Que pasou no XIV CoruñaBloggers?

Publicado el 06 febrero 2018 por Debarbasyboinas @DeBarbasYBoinas

No último dia do mes de xaneiro deste ano 2018, un servidor tivo a oportunidade de asistir a unha nova edición dos eventos dxs bloggers coruñesxs e demais interesadxs no mundo dixital: o CoruñaBloggers. Nesta décimo cuarta edición, tocou escoitar ó alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a Raúl Ordóñez, fundador e director de Sherpa Digital.

Co rexedor da cidade herculina, probouse un novo formato, xa que non foi a típica conferencia, senón que se fixo un “Chester style”, e @s xornalistas Marcos Sanluis e Lara Vivero entrevistárono e falaron, entre outras moitas cousas, da súa percepción e punto de vista dos blogs, das redes sociais, de internet, da tecnoloxía, etc.

Foi moi interesante coñecer a súa testemuña no uso das redes sociais dende que chegou á alcaldía, e tamén foi ben acertada a recomendación de empregar as redes sociais “con sentidiño”. E dende logo este novo formato ó “Chester style” foi moi interesante, penso que se volverá empregar en futuras edicións dos CoruñaBloggers.

Por outro lado, Raúl Ordoñez relatou unha historia dos blogs e de outros aspectos de internet, un relato que foi nostálxico para uns, coñecedor de antigas realidades para outros, e, dende logo, moi interesante para todos. Foi moi interesante a explicación sobre a importancia dos blogs nas webs e en Internet, e o alegato a favor da ética na cultura blogger, moi necesaria mais veces das que se pensa.

No sorteo de regalos non tocou nada, que se lle vai facer. Mais o que si tocou foi volver a probar as cookies de Sonia de La Dulce Comarca tras un tempo de ausencia. Que boas estaban! O mesmo poderiamos dicir dos pinchos que puxeron en La Taberna de Rita gratis coa consumición. E coma sempre, networking a tope nos CoruñaBloggersBeers.

¿Algo máis que dicir? Pois supoño que agardar para asistir á próxima edición dos CoruñaBloggers, que se celebrará o día 28 de febreiro,… Un momento, claro que hai que engadir algo mais! Non é que teña que ver exactamente co CoruñaBloggers, mais penso que pode ser do voso interese.

Se vos gusta CoruñaBloggers ou vos gustan os eventos sobre internet e tecnoloxía en xeral, non vos perdades, o próximo venres 9 de febreiro, a II MeetUp de WordPress Coruña, un evento de balde máis onde aprender máis cousas sobre este mundo de internet e de tecnoloxía. “O boinas” deste blog vai ir! A que agardas para apuntarte? Aínda estás a tempo, mais dáte présa, que o aforo é bastante limitado! Máis información aquí.

Un saúdo

Pedro Caramelo (a.k.a. Simón de Eiré, a.ka. “o boinas”)