Reseña: O caso Quintana, de Miguel Alonso

Publicado el 02 mayo 2017 por Chema Fernández @chemaup


          Sara Porto devece por desempacar a súa maleta e comezar a sua vida universitaria. Independencia, novos amigos, festas… Que pode saír mal? Porén, axiña descubrirá que a universidade alberga tamén segredos e misterios, algúns deles soterrados no pasado.
          Nos corredores da facultades de Psicoloxía, Sara atoparase con personaxes que farán máis peculiar e único o seu primeiro ano, pero ninguén tan excepcional coma Laura Mariño, a súa compañeira de cuarto. Irreverente, intelixente e estraña.
          Unha rapaza pouco convencional, cun xeito propio e diferente de moverse polo mundo.
          Xunto a ela vivirá a aventura más grande e perigosa da súa vida: a investigación de dous asasinatos cometidos na propia facultade.

          A época universitaria é unha das máis importantes para todas as persoas que queren continuar o seu proceso de aprendizaxe con estudos superiores. Os amigos, as festas, as materias, o profesores... momentos inolvidábeis para todos os que tivemos a sorte de poder vivir de cotío todas estas experiencias vitais (incluso que nos levaron a vivir fora do país durante unha boa tempada). O libro que traio hoxe fálanos de experiencias universitarias aínda que neste caso, unha situación que é mellor esquecer.
          Sara Porto comeza unha nova etapa na Universidade de Santiago de Compostela. É o seu primeiro ano e o que conleva todo iso; vivir fora da súa casa, novas amizades, mestres... está claro que ten que ser un momento importante na vida de Sara. Na residencia universitaria atópase con Laura Mariño, unha amiga de cando era pequena e da que perdeu a pista fai moitos anos, ela é a súa nova compañeira de cuarto e será toda unha sorpresa. Os primeiros días para as rapazas pasan con normalidade coñecendo a facultade de Psicoloxía, os seus compañeiros, as materias, os mestres... Todo parecía ir como debía ser ata que o asasinato do profesor Marcos Quintana pon as rapazas en alerta máxima e terán que descubrir que está detrás do suceso e as razóns do devandito asasinato.
          O libro divídese en dúas estruturas diferenciadas: a primeira comeza coa narradora, Sara, para contarnos os acontecementos do pasado e dar a súa opinión sobre os que ía vivir durante as seguintes semanas despois do asasinato de Marcos, a segunda é a propia Sara narrando todo o sucedido dende os seus primeiros días de universidade pasando polo caso Quintana ata a súa resolución. As diferentes liñas argumentativas irán tornándose ao longo do libro para que o lector non despegue a vista dos parágrafos.
          É bastante interesante como se vai desenvolvendo o caso e como iremos coñecendo a verdade tras Marcos, a razón do seu asasinato que ten moito que ver coa comunidade universitaria. Gústame que o autor sexa capaz de mostrar en cada momento o que está vivindo Sara e Laura para poder ter unha imaxe completa do caso. A propia Sara irá desgregando as súas preocupacións e dúbidas polo que será un papel fundamental na resolución.
          Creo que acertar bastante se fago un símil con Sherlock Holmes e o seu axudante Watson. Laura Mariño acolle o papel de Sherlock co seu gusto polos libros de misterio e policíacos, certo comportamento asocial que recorda moito ao Sherlock da serie actual. Pola súa contra, Sara fai o papel de Watson axudando a Laura pero tamén tendo certo protagonismo e por suposto, o caso que nun principio case mostraba indiferenza vai cambiando para serlle moi interesante e tentar de resolver todo o misterio. Un acerto por parte do autor mostrar estas dúas vertentes sherlockianas nesta novela e que o lector poida identificalas en todo momento.
          Aínda que sexa Sara que relate todo o libro na miña opinión que ten a forza narrativa é Laura Mariño. Personaxe que pode considerarse coma un outsider, esta rapaza é o branco perfecto das rarezas que pode ter unha persoa. Interésalle a súa carreira pero non vai a clase, só o xusto e necesario. Devora libros a moreas e as súas capacidades sociais son bastante directas, é dicir, non ten un filtro na súa cabeza e solta todo o que lle pase por ela, sen facer distincións de ningún tipo. A súa personalidade fai dela un personaxe único e moitas veces é difícil encontralo neste tipo de novelas. Podo dicir, sen lugar a dúbidas, que é o meu personaxe favorito do libro. Sara, aínda que sexa a principal protagonista, non pode dicirse que ten a forza de Laura pero é a balanza exacta dos moitos impulsos da outra rapaza, o contrapeso ideal.
          Se tivera que poñerlle algunha pega sería que en certas ocasións pareceume estar a ler unha novela xuvenil polo seu ton. Creo que houbera gañado un poco máis sendo máis adulta para tratar certos temas e con máis escenas de sangue ou truculentas, que son as que moitas veces busca o lector de novela negra/policíaca. Non quero dicir que sexa unha novela que deba descartar o lector medio senón que é unha lectura para tódolas persoas que queiran ler algo diferente en novela negra.
          A solvencia coa que se resolve o caso é impactante tanto polo que supuxo o descubrimento como as consecuencias que trouxo en tódolos aspectos. Un desenlace que pecha moitas das dúbidas plantexadas ao longo da novela e que por suposto pon de manifesto a destreza da pluma do autor pese a ser a súa primeira novela publicada. Está claro que estamos ao inicio dunha carreira literaria na que haberá que estar atentos ao longo dos próximos anos porque Miguel Alonso esperemos que dea de falar no panorama da literatura galega.
          En resumo, O caso Quintana amósanos un misterio no que Sara e Laura tentaran de descubrir o asasino do seu mestre Marcos Quintana. Unha novela no que seremos testemuñas da ponzoña que pode habitar na comunidade universataria pero ao mesmo tempo veremos como dúas rapazas comezan a súa andaina na USC. O clásico Sherlock e Watson está presente neste libro no que de seguro poderás desfrutar das aventuras de Sara e Laura. Agora queda preguntarse, volveremos a ver a estas dúas rapazas?

Podes comprar o libro aquí: O caso Quintana
Leíches o libro? Paréceche interesante a premisa da que parte? Espero os vosos comentarios máis abaixo :)