Revista Cultura y Ocio

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

Publicado el 09 diciembre 2015 por Tomas
Ben coñecida é, nestes tempos e para quen queira vela, a grave situación na que se atopa a lingua galega. Evidente é tamén a realidade da nosa industria cultural, que por veces semella no limiar da morte, máis por mor de axentes externos que por causas naturais. Pero ben sabemos tamén da resiliencia natural do pobo galego, do rudo encono co que tentamos acadar algo tan aparentemente complexo como sermos un país normal, e da nosa teima de nos negar a ir morrendo. Madialeva, sabemos que non morre o que pode xacer eternamente, e que en estraños eóns mesmo a morte pode morrer. 
Porque da particular sensibilidade que, de natureza ancestral e tradicional, temos os galegos cara a fantasía xa falamos hai tempo, e non é cousa de repetirse decote. Porén, compre reflectir a materialización desa sensibilidade que está a producirse na escena literaria contemporánea, da man dun proxecto editorial que, dende hai catro anos, vehicula a voz dunha nova xeración de autores e autoras, que perpetúan e anovan esta benquerencia nosa polo máxico, o oculto e o sobrenatural.
Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea
Contos Estraños nace no ano 2011, xuntando á súa fronte a Tomás González Ahola, director de Urco Editora -editorial que comeza traducindo ao galego clásicos do fantástico, o terror e a ficción científica, ao que engade pouco despois unha liña de títulos propios- e Fernando M. Cimadevila, libreiro e escritor, que ese mesmo ano viña de publicar na devandita Urco "O ladrón de soños", primeiro volume da saga xuvenil "O mundo secreto de Basilius Hoffman".
Os dous editores artellan Contos Estraños cunha filosofía marcadamente pulp, que xa dende o seu mesmo nome (tradución directa da histórica Weird Tales) homenaxea ás cabeceiras clásicas da literatura popular, e que coallará nunha revista de relatos e novelas por entregas, de publicación trimestral, maquetada a doble columna, sen publicidade e apoiada polo tradicional sistema de suscripción. Suscriptores que ven recoñecida a súa achega co seu nome impreso na contracapa de cada número. Os dous editores fan a apresentación de cada volume no limiar dos mesmos.

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

Co Volume 0 comezou todo


Catro anos despois, son xa cincuenta e tres os escritores e escritoras os que teñen publicadas as súas creacións na revista, ademáis de ilustradores e portadistas. Catro anos nos que xa podemos falar de varios feitos salientables:
A Primeira Era: Contos Estraños publica sete volumes, do número 0 ao 6, adicado cada un deles a unha temática monográfica. Co número 0 acúñase un novo subxénero literario: o Agroterror, terror ambientado no eido rural galego, reflectindo as súas idiosincrasias cun certo ton neorrealista e aproveitando as súas condicións ambientais, tan propicias para o xénero fantástico. O Agroterror axiña conecta co noso sentir. Nós non teriamos que nos desculpar por falar "un gallego cerrado, cerrado", por comer orella de porco e filloas de sangue ou por contar contos nos velorios. 
Na primeira era homenaxease a H.P. Lovecraft, a J.R.R. Tolkien e a Ray Bradbury. O número 5, "Verbas de Atenea", adícase en exclusiva ás autoras e convértese nun dos volumes máis populares, cunha portada de inspiración modernista, de Jara Zambrano.

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

A Segunda Era: Pulp, SteamPunk e horrores lovecraftianos 


A Segunda Era abandona a periodicidade trimestral e edítase un único volume de catrocentas páxinas con vintetrés relatos. Desaparecen as novelas por entregas e as traduccións e incorpóranse novas sinaturas.
A fusión e o futuro: A Terceira Era xorde marcada por un acontecemento notábel: A fusión, en xullo do 2015, de Urco Editora e Contos Estraños, que pasa a ser un selo da primeira e a beneficiarse da súa estructura editorial e de distribución, como se puido ver na última edición do Culturgal. Nesta Terceira Era a revista volve ser trimestral, e nestes intres ven de apresentar o seu número 8, combinando os nomes coñecidos da serie con outros novos. Súmase tamén ao corpo editorial David Cortizo Conde, editor de Urco.

As novelas: Paralelamente á edición da revista, Contos Estraños publica unha serie de novelas independentes, obra dos autores xa presentados na cabeceira periódica:
A esmendrellante e surrealista "Magumba", de Fabián Plaza Miranda.
A saga "As Crónicas de Bran", de Xosé Duncan, que se converte na primeira triloxía de fantasía heroica publicada en galego.

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

Na Primeira Era rendeuse homenaxe a Lovecraft, Tolkien e Bradbury, por esa orde


A triloxía de fantasía heroica "Os abismo das noite eterna", de Roberto A. Rodrigues. 
A distopía humorística "Galiza Mutante, Poder Nuclear!", de Tomás González Ahola, en colaboración con Urco Editora.
A ucronía SteamPunk "As aventuras de Margaret White", de Manuel Moledo. 
E xa na nova etapa como selo de Urco, a escolma de relatos "Plug and Play", primeira antoloxía de Ciencia-Ficción erótica en galego, con nomes senlleiros da nosa literatura como Mariña Pérez Rei, Ramón Caride ou Manuel Lourenzo.

Os autores: É difícil dar conta polo miúdo de todos os escritores e escritoras que teñen pasado por Contos Estraños. Vemos algúns dos máis activos, sabendo que nos deixamos a máis dun e dunha:
Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

María Alonso Alonso: Os relatos "As DrMartens da última anarquista", o relato "Aokigahara" incluido en "Plug and Play" e a novela "Despois do cataclismo" (Urco - Alcaián).
César Ariza Piñeiro: Os relatos "O guerreiro de pintura""Contrato asinado""A luz", "Cocido endemoniado" e "Agárdote no camiño", e a novela "Contos de soños e sombras" (Urco - Alcaián).
Andrea Barreira Freije: Os relatos "Fíos dourados", "Próxima estación" e "Non creo nas fadas", e a novela "Non hai luz sen escuridade" (Urco Xuvenil).
Santiago Bergantinhos: Os relatos "O home e a súa lágrima" e "O fedor", a novela por entregas "Betsy Brown" e a novela "Carmiña Burana" (Urco).
David Botana: Os relatos "O Tarzán de Mella""Rato", "O monstro que mira""Voz cosida" e a novela por entregas "Lía"
Jorge Emilio Bóveda: Os relatos "Sentenzas de volta", "A familia do tempo", "Vampiros no eirado", "Xeonautas", dos libros "A xanela escura""A xanela insólita" (Urco - Alcaián) e a novela "O Sol do pasado" (Urco Xuvenil)
Guillerme Cohen: Os relatos "O garfeiro" e "Alberte (lenda urbana)"
Ernesto Dieguez: Os relatos "O gato de Narxa" e "Por non falar da vaca" e a novela por entregas "Dark".

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

O celebrado "Verbas de Atenea", adicado ás autoras


Xosé Duncan: Os relatos "O ollo do corvo""As bágoas de Neixón""Os últimos de Landeiras", "Branco Nadal", "O pequeno Carlo" e "O derradeiro encargo do vendedor de denociñas", a triloxía "As Crónicas de Bran" (Contos Estraños) e a novela de terror "Hostal Norte" (Urco - Alcaián).
Manuel Ángel Gayoso: Os relatos "A morte branca""O sátiro""O amigo de Oriente""A pedra do Arangaño""Batalla de menciñeiros" e "A canción no temporal", e a novela por entregas "A cabalgata dos centauros"
Bea Guerra: Os relatos "A cidade pura", "O xogo" e "Sangue novo".
Tomás González Ahola: Os relatos "A illa no Mar-Chan" "O berce vermello", a novela por entregas "Roi Bernal, reloxeiro de reloxes xigantes", e as novelas "Galiza Mutante, Poder Nuclear!" (Urco - Contos Estraños) e "Derradeiro bis en catro corenta" (Redelibros).
Maruxa Martínez: Os relatos "A estúpida existencia de Victoria Expósito", "Benqueridos Reis Magos" e "Antía Dourado".
Manuel Moledo, que durante a Primeira Era asinou co seudónimo O Kuruñés: os relatos "Solsticio de verán""O fin da inocencia""Bonecos de latón""Quinta columna""Verdadeira menciña""O baile coa negra nai" e a novela "As aventuras de Margaret White" (Contos Estraños).

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

Coa Terceira Era (volume 7) a publicación
regresou á periodicidade trimestral


Fabián Plaza: O relato "Na vida", a novela por entregas "Primeiros" e a novela "Magumba" (Contos Estraños). 
Roberto A. Rodrigues: Os relatos "As penas de Leopoldo Quintás", "Espediente Sentulo", "A mastélida", "Arquipélago", "Espanto nas leiras", "O curmán mingallas", a triloxía "Os abismos da noite eterna" (Contos Estraños) e a novela "Alén do remuiño" (Urco Xuvenil).
Vanesa Santiago: Os relatos "A sombra da luz" e "A revelación de Li Kun Woo" e a novela de fantasía "Ninguén Lembra" (Urco - Alcaián).
Os ilustradores: Contos Estraños concédelle un importante papel ao apartado gráfico, e os portadistas dispoñen de un espazo no volume para explicar o seu proceso creativo e as técnicas artísticas empregadas: 
José María Picón: volume 0 "Amañeceres estraños", volume 3 "Nadal Impío" (no cal tamén asina o relato "O Contrato"), Segunda Era, volume 7 "Encontros na terceira era" e volume 8 "Choque dos mundos". Guillermo de la Peña: volume 1 "Anoiteceres estraños". José Serrano: volume 2 "Xornada fantástica". Fernando Bravo: volume 3 "Vieiros do mañá". Jara Zambrano: volume 5 "Verbas de Atenea".Salvador Aneiros: volume 6 "Lendas de Gallaecia"

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

O volume 8 é o último editado e ven de publicarse


Varios son os aspectos que compre salientar de Contos Estraños como iniciativa editorial. A primeira, servir de punto de encontro e de plataforma de expresión a un amplo grupo de autores e autoras do xénero fantástico; co cal estase a amosar a un tempo que a literatura en lingua galega nin está desaparecida, nin ten limitacións de estilos e xéneros como quere facer ver certo sector da crítica, e que existen inquedanzas e movementos alén das dúas xigantes omnímodas que partillan entre sí o reducido mercado editorial galego. 
Meritorio resulta tamén o vencello establecido entre a tradición fantástica secular de noso, a que levamos na nosa cultura e no noso folclore, e a literatura fantástica moderna, a nosa outra grande referencia á hora de escribir e ler o xénero fantástico en todas as súas variantes: Fantasía, Terror e Ficción Científica.
Daquela, podemos falar xa dunha Xeración Estraña? Existe un Círculo de Ahola-Cimadevila, como houbo un Círculo de Lovecraft e un Circulo de Campbell? Polo de agora a andaina ten comezado para autores e lectores estraños, baixo horrores ominosos e inenarrables. E impíos tamén. 

Contos Estraños, alma mater da fantasía galega contemporánea

Ph'nglui mglw'nafh Cthulhu R'lyeh wgah'nagl fhtagn!


Ligazóns de interese:
Páxina de Urco Editora - Contos Estraños.
Contos Estraños en Facebook.
Urco Editora en Facebook.

Volver a la Portada de Logo Paperblog