. Eidlynn, que comezou a triloxía como simple mociña, pasará a ter un peso importante para o seu pobo, o Picto. O mestre reloxeiro, namentres, perderá aínda máis a súa humanidade; e habemos saber qué ocorre con Nash e a súa dorosa metamorfose en dragón.
Salientar tamén que Duncan adicou un punto aparte para falar de Elawei, pois este volume explicará qué ten de especial a montaña máxica e a cidadela que agocha, para que todos os feitos principais da Terra de Alba acontezan nela. 

Lapela interior do libro. A garrafa está somentes para a relación de escala. 


E chegada a rolda de preguntas, a presentación derivou nun coloquio no que se comezou falando do libro e rematouse analizando a situación actual da literatura fantástica galega, o eterno estigma da Fantasía como xénero menor fronte á "literatura de verdade", o papel da crítica, a alongada sombra das dúas xigantes do sector editorial da Galiza, ou o feito, no que moitos non tiñamos reparado, de que "As Crónicas de Bran" é a primeira triloxía de Fantasía heroica escrita en galego publicada íntegramente
Por outra banda, escritor e máis editor amosaron unha grande cautela á hora de falar dunha xeración literaria, pois achan que, malia o pulo e a boa saúde que ten a Fantasía galega nestes intres, á morea de autores e autoras que orbitan en torno á Contos Estraños, á notábel conciencia de colectivo que posúen os devanditos autores, e o papel da revista Contos Estraños coma cerne e vencello de todos eles, aínda é cedo para batizar esa Xeración Estraña que moitos vemos xa herdeira daqueles míticos Círculos de Lovecraft  e de John W. Campell. 
Porén, todos chegamos á conclusión de que estamos ante a primeira vez na que na Galiza escrébese e publícase Fantasía de xeito estructurado, continuado e intensivo, e que nunca tanta Fantasía tivemos como nestes tempos nos que vimos de pechar "As Crónicas de Bran", nos que "O morador da fenda" xa vai camiño da terceira entrega e nos que "O mundo secreto de Basilius Hoffman" acadou o seu ecuador e mesmo ven de exportar o seu primeiro libro á lingua castelá. 

E, no fundo, ficamos cunha mestura de ledicia, por ter xa connosco o agardado terceiro e derradeiro volume desta saga de Fantasía heroica, e de tristura por chegar á fin dunha historia e dun mundo literario que rematan con este "O solpor dos deuses" que chegou canda nós hai tres anos e que pecha un ciclo á vez que marca un fito na literatura galega. 
Pola miña banda, lembrarvos que a vindeira semana publicarei a recensión, e que hei contar máis polo míúdo todo o que contén. Lémonos!