''[A recensión de Soños eléctricos publicouse en KindleGarten o 12/01/16. A entrada orixinal actualízase co gallo da súa tradución ao castelán en 2019].
Soños eléctricos
Soños eléctricos non é a primeira novela de Ficción científica escrita en galego, pero é o libro que, segundo a crítica literaria especializada, consolidou o xénero na Galiza, sendo unha das máis significativas.
Publicouse no 1992 na editorial Xerais, ano no que gañou o Premio Eduardo Blanco Amor. No 2002, o xornal La Voz de Galicia incluiuna na súa antoloxía Biblioteca 120.
Con Soños eléctricos, Ramón Caride comeza unha triloxía narrativa, De sombras e de lume, que segue con Sarou (1997, reeditada e ampliada no 2012 como Sarou/Lanzós) e que se pecha con (2003, reeditada no 2014). Compre dicir que as tres obras pódense ler de xeito independente.
Postapocalipse e ficción científica social
A novela insírese na ficción científica branda, e máis en particular na ficción científica social. Servindo coma reflexión sobre a estratificación da sociedade e os fenómenos culturais de masas, extrapolando a nosa situación actual a un escenario fantástico que permite o exercizo de estrañamento de vernos dende fóra. Ou, segundo a sentenza atribuida a Ursula K. LeGuin, "A Ficción científica non é predictiva, senón descriptiva".
Con 195 páxinas divididas en cinco partes intituladas, Soños eléctricos combina diferentes técnicas e puntos de vista narrativos. Posúe unha estrutura narrativa complexa, tanto no formal, co uso decote de prolepses ( flash-forward) e analepses ( flash-back) como no argumental.
Pois como veremos deseguido, o protagonista, Stevo Dádik, aparecerá tanto de seu como a través dun tercer personaxe.
O escenario de Soños eléctricos
A acción sitúase nun futuro post-apocalíptico coñecido como A Era Nova, que mesmo desbotou a cronoloxía anterior (Stevo Dádik nace no ano 143). No cal a Terra fica transformada nun xigantesco deserto radioactivo, namentres que a humanidade vive en cidades-estado subterráneas protexidas por cúpulas e organizadas nunha Confederación.
A sociedade resultante está ríxidamente estratificada, cun sistema estamental que anulou a movilidade do actual sistema de clases. Os estamentos privilexiados reprodúcense de xeito tradicional, biolóxico, e o resto mediante clonación.
A segregación social esténdese á vestimenta (con cores para cada grupo social), ás ocupacións e mesmo ao espazo físico. Cos ecosistemas naturais esvaecidos, a cidade organízase en níveis verticais, reservando os superiores para os privilexiados. O vencello da persoa ao chan é medieval. Canto máis baixo é o nível, máis baixa a posición social do seu morador, que está ligado a el e non pode abandoalo.
Porén, aínda existen parias entre os parias: os nómades salvaxes que habitan o deserto radiactivo, fóra da sociedade á cal teñen vedado o acceso.
Mesías, caudillos e estrelas do rock
Soños eléctricos xira en torno á figura mesiánica de Stevo Dádik. Un home que, nacendo nunha familia de militares (o estamento máis elevado) renuncia aos seus privilexios de berce. E que comeza, por propia vontade, un descenso cara os níveis máis baixos da Cidade Alfa, convértendose nunha icona contracultural. Nun músico que galvaniza ás masas cos seus espectáculos.
A novela comeza cando, tras anos da súa desaparición, uns científicos do réxime administran unha droga psicoactiva a Xandor-F. Un asasino que coñeceu a Stevo, provocándolle unha viaxe mental na que asume a personalidade e a esenza do propio Stevo Dádik, co fin de clonalo a partires das lembranzas do asasino.
Varias son as lecturas que se poden facer da novela. Hai, por unha parte, o mesianismo de Stevo Dádik e os seus paralelismos coa figura de Xesús Cristo. En canto á súa predestinación como guía do pobo, líder, profeta e mesmo mahdi inspirador dunha revolución violenta, como se verá ao conclusión da obra.
Do mesmo xeito, a súa vida pública transcorre na predicación (no caso de Stevo, a través dos seus concertos) e renuncia á tentación da vida cómoda e privilexiada para viviren arrodeado do lumpen. Asasinos como Xandor-F ou prostitutas como Lumia, o seu grande amor. Tamén filla de militares, pero cuxo descenso de estamento social débese a unha caída en desgracia familiar.
A cultura de masas
Temos, por outra banda, un retrato da cultura de masas e da sociedade da imaxe. cun Stevo Dádik convertido nun artista de carisma mesmérico. Capaz de electrizar ao público e manipular as súas crenzas e emocións, nun espectáculo no que o cantante ultrapasa á súa música e torna un produto cultural en sí mesmo.
Evoca figuras como Jim Morrison, Jerry García ou Jimi Hendrix. A banda de Stevo Dádik, con músicos de variopinta procedencia, incluso un salvaxe do deserto, trae reminiscencias das eclécticas formacións da era da psicodelia, como a Gypsy Sun and Rainbows.
E, por riba de todos, o británico David Bowie, icona referencial da imaxe e a estética aplicadas ao rock. [Casualmente, publicárase este texto ao día seguinte do seu pasamento]. Como Bowie, Stevo convértese nos personaxes que interpreta, levándose e levando ao público á catarse e reinventándose a cada concerto.
Unha historia de amor
A novela de Ramón Caride Ogando é, tamén e ante todo, unha historia de amor. O romance de Stevo e Lumia, narrado de xeito emocional, con intensidade e con momentos de grande expresividade erótica.
Nun mundo fríxido e desnaturalizado, onde a reproducción é artificial e o sexo unha mera cuestión física desenvolvido en "salas de pracer" con profesionais que perderon o dereito sobre o seu propio corpo, o amor de Stevo e Lumia é, por sí só, un acto de rebeldía e revolución.
Unha reivindicación da humanidade, das paixóns e da voluptuosidade (que lembra ao "Amar es combatir / si dos se besan el mundo cambia" de Octavio Paz) mesmo sabendo as funestas consecuencias que suporá aos dous amantes.
Un dos seus máis celebrados heterónimos
Un futuro pouco acolledor
E temos tamén a lectura de Soños eléctricos como novela de Ficción Científica, que ofrece a visión dun mundo distópico, reflectido a través das diversas intrahistorias.
Como a de Xandor-F, adestrado dende neno coma asasino nunhas condicións de crueldade e rigor estremas, e vivindo ao día nunha espiral de traballo e lecer autodestructivo. Unha molicie sen futuro que lembra á imposta pola nosa actual sociedade de consumo. Ou a de Lumia, que encarna a perda da soberanía última da persoa. A cosificación, o propio corpo e a propia sexualidade postas á disposición de terceiros.
O mundo apresentado por Ramón Caride acada un grande impacto visual, con escenarios familiares aos seareiros da literatura de Anticipación. Unha Terra desertizada enferma de radioactividade, coa poboación amoreada en cidades-estado. Vehiculada nunha ríxida sociedade que voltou aos estamentos medievais. Marcadamente determinista e na que o espazo vital vencéllase á posición social, máis deturpado canto máis baixo o nível. Até que as persoas máis desfavorecidas vivan entre o lixo e perigosas ratas mutadas.
Tecendo a historia dende o apartado formal
No literario, a combinación de técnicas narrativas por parte do autor contribúe a enriquecer a nosa visión do seu mundo. Amosado dende diversas olladas, creando un mosaico de escenas nas que se alternan a narración en primeira, segunda e terceira persoa.
Soños eléctrico s é unha novela de sensacións, de forte simboloxía e pouco convencional no apartado formal. Con ela, Ramón Caride uniu a habelencia literaria a unha sensibilidade particular para a Ficción científica, creando unha obra referencial do xénero na nosa língua.
A tradución
En 2019, Soños eléctricos traduciuse ao castelán e foi publicado por Sial Pigmalión. A tradución é de David Martín Fidalgo e Uxía Caride Blanco. O limiar é de Isabel Mociño, e inclúe un epílogo de Jorge Emilio Bóveda.