Correspondencias sonoras é un ciclo de concertos entre abril e decembro no Centro Galego de Arte Contemporáneo. Serán no auditorio ás 20:30 e a entrada é de balde. O primeiro é o vindeiro martes 27 de abril a cargo do cuarteto de saxofóns S@X21, e estará ligado á actual exposición de arte povera do italiano Gilberto Zorio.S@X21, máis alá da tradicional concepción de cuarteto de saxofóns, articúlase en múltiplas combinacións e permutacións instrumentais, e ofrece un gran dinamismo e versatilidade nas súas actuacións. Os seus espectáculos, e os programas que os configuran, caracterízanse polo aproveitamento dos espazos escénicos e por un gran dinamismo e creatividade sonora e visual. Cunha ampla actividade, tanto individual como de grupo, realizaron numerosos concertos e participaron en festivais e congresos; así mesmo organizaron diferentes actividades arredor da creación e da interpretación da música contemporánea e apostaron por novas creacións de compositores galegos (Fernando Buide, Ángel Faraldo, Jesús González, Xabier Mariño, Antón Pulido, Eduardo Soutullo) españois e internacionais (Gabriel Erkoreka, David del Puerto, Pedro Rebelo, Luca Mosca, Pedro Moreira, Helmut Oehring, Christophe Havel, Kevin Mayo, Eckart Beinke, José Luis Campana).