Revista Cultura y Ocio

Ninguén lembra: a primeira novela de Vanesa Santiago

Publicado el 29 julio 2017 por Tomas

Resumo: Unha historia esquecida que transcorre por igual no presente e no pasado, pois nela espazo e tempo esvaecen. As irmás Daia e Fiona Dalúa son alanein, persoas nadas con dons especiais que as diferencian da xente común. A súa herdanza ven sendo transmitida xeración tras xeración dende que os pobos do norte se espallaron por toda Europa. Na escola de Mikélemil, en Finlandia, atoparán o libro laretas que narra unha historia que ninguén lembra: a de Degon Aerinaira, a pequena princesa que salvou o lonxano reino de Ondán, asolagado pola revolta de Feolgor. Percorrendo Finlandia, o Reino Unido, Francia, Nova Iorque, Galiza e a máxica Tuami, e viaxando cara o pasado, as irmás Dalúa, as súas amigas Kailey e Gudrun, e os seus aliados Andrés e Martina entre moitos outros han formar parte da historia de Degon Aerinaira, que se vai escribindo namentres acontecen os feitos e máers, luïns e aerins poñen a proba os seus diferentes dons, que han combinar para sair con ben da aventura. Ninguén lembra é unha historia sobre a amizade, a lealtade, o amor e tamén a procura dun mesmo.

Ninguén lembra: a primeira novela de Vanesa Santiago

Publicada no 2013, Ningúen lembra é a primeira novela de Vanesa Santiago, gañadora do I Premio Illa Nova de Narrativa con A vida sinxela de Marcelo Firmamento. Foi publicada por Urco Editora no seu selo de produción propia Alcaián.

É unha novela de Fantasía en termos amplos, pois abrangue dende o libro de Aventuras ata a Fantasía Heroica/Épica. Vai orientada en especial aos leitores chamados "xóvenes adultos", co cal podemos poñerlle a etiqueta de "Literatura xuvenil", aínda que pola súa complexidade e a súa fondura é axeitada para calquera tipo de público. A súa visión feminina do xénero fantástico é salientable como habemos ver.

Ninguén lembra: a primeira novela de Vanesa Santiago

Para comenzarmos, compre dicir que Ningúen lembra é unha novela fonda, complexa, que racha con calquera clixé que un poida agardar cando escoita o termo "literatura xuvenil". Vanesa Santiago propón unha historia para ler de vagar, parando, relendo algúns parágrafos e deixando acougar a leitura para ir fiando todas as subtramas que gardan as súas cincocentas corenta e seis páxinas. Ía tempo que non botaba case un mes para ler un libro, pero acho que foi o xeito de desfrutar de todo o contido da historia.

O universo persoal de Vanesa é un exercizo abraiante de imaxinación e de capacidade para fabular e para tecer un relato consistente, que terma dunha morea de subargumentos e pequenas tramas persoais que encaixan como as pezas dun reloxio suizo. Imos ver:

A idea central deste universo é a existencia dunhas personas denominadas alanein, que nacen cuns dons que os distinguen dos demáis. Divídense en tres clases, que se vencellan directamente cos tres estamentos principais ou nobres das culturas tradicionais (as élites se lles queremos dicir tal), en particular da cultura celta, á que a autora, galega, non se pode sustraer. [Todos os termos son neutros] Os máer (aos que pertencen Daia e Fiona) vencéllanse cos druidas, e como aqueles posúen abelencias que remiten a un dominio sobrenatural da natureza e a unha sensibilidade animista. Ademáis da maerfilia (dominio da materia -lume, ar, auga- que poderiamos chamar "maxia"), os máer poden ser biófilos como Daia (dominio das auras vitais de animais, prantas e personas), patófilos como Fiona (dominio da mente), kinesófilos como Kailey (dominio do espazo e o movemento) ou cronófilos como Gudrum (dominio no tempo). Os luïn correspóndense cos cabaleiros, teñen una especial afinidade cos animais (en particular cos cabalos), abelencias guerreiras, un grande vigor e resistencia física e coñecementos de herbas sandadoras e de artes de caza e pesca. Hai tamén animais luïn, cuxa lonxevidade é moito maior ca dos animais correntes. E os aerin relaciónanse cos bardos, que eran tanto os depositarios e transmisores da cultura, as lendas e a tradición dos pobos mediante a canción, como expertos sandadores e coñecedores da ialma humana.

Os alenein son os herdeiros desta cultura clásica, que se ven transmitindo dende que os pobos do norte se espallaron cara o sur, e na sua pervivencia teñen un papel fundamental as mulleres. É salientábel cómo os alanein rexen a súa vida de acordo aos ciclos da natureza, contando o tempo en lúas, seguindo o paso das estacións e suplindo o uso da tecnoloxía coas súas abelencias naturais. Especialmente fermoso resulta o xeito de vivir dos luïn. Amantes da vida ao ar libre, son quen de atravesar Europa a lombos dos seus fieis cabalos, gozando do vento e da súa liberdade, cazando e pescando e sen estar pendentes dun reloxio ou do calendario.

Ninguén lembra: a primeira novela de Vanesa Santiago

Persoalmente, creo ver unha reivindicación, un chamado da autora a conservar o que de bo tiñan os pobos antigos, un xeito de vivir máis en comuñón coa natureza co actual, máis preto dos ritmos naturais da Terra, cun maior respeto do acervo cultural e primando o vital fronte o material.

Así é que os animáis teñen o seu papel na obra, como amigos, aliados e compañeiros fieis dos alanein. Daia coa súa loba Taiga, Andrei e Ricartus con cadansúas eguas Tundra e Nuage, ou o lendario cabalo Kervis o indomábel.

Se ben dixemos que maer, luïn e aerin equivalen á élite estamental das sociedades tradicionais, non hai nada de elitismo neles (por contra son humildes e sinxelos), nin clasismo entre os tres grupos nin cara ás persoas "correntes". Sen ir alén o pai de Daia e Fiona non é alanein, senón cirurxano, e ao longo do libro asistimos a moitos casos semellantes, como o pai de Andrés e Martina, que é ebanista. A existencia da escola Mikélemil, á que acoden os máer para aprender a dominar os seus dons, responde máis a unha necesidade de protección (como cada ano lles lembra aos alumnos unha representación teatral sobre a historia da escola) que a unha intención segregacionista. Por certo, non agardedes unha mala copia de Hogwarts porque non o é: a presenza e o peso específico de Mikélemil neste "Ninguen lembra" sonvos ben distintos.

O feito de que Mikélemil estea en Finlandia, e que dende o norte de Europa partise a diáspora que espallou aos alanein por todo o mundo leva a unha fermosa fusión das culturas celta e nórdica, un sincretismo que foxe de lugares comúns e que se amosa nas diversas orixes dos personaxes protagonistas. Daia e Fiona galegas, Kailey irlandesa, Gudrun finesa descendente de escoceses das Highlands. A autora é unha apaixoada da cultura nórdica, e a epopeia nacional finesa Kalevala foi unha das súas inspiración á hora de crear o seu universo. [Pódese ler e descarregar en Scribd. Se vos animades son 23.000 versos]

En Mikélemil han entrar en contacto Daia, Fiona e as súas amigas co libro laretas, no cal descubrirán a historia esquecida de Degon Aerinaira, sen saber que elas mesmas han escribir a devandita historia á vez que a viven. Porque Ninguén lembra ten un certo punto metaliterario:

Vanesa recoñece a influencia directa da maxistral A historia interminábel de Michael Ende no seu estilo, [homenaxe incluida coa aparición da máxica frase Pero iso é outra historia e merece ser contada noutra ocasión], e a súa novela contén varios elementos que nos lembran que estamos ante un libro propiamente dito. Por unha banda está a presenza de Eusebio, un narrador que aparece en varias ocasións, contando a historia de viva voz a unha audiencia na que podemos estar nós sentados a lle escoitar. Por outra, está o libro laretas, que relata a historia que os personaxes están a vivir e a protagonizar, e con iso a escribila. Malia que estea narrado case por completo en terceira persoa, nun momento Fiona toma a voz e relata en primeira persoa, dicindo que lle colle o relevo a Daia, ainda que cedo cansa e lle devolve o testigo á súa irmá. E por último remateremos por ter a sensación de que é o propio libro laretas o que temos entre as mans, entrando nós mesmos na historia, pois ímola creando na nosa imaxinación namentres a lemos.

A trama de Ningúen lembra non é sinxela, e a Espiral, o símbolo escollido por Vanesa Santiago para describir a súa revirada liña espazo-temporal, é ben axeitada. As abelencias kinesófilas (dominio do espazo) e cronófilas (dominio do tempo) dos máer lles permiten a eles moverse por todo o mundo nun intre (só requiren crear primeiro puntos de unión chamados Triángulos. Por iso o primeiro viaxe de Daia e Fiona a Mikélemil é en tren) e entre o pasado e o presente; e a autora borrar, como xa dixemos arriba, as barreiras espazo-temporais, sendo cotián no libro ir lendo parágrafos que narran feitos das dúas distintas épocas e protagonizados por personaxes que se atopan en diferentes lugares do mundo neses intres.

"Mais podería vivir así, naquel tempo tan diferente ao seu, sen saber o que fora daquel pobo seu, polo que arriscara tanto? Fora ela, a Mintrae Aerineia, a Gran Raiña do seu pequeno e Gran Reino. Fora ela quen lle encargara a misión de cruzar a outro tempo. Portaba un obxecto que pertencía a unha persoa que agardaba no outro tempo. Alí sabería máis. Todo tan confuso..."

As dúas épocas son o noso presente dunha banda, e un momento indeterminado da transición entre o Baixo Imperio Romano e a primeira Idade Media, cando Roma está na súa decadencia e os pobos bárbaros comezan a asentarse no que foron as provincias romanas. O fascinante é que, como xa dixemos, o papel dos protagonistas nos feitos do pasado é fundamental, atopando que personaxes do noso presente naceron no pasado, ou que personaxes do pasado son froito da relación entre persoas de ámbolos dous mundos. Neste punto compre salientar a figura de Kailey, a Nena Roxa.

Ninguén lembra: a primeira novela de Vanesa Santiago

O pasado ten un aquel de misterioso, de lendario, pois ubica os feitos no reino de Ondán, situado no que hoxe é Galiza, mais non existe correspondencia algunha coa historiografía nin a xeografía oficiais. Hai unha cidade romana amurallada nun declive máis que evidente (¿Lugo?) e sabemos que os habitantes comezan a darlle a aquel lugar o nome de Xallas, nome que recibirá no noso presente, sendo o pobo de orixe dos irmáns Andrés e Martina, luïn e aerin respectivamente, aínda que tamén non corresponde co que hoxe é a comarca do Xallas. O Xallas é famoso sobre todo pola fervenza do Ézaro, namentres que "non hai fervenzas na Envolveita" do Xallas onde viven Andrés e máis Martina.

Temos o dato de que hai un castelo, o Castelo Celeste, corte da Raíña do Gran Reino de Ondán, nunha cidade chamada Deira. Pero non se conserva en Galiza castelo tan antigo. No Fontán natal da autora hai un castelo (bon, ou o que queda del) pero é do século XVIII. Máis incertidume para fornecer o ton fantástico da historia.

A xeografía no presente móvese tamén entre o real e o máxico, con lugares como a illa de Tuami, a cal só poden acceder os alanein, ou a cidade de Mentia, que se atopa fora de calquer espazo coñecido, e que é a sede dos ein, o máis semellante (pois tamén non é tal) que existe a unha Administración ou un Goberno alanein.

Dixen aló arriba que a novela abrangue a fantasía en todo o seu conxunto, e de certo que nas partes que transcorren no noso presente gozamos dunha historia de aventuras, intriga, traizóns e sucesos inesperados, e no pasado temos a narración máis épica, na líña da fantasía heroica que coñecemos e amamos de autores como Tolkien, Moorcock ou Robert E. Howard, co aporte feminino da autora. Porque unha das (moitas) cousas que lle podemos criticar á fantasía heroica é a súa "masculinidade", o seu machismo, que nalgunhas obras se tenta correxir con heroínas "de armas tomar" pouco cribles ou que perden a súa esencia feminina. A perspectiva de Vanesa Santiago é, ao meu parecer, máis axeitada, pois amosa que a capacidade e as abelencias para enfrentar os perigos e as exixencias da aventura van na personalidade de cada un, sen ter porque ser sempre a forza física ou o uso da violencia. Non existe unha división dos dons o das cualidades por sexo.

"Andrei, seguido polos cabalos fuxidos, fixo a aparición no campamento inimigo con toda a forza que lle corría polas veas fervéndolle, iracundo e monumental, disposto a vingar a Fiona; crueis e insensatos discípulos de Feolgor, coñecerían a furia dun cabaleiro luïn. [...]
- Andrés! A boas horas!
Andrei sentiuse desarmado por estas palabras. Fiona non parecía ningunha dama en apuros saíndo destemida daquela praza inimiga. Mais, onde estaban os inimigos?
- Non es o único que pertence a unha estirpe antiga por estas latitudes..., Andrei. Aínda non sabes que podo xogar coas mentes das persoas? Pobriños, noteinos moi cansos..., todos están a durmir."

A presenza das mulleres é fundamental na obra, como o é no mundo alanein, pois a súa orixe e a súa transmisión son, ao meu xuizo, claramente matriarcais. Mulleres son a Primeira Máer e as oitenta e unha que a seguiron e espallaron a linaxe alanein por todo o mundo, e mulleres son as Deleuskas de Andoain que terán un papel curto pero trascendente na historia.

En canto a estructura da novela, a devandita Espiral que conforma a súa trama, e a morea de liñas argumentais que ten, van artellándoa de xeito que todo cadra, pois todos os acontecementos están escritos e pechados, tanto na historia que Eusebio está a contar, como no libro laretas que Daia e Fiona len en Mikélemil. De feito Vanesa Santiago incorpora na súa obra a figura dun camiñante misterioso chamado Torxaí o Vello Errante, que a autora vencella tanto coas divinidades clásicas dos camiños, como o Hermes-Mercurio grecorromano e o Quetzalcóatl mesoamericano, aos quen se encomendaban os viaxeiros cando se botaban aos camiños (en Galiza ainda existen os milladoiros, lembranza cristianizada daquel tributo pagán a Mercurio en forma de pedras miliares), como cos Istari de Tolkien, e que representa a eternidade dos camiños, o perpetuo e imparábel fluir do tempo, e que ten un certo papel de deus ex machina, pois está por riba dos feitos e móvese alleo aos mesmos, semellando forzar a resolución das circunstancias coa súa intervención, namentres rilla amodo un anaco de queixo.

O libro divídese nun limiar, tres grandes bloques titulados " máer", " luïn" e " aerin", e unha última parte á maneira de novela curta titulada "Da viaxe heroica de Gabriela de Efnacare", que serve de peche. En cada un dos grandes bloques vanse incorporando personaxes: Comenza coas máer Daia e Fiona Dalúa, logo ven o luïn Andrés/Andrei e por último a aerin Martina, malia que a estes protagonistas súmanse un grande número de outros personaxes, até completar unha nómina moi extensa. Por iso recomendo ler amodo, pois é doado perderse se vai un ás presas.

O nutrido elenco vai da man de outras tantas liñas argumentais, pero como xa dixen están artelladas con mestría, e non quedan fios soltos. Ollo sobre todo á subtrama de Kailey e Patrick, se callar a máis representativa da complexidade da obra e da estreita relación entre presente e pasado, entre a parte "real" e a lendaria da historia e dese ton de inexorabilidade, de feitos consumados que ten. De feito, a palabra "destino" aparece non poucas veces no texto.

Para escribir o seu libro, Vanesa Santiago emprega un estilo cheo de lirismo, fortemente evocador e ateigado de simbolismo. Dende a omnipresente flor pentapétala, símbolo real de Ondán e que representa tamén as cinco liñas argumentais principais da obra, pasando polo papel da lúa (tanto polo apelido das irmás Daia e Fiona, como polo segundo nome de Daia, "En Selene") e remantando pola figura de Kailey, a Nena Roxa, coma ligazón entre mundos ou pola propia significancia de Degon Aerinaira como nacemento dun novo mundo, toda a novela está inzada de símbolos, e queda á discreción do leitor reparar en todos e interpretalos á súa maneira, posto que os símbolos non significan o mesmo para cada un.

Este lirismo dalle además un ton épico ás pasaxes que descreben loitas e esceas de acción:

"E entón o sol quedou oculto detrás de nubes plúmbeas e espectrais que o cubrinon todo. Baixaba a néboa aos seus dominios, e os exércitos non se decataban, e os gumes de dúas espadas buscábanse como imáns".

É un estilo para recrearse e para desfrutar amodo, (o uso abondoso da coma fai que as frases teñan moitas pausas racha coa norma da literatura taquigráfica que predomina nos productos xuvenís), mesmo lendo dúas veces algúns parágrafos, en especial aqueles que relatan os sentimentos ou os pensamentos íntimos dos personaxes. Pois como xa dixen Ninguén lembra é sobor de todo unha historia sobre a amizade, sobre o amor en tódalas súas formas, a lealtade e o destino. Que non existen as casualidades e que todo está predestinado é se callar a mensaxe principal da novela, mesmiño as protagonistas xa aparecen nas Ladaíñas da Grande Raíña, escritas moito antes de naceren elas:

"[...] Daia entende. Kailey intúe. Fiona escoita[...]"


Vanesa Santiago acada que nos emocionemos cos sentimentos que expoñen os protagonistas, e as duras decisións que deben tomar.

"Gudrun non quería imaxinar o que faría Daia cando soubese que deixara partir sen máis a súa mellor amiga. Mais Daia, en realidade, fora quen animara a Kailey a dar aquel paso."


Prima o vital, o espiritual, fronte o material, unha postura romántica no seu sentido clásico de exaltación do paixonal sobre o racional.

"Logo da aperta violeta, Fiona e Delaira marcharan deixando a Daia soa na praia. Non soa, exactamente, porque Taiga esperaba paciente lambendo o sal dunha pata. Chapuzaba nas pozas. E soubo que ter iso era canto precisaba para ser feliz."


Para rematarmos, só dicir que as súas 546 páxinas garantizan horas e horas de leitura agradábel e satisfactoria, e que acho é un libro que ha gostar a aqueles que busquen unha historia limpa dos clixés máis comúns na literatura xuvenil, cunha aportación anovadora ao xénero de fantasía e un bo feixe de ideas suxerentes.


Volver a la Portada de Logo Paperblog