Revista Cultura y Ocio

Alén do remuíño - Roberto A. Rodrigues

Publicado el 14 diciembre 2015 por Tomas

Sinopse: Xoel posúe unha imaxinación portentosa. Pode ver dragóns alí onde os demais só ven lagartas, sereas nadando nos charcos, un rabaño pastando na lúa, gnomos choutando no arco da vella... mais este don marabilloso tan só semella traerlle desgrazas. Un novo traslado no traballo do seu pai obrígao a cambiar de escola, e hoxe precisamente é o primeiro día. A experiencia resulta traumática e algúns compañeiros recíbeno con formas pouco amábeis. Malia que Xoel trata de evitar problemas, axiña hase ver inmiscido en asuntos disciplinarios. Entristecido, asume que o seu maxín voador é unha negra maldición. Porén, no momento de cumprir o castigo, desencadearanse uns misteriosos acontecementos que lle farán comprender que nesta vida nada é o que parece, e que hai no mundo cousas invisíbeis que, moitas veces, son máis importantes que aquelas que se ven.
Alén do remuíño - Roberto A. Rodrigues
"Alén do remuíño" é o novo título da colección Xuvenil de Urco Editora, o quinto xa desta serie de obras de Fantasía pensadas para os máis novos. Con capas de José Ángel Ares e un deseño que mantén a liña gráfica característica da colección, "Alén do remuíño" é a primeira novela xuvenil de Roberto A. Rodrigues, autor vigués que xa publicara relatos na revista Contos Estraños, editorial na que viu a luz tamén a súa triloxía de fantasía heroica, "Os abismos da noite eterna"
Consta de 178 páxinas, divididas en vintedous capítulos intitulados. A curta estensión dos mesmos permite dosar a lectura, tanto por poder deixala e retomala sen cansar a un lector novo, como por distribuir os acontecementos da historia de xeito equilibrado, todo o cal a fai ben axeitada para uso escolar. 
Como é propio da literatura xuvenil, en particular a de xénero fantástico, "Alén do remuíño" é un bildungsroman que narra a viaxe, tanto física como persoal, do protagonista, un neno chamado Xoel, quen atesoura unha imaxinación abraiante, e que experimentará un proceso de crecemento e aprendizaxe namentres a Fantasía que tantos problemas lle trae na súa vida cotiá convértese na súa mellor ferramenta para superar os perigos que atopa na súa aventura. 

Alén do remuíño - Roberto A. Rodrigues

fonte: Facebook da Libraría Cartabón


As referencias literarias de Roberto A. Rodrigues neste "Alén do remuíño" semellan claras: "Alicia no país das marabillas", "Peter Pan", e por riba de todas "A historia interminable" de Michael Ende, coa que comparte a preocupación pola desaparición da Fantasía, devorada polo materialismo, a tecnocracía e a alienación da sociedade moderna. Do mesmo xeito que Bastian Baltasar Bux, Xoel chega ao seu mundo de fantasía, alén do remuíño, a través dun misterioso libro, malia que éste estea en branco, agardando a ser escrito. Os seus compañeiros de viaxe, os cativos chegados de diversas partes da Terra, como Connor, Ortiz e Kun Mei, axiña traen reminiscencias dos nenos perdidos da inmortal obra de J.M. Barrie, se ben non padecen a mentalidade caótica e irresponsable daqueles. 
A novela de Rodrigues é unha historia das que poderiamos chamar "de Fantasía total", non somentes pola súa temática e ambientación fantásticas, senon pola reivindicación da Fantasía como xeito de vida e como ben inalienable, aínda máis dos cativos. Na mesma liña da devandita obra de Ende (ou da saga "Luna de Leyenda" do seu paisanos e émulos Wolfang e Heike Holbein), en "Alén do remuíño" é a propia fantasía de Xoel a que crea o mundo, o escenario onde transcorren as súas aventuras. E é a ausencia de fantasía dos demáis a que ameaza a existencia dese mundo, apresentada aquí de xeito ben expresivo e gráfico polos baleiros, xigantescas chicharras negras que forman unha marea famenta que devora todo o que atopa ao seu paso e que só Xoel pode deter, chegando até o Faro de Almafí, destino da súa viaxe do heroe que, como é preceptivo, pasa por unha serie de probas e gardiáns e implica obter un obxecto que sirva de chave ou arma na súa procura.

Este desenvolvemento narrativo, cuxo prantexamento lembra ao das clásicas novelas de aventuras por entregas, permite que case non haxa tempos mortos e o ritmo narrativo sexa alto, pois a estensión de 178 páxinas obriga ao autor a condensar a acción e a reducir descripcións, diálogos e pasaxes explicativas, resultando unha lectura doada para o público xuvenil, cun léxico e unha estructura gramatical sinxelos. Porén, Roberto A. Rodrigues aproveita ben o espazo para crear un mundo no que o clima, as estacións e os fenómenos naturais conforman a paisaxe e a xeografía pola que viaxan Xoel e o resto de personaxes, que inclúe una boa cantidade de seres fantásticos e lugares senlleiros como o Faro de Almafí, situado na fin do mundo, como o da celebérrima novela de Jules Verne. 
Compre salientar, como sempre que falamos de literatura infantoxuvenil, da presenza de valores na novela, como a amizade, o respeto á diversidade e, por riba de todo, a fidelidade a un mesmo. Do mesmo xeito, visibiliza cuestións delicadas da vida cotiá dos cativos, como as dificultades de integración no eido educativo e o acoso escolar. Sen esquecer o devandito manifesto en prol da Fantasía, ou do dereito das crianzas a seren iso mesmo, crianzas. 
De resultas, "Alén do remuíño" combina unha historia atractiva e ateigada de Fantasía e Aventuras cunha narración doada de ler e escrita con axeito ao seu público, que amosa tamén tanto o bo facer de Roberto A. Rodrigues como o coidado co que que Urco Editora está a confeccionar a súa colección xuvenil, ampliando a oferta de literatura en galego para este segmento de público e ofrecendo alternativas para a lectura escolar. 
Alén do remuíño - Roberto A. Rodrigues

Ficha técnica:


Alén do remuíñoRoberto A. RodriguesEditorial: Urco EditoraColección: Urco Xuvenil Data de edición: 12/11/15ISBN: 978-84-15699-71-2EAN: 978841569971Páxinas: 178Formato: rústica sen lapelas, tapas fornecidasPrezo: 11,00€

Ligazóns de interese: 


Ficha do libro na páxina do Consorcio Editorial Galego, onde pode mercarse en liña.Roberto A. Rodrigues en Redelibros. Páxina de Urco EditoraUrco Editora en FacebookFotos da presentación da novela na libraría Cartabón, en Vigo. Roberto A. Rodrigues na Wikipedia. Roberto A. Rodrigues na AELG.

Volver a la Portada de Logo Paperblog