Última noite no Avante

Publicado el 08 junio 2017 por Debarbasyboinas @DeBarbasYBoinas

A noite péchase tarde sobre Compostela, sinal de que o estío achégase moi rapidamente. A mocidade quere unha última noite de troula antes de partir definitivamente cara o descoñecido. A mocidade prepara corpo e mente para afrontar este momento. Ten ganas de pogo, ten ganas de música alternativa, ten ganas de vivir a vida coma se fose a súa última noite no Avante.

Os pés camiñan entre nas labirínticas rúas da cidade vella de Compostela na procura dun lugar que faga mover tamén ó resto do corpo de xeitos inimaxinábeis. Por fin chegaron ó Avante. Alí, os teus ollos contemplan as bandeiras e carteis de contido político que decoran e identifican a este local. Dentro do Avante hai dúas opcións: manterse a nivel do chan ou baixar ás profundidades. Meterse na masa ou despuntar en solitario. Da un pouco o mesmo, xa que os produtos sonoros son os mesmos nun lugar que no outro.

O comezo desa degustación sonora é moi diferente segundo o momento no que se chegue alí. Mais nesta particular ocasión, comezou cun produto balcánico sen letra que xa comeza a animar os corpos, e que de súpeto xa nos levou á reivindicativa rúa 12+1. É nese momento cando te levantas contra os herdeiros da ditadura, poñendo en valor ós heroes da resistencia, e descobres as raíces valencianas. E xa que andas por esas terras, é de obrigada visita o seu zoolóxico de idioma propio e as plantacións rapeiras dos rapaces cultivadores do millo político, mentres contas historias de cuncas e de mar sobre a túa terra que manteñan á mocidade activa. Coidado camarada, que hai moito sintasol, dálle moito gas, e volve axiña a Compostela, que andan todos vomitando nela. Calquera día veñen os vampiros ben peinados a portarse mal contigo mentres bailas coma os pobres.

Vaia festa de tolos teñen montada no Avante. Pides na barra nun licor do negro café e segues coa degustación. Volve a calma cos poet, proet, non-sei-que-arras,… os simpatizantes de Feijoo, vaia. Xa che botaron birra por riba da roupa. Menos mal que xa veu o talco enseguida. Queres un asado de verduras? Por suposto. E unha filloa? Claro, como non. Agora resulta que falan nun idioma moi raro, mais córtate un pouco na bebida, que senón a este paso vas acabar a noite con olleiras de oso panda. Seica din que fóra chove. Pois se chove, deixa chover-e, que é o típico de Compostela e ti estás moi a gusto a cuberto. Non sabes cómo pasou o tempo, que xa entoan o himno da revolución portuguesa. Avante camarada, é hora de marchar. A cada un dos teus colegas o despides cun: Ata sempre, comandante! Son as cinco da mañá. Aínda estás a tempo de coller o barco que navega a Boston. Mais os pés xa piden calma e o sono clama por ti. Colle a cama e descansa.

Xa é de día. É o día que tes que marchar de Compostela no tren que te leva pola vía de camiño á túa casa. Tantos momentos vividos que rematan, tantos recordos que pasarán a formar parte da túa historia. Colles as túas cousas, despídeste de mais xente e colles camiño á estación, rumbo cara novas experiencias. Bella ciao, Compostela! Bella ciao, Avante!

Pedro Caramelo (Simón de Eiré)