Revista Cultura y Ocio

A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago

Publicado el 11 julio 2017 por Tomas
A existencia de Marcelo Firmamento estaba destinada a ser especial dende o seu nacemento, dende que as ondas mariñas tocan o seu berce. A novela trasládanos á vila mariñeira de Sada nos anos corenta, alí escoitamos as historias do vello Rederrota, sentimos a dor do desamor, a interrogante ausencia dun pai e a irracional esperanza da nai, que levará a Marcelo Firmamento a percorrer o mundo en grandes buques e a descubrir misterios dos que remata por ser parte. E a balea… ai, a balea!
Ao lado de Marcelo Firmamento viaxamos de océano en océano tras a pista dun pai que non coñece e descubrimos un pobo, o galego, espallado polos cinco continentes. A fantasía e a realidade mestúranse nun universo onde as quimeras, mesmo a da liberdade, cobran vida e poden resucitar, igual que o Taramanco.
A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago
Con A vida sinxela de Marcelo Firmamento, Vanesa Santiago resultou a gañadora do I Premio de Narrativa Illa Nova, convocado pola editorial Galaxia neste 2017 para conmemorar o sexaxésimo aniversario da colección Illa Nova, na que naceran as obras de autores como Xosé Luis Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Xohana Torres, María Xosé Queizán ou Carlos Casares. Agora, como entón, o Premio Illa Nova procura abrir unha canle de expresión e alargar os vieiros para unha nova xeración de autores e autoras, que anove o eido da literatura galega do mesmo xeito que o fixeran aqueles precursores e precursoras, hoxe voces consagradas, sesenta anos atrás.
A relación de Vanesa Santiago coa literatura fantástica ven de lonxe. Coñecímola pola súa novela Ninguén Lembra (Urco Editora, 2012) e polos seus relatos na serie Contos estraños (A sombra da luz; A revelación de Li Kun-woo; Niño de serpes). Arestora, ven confirmar o momento doce e o rexurdir que está a experimentar o realismo máxico, cunha historia, esta A vida sinxela de Marcelo Firmamento, que acompaña nas librarías a propostas como O tabú na traslenda, de Isidro Novo, ou Dormir com Lisboa, de Fausta Cardoso (ambas de Urco, 2017). 
O feito diferencial do realismo máxico de Vanesa Santiago vai ser o seu vencello co mar e coas viaxes, espallando a fantasía alí onde vai o protagonista, fronte o carácter localista que adoita manexar o xénero, circunscribindo a acción a un pequenísimo recanto do mundo, sexa a Lisboa de Fausta Cardoso, a Amarelle de Isidro Novo, a San Salvador de Cecebre de Wenceslao Fernández Flórez, a San Xoan de Esmelle de Álvaro Cunqueiro ou o Macondo de García Márquez. Do realismo máxico vencellado ao lugar físico pasamos ao realismo máxico global, vencellado ao personaxe.
A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago
Narrada en terceira persona por unha narradora heterodiexética omnisciente, A vida sinxela de Marcelo Firmamento ten carácter de crónica, no que a narradora coñeceu ao protagonista máis non presenciou os feitos relatados nin participou neles, malia que teña os seus propios medios para coñecer as aventuras do Marcelo. Baseándose na coñecida teima dos mariñeiros de que as cousas do mar non se contan na terra, o relato xoga coa incertidume que rodea sempre as historias de mariñeiros, envolvidas nunha bretema na que se mesturan realidade e lenda, pois transcorren fóra da nosa vista, nun escenario, o mar, que dende o berce da humanidade é sinónimo de quimérico e inacadable, e fican narradas en redutos pechados de peiraos, lonxas e baiucas portuarias. Por iso a autora abre o libro cun expresivo verso de Miro Villar ao respecto: «En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico».
Neste devandito realismo máxico global presenciaremos elementos fantásticos a tres niveis, dende o local ata o universal. Comezaremos polas lendas da propia Fontán, en Sada, como a da moura da Covadanza, na praia de Morazón, e daí pasamos a mitos do folclore galego como os trasnos piratas, para seguir con seres clásicos como as sereas e rematar coa mitoloxía inuit e outros pobos nórdicos, coa aparición de Sedna, a deusa dos mares, nai de todos os animais mariños, da parella que forman Sila e Nunam, deus Pai e deusa Nai, e os seus fillos mudaformas. Fica espazo tamén para as referencias metaliterarias, como o Corazón de Edmundo de Amicis (velaí a semellanza do famoso conto Dos Apeninos aos Andes coa aventura do propio Marcelo), a Horizontes perdidos de James Hilton, e por riba de todas a Moby Dick de Melville, que fan a súa propia achega de mitoloxía moderna.

A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago

Fontán, nos anos 50 [fonte]


Dende o nacemento do Marcelo Firmamento, co seu caractónimo (mar e ceo), o protagonista e o mar van ir da man ao longo de toda a novela, como fica Fontán, a vila mariñeira do concello de Sada, no que comeza e remata unha narración que mestura a fantasía e a realidade ata confundilas e facelas indistinguibles. Peneirados polo paso do tempo e da néboa das lembranzas, os meirandes prodixios da historia do Marcelo e do resto dos personaxes semellas reais e axiña se acada a suspensión de incredulidade.
A vida sinxela de Marcelo Firmamento transcorre tamén parexa á historia recente da Galiza, comezando cunha visita do ditador Francisco Franco á vila de Sada, coincidindo co nacemento do protagonista. O exilio e os asasinatos, desaparicións e encarceramentos de comunistas, galeguistas e librepensadores están presentes na novela e condicionan a vida dos seus personaxes, ficticios ou reais que tamén aparecen no texto, como o sadense Ramón Suárez Picallo, deputado en cortes e impulsor do Estatuto de Autonomía do 36, morto no exilio despois de chegar o corazón dos galegos coa súa retórica acendida, falándolles na súa mesma fala.
A novela, se ben mestura fantasía e realidade como dixemos, tamén as contrapón, sendo a realidade o mundo irracional, cincento e ríxido dos homes, unha sociedade de totalitarismo sen espazo para os soños. Claro exemplo desta contraposición é a figura da balea: nobre e desinteresada salvadora dun dos personaxes principais da obra, traizoada polos homes encarnados nos caprichos do máis cruel tirano que en España houbo, nunha escena que mesmo move ás bágoas. De feito, a fantasía ha supor sempre unha fuxida á crueza da realidade, permitindo a Marcelo fuxir de burócratas e policías do réxime aló onde haxa unha ditadura, en España, na Arxentina ou no Uruguay.

A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago

Fontán, na actualidade [fonte]


Porque a singradura do Marcelo comeza nos anos corenta e esténdese ao longo dos anos sesenta e setenta, anos de ditaduras a unha beira e á outra do Atlántico. Anos tamén de longas viaxes en buques, mercantes e de pasaxeiros, e de galegos que atravesaban o océano buscando un futuro que a súa terra lles negaba. De mariñeiros galegos cáseque en cada barco do mundo e espallados por cada cidade e cada vila de América, dende Nova Iorque ata a derradeira punta de Tierra de Fuego.
Así resulta pracenteiro ir trazando nun mapa o ronsel que deixa a viaxe do Marcelo. A pesca de baixura primeiro no mar de Sada no Raíña dos Anxos, a Hong Kong máis tarde, e a América despois: Nova Iorque, o Brasil, o Uruguay, a Arxentina, e alí Buenos Aires e en tren cara á Pampa: Santa Rosa, Ushuaia e volta á Galiza... descubrir tamén a vida cotiá na Fontán daqueles tempos, cos usos dunha vila mariñeira e a súa sinxela vida cotiá, e os contos que chegaban de América, un mundo lonxano e mítico do cal os indianos traían pedras nas maletas para facer escolas onde poñían soles e flores nas fiestras (e así era nos edificios modernistas, como a escola de Sada y sus contornos).
Toda a lectura é pracenteira, abofé, e emotiva, tanto pola mesma historia como polo ton máxico que lle soubo imprimir Vanesa Santiago. A narración, embebida dunha forte oralidade polo carácter e polas apoiaturas que emprega, semella mexer ao lector como as ondas dun mar vagariño e reproducir a sensación de atoparse fronte á narradora, escoitando o relato. A vida sinxela de Marcelo Firmamento ten momentos conmovedores e contaxia o sentimento de saudade por lugares e tempos perdidos, acadando que as lembranzas e os escenarios se sintan como propios.

A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago

Descargando a captura no porto de Fontán, ano 1963 [fonte]


Son  moitas as historias e moitos os personaxes inesquecibles os que deixa a novela de Vanesa Santiago. O muradán Rederrotaa súa rede imperecedoira e a súa lancha azulgrana, a Muradana. O cadelo Taramanco, sempre agardando leal o regreso a porto do Marcelo. A casa das fiestras pechadas, coa súa anamoura encerrada nun frasco de vidro. A fábrica de xeo cos seus cubos xeométricamente perfectos. Ellaine e a súa vocación de cosmonauta. As mensaxes nunha botella deitadas ao mar que chegan ao seu destino. O capitán Sentinela e o seu espello dos mares. Os mariñeiros cos que cruza camiños Marcelo: o Mouro, o Murallas, o Marabillas... O teutón capitán Baha e o seu enfrontamento melvilleniano cun titánico cachalote sucado de arpóns. A Pampa co seu mar de penachos. E a balea, que é boa xente, e ben merece o seu lugar na capa.
Namentres se le, e sobor de todo unha vez rematado, A vida sinxela de Marcelo Firmamento deixa un pouso de saudade e de tristura. Como vimos de dicir, por un mundo pasado que marchou e non ha volver, de barrios e vilas da nenez onde todos se coñecían a lugares impersoais habitados por estraños que nin saúdan. De pistas de terra reemplazadas por rúas alcatranadas e casas derrubadas para levantar predios de seis andares. De vellos mariñeiros esvaecidos e barcos de pesca mudados en embarcacións de recreo. De tempos nos que a vida era máis sinxela, máis pura e todo se desfrutaba máis, cando aínda había amorodos nas silveiras e todo semellaba arrecender con máis forza.
Porén, é unha historia de esperanza, na que gaña a fermosura, na forma e no fondo. A fantasía ten moitas manifestacións, e en mans de Vanesa Santiago é ferramenta redentora, que alumea e guía os camiños. E, que coma ocorre sempre no bo realismo máxico, no que nos aprenderan os mestres Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Wenceslao Fernández Flórez ou Carlos Casares e do que recolle o relevo a gañadora do Illa Nova, abrolla no recanto máis inesperado do cotián.

A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago

A praia de Sada, no ano 1954 [fonte]


Recén publicado no intre de escribir esta recensión, e namentres agardamos a que se pronuncie a crítica seria -con ou sen carné-, imos recollendo as reaccións dos lectores e lectoras de a pé, eses que á fin veñen sendo xuíces últimos dunha obra literaria, e coinciden nas mesmas sensacións: o efecto arrolador da prosodia de Vanesa Santiago, o carácter conmovedor da historia, o forte sentimento de saudade que transmite e o valor costumista co que se achega á Galiza mariñeira da época que retrata. Mesmo en que é unha novela que crea imaxes poderosas, moi evocadoras, e que unha vez rematada invita a unha dixestión post-lectura acougada.
No apartado da edición, o volume está encadernado en rústica con lapelas, con papel groso e maquetado, marxes amplas e un tamaño de letra que permite unha lectura cómoda. Inclúese unha faixa cunha foto da autora e o texto promocional «Unha viaxe ao corazón do mar. Unha descuberta máxica", e como valor engadido existe unha postal promocional que se pode atopar nas librarías.
O texto distribúese en trinta dous capítulos breves de estensión desigual, que permiten deixar e retomar a lectura con facilidade.
A capa é obra de Hayat Husein, e a fotografía da autora é obra de José Lores.
A vida sinxela de Marcelo Firmamento - Vanesa Santiago

ONDE ATOPALO: 
A vida sinxela de Marcelo Firmamento pode atoparse nas librarías do país, sexan tradicionais ou grandes superficies, a un prezo de 16 euros.
LIGAZÓNS DE INTERESE: 
Vanesa Santiago: Blog, Facebook, Twitter, Google+, Instagram, Youtube, Pinterest.
Editorial Galaxia: Páxina web, Facebook, Twitter, Soundcloud, Instagram, Youtube.
Ficha do libro na web da editorial.
FICHA TÉCNICA: 
A vida sinxela de Marcelo Firmamento
Autora: Vanesa Santiago
Editorial: Galaxia
Colección: Literaria, nº 361
Páxinas: 200
ISBN: 978-84-9151-068-0
Formato: rústica con lapelas
PVP: 16€

Volver a la Portada de Logo Paperblog