Revista Cultura y Ocio

O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith

Publicado el 15 noviembre 2016 por Tomas
Averoigne é a típica provincia francesa medieval: Ten grandes fragas sombrizas, unha catedral gótica na que sobrancean as gárgolas, mosteiros beneditinos agochados en lugares inaccesíbeis e, por riba de todo, moitas lendas e historias a medio contar.
Clark Ashton Smith aproveita este pintoresco pano de fondo para desenvolver unha serie de relatos fabulosos, que mesturan elementos do conto exemplar, a narrativa de terror truculento e o xénero pulp. Polas súas páxinas desfilan feiticeiras e feiticeiros, súcubos e íncubos, cadáveres animados e bispos nigromantes, todo un bestiario medieval co seu catálogo inesgotábel de paixóns, virtudes e vicios, que ao mesmo tempo se artella nunha armazón perfectamente equilibrada entre o sobrenatural e o puramente terreal.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith
Coa publicación de "O escultor de gárgolas e outras historias de Averoigne", Urco Editora ven de chantar outro fito para os amadores da literatura pulp no noso país: o sacerdote tolo Klarkash-Ton, custodio do libro de Eibon, depositario dos Manuscritos Pnakóticos e dos escuros segredos de Hyperbórea, olla, á fin, a súa obra traducida ao galego, acompañando nos andeis á dos seus non máis cabais amigos Eich-Pi-El e Bob Dúas Pistolas.
De certo, Clark Ashton Smith conformou, xunto con H.P. Lovecraft e Robert E. Howard (cuxas obras atópanse xa traducidas ao galego e publicadas por Urco en cadansúas coleccións monográficas), o triunvirato máxico de autores da seminal revista Weird Tales, conformando tamén o núcleo central do hoxe reivindicado Círculo de Lovecraft. 
Pero Smith é, tamén, o máis esquivo e fuxidío dos tres. Tras unha época de gran prolixidade, na que forneceu o universo literario do seu amigo Lovecraft (ao que vencellou unha amizade epistolar sostida durante quince anos) e escribiu numerosos relatos destinados ás publicacións populares, encadeou en só dous anos a morte dos seus pais e dous seus amigos máis queridos (pese a non terse coñecido en persoa), os devanditos Howard, primeiro, e Lovecraft, despois, o que o sumiu nunha fonda depresión e o levou ao abandono da narrativa popular, acubillándose na súa cabana de California, voltando á poesía da súa mocidade e centrándose nas artes plásticas. 
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith
Smith morreu no ano 1961, polo que a súa obra non é aínda de dominio público. E fíxoo ademáis na miseria, sen fondo nin institución ninguns que administren os seus dereitos de autor. Algo que non impediu aos responsables editoriais de Urco contactar co herdeiro do escritor e obter o seu beneprácito para a publicación, na nosa lingua, da obra de Klarkash-Ton, algo que fica gratamente explicado no limiar deste volume, asinado polo tradutor e director editorial, Tomás González Ahola.
Son varios os ciclos que se podían ter escollido para comenzar a publicación da obra de Clark Ashton Smith: o de Hyperbórea (o máis directamente vencellado aos Mitos de Cthulhu), o do moribundo e decadente Zothique, o de Xiccarph, o de Poseidonis... pero Urco elixiu o máis achegado á nosa cultura, o que os lectores galegos atoparemos máis de noso, pola semellanza das súa ambientación co noso propio pasado, e o das súas historias coas nosas propias lendas tradicionais: o ciclo de Averoigne.
Ashton Smith era un home dunha grande sensibilidade, apaixoado da Historia europea, que aprendeu castelán e francés de xeito autodidacta. Así, ambientou parte da súa prosa na ficticia provincia francesa de Averoigne, inspirada pola real Auvergne, situada como aquela no centro de Francia. As historias deste ciclo de Averoigne transcorren entre os séculos XI e XVIII, nunha Idade Media na que a Fe cristiá convive coa maxia, a feiticeíria, os seres sobrenaturais, as criaturas demoníacas, o animismo, os cultos pagáns e os saberes dos druidas prerromanos.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith
"O escultor de gárgolas e outras historias de Averoigne" inclúe todos os relatos completos do ciclo de Averoigne, desbotando o material fragmentario que aparece noutras antoloxías (un poema, finais alternativos, sinopsis de relatos e textos inconclusos). Como veremos, Clark Asthon Smith capta e acada transmitir o espírito das lendas medievais, nas que o sobrenatural convive co terreal de xeito armonioso, e onde os personaxes reaccionan ante o máxico con normalidade, asumindo a existencia de seres e acontecementos preternaturais e afrontándoos como algo cotián. A paisaxe de Averoigne é familiar para o lector galego, coas súas fragas mestas e umbrías, os seus mosteiros silantes e as súas cidades de pedra.
Tal é tamén, como Galiza, unha terra onde unha cristianización tardía e custosa non deu erradicado o paganismo secular e onde cada regato, cada pena e cada igrexa agochan un misterio, unha historia estarrecedora ou unha lenda que, na narración privilexiada de Ashton Smith (non poucos o consideran o máis capacitado dos tres mosqueteiros de Weird Tales), aos galegos lémbrannos ás que moitos escoitaron de crianzas arredor da lareira nas noites de inverno, e que outros coñecimos da man de don Leandro Carré Alvarellos.
Como veremos, os relatos deste ciclo de Averoigne comparten elementos estilísticos e temáticos comúns, nos que destacan:
- A existencia da maxia e do preternatural como elementos cotiáns na vida das persoas, que os asumen con naturalidade. A presencia de grimorios, libros arcanos, apócemas máxicas e obxectos de poder, nigromantes, bruxas e menciñeiros.
- A cita de deuses e outros elementos dos Mitos de Cthulhu, e de divinidades pagáns, así como dos diversos nomes que recibe o Demo cristián ou as deidades equiparables a el.
- A persistencia do paganismo e dos cultos arcanos precristiáns, que o cristianismo non acadou erradicar. A incapacidade do cristianismo para facer fronte aos devanditos seres e horrores sobrenaturais.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith
- Unha ambientación herdada do terror gótico: as profundidades de fragas umbrías, rúas escuras e desertas, castelos en ruinas, fríos e illados mosteiros, sotos e covas...
- E un forte compoñente de sensualidade e erotismo, vencellada sobor de todo ás criaturas preternaturais  femininas (lamias, feiticeiras, bruxas). Esta carnalidade, ás veces velada, ás veces evidente, enchoupa todo o conxunto e, unido ao expresivo estilo de Clark Ashton Smith, otorga ao texto un ton moi suxerente e cativador, que segue a acender a imaxinación hogano como o fixo coa dos lectores de Weird Tales naqueles lonxanos anos 30.

"O escultor de gárgolas e outros relatos de Averoigne" componse dun total de once relatos, escritos entre 1929 e 1938:

1. "O remate da historia"


O volume comeza cun relato de vampiros, centrado na figura da lamia -íncubo para a Igrexa cristiá-, capaz de engaiolar a vontade dos homes con miraxes e encantamentos seductores. Ao tempo, Smith introduce a existencia de libros e manuscritos arcanos e a contraposición cristianismo-paganismo.

2. "Un encontro en Averoigne"


Nesta historia, Clark Asthon Smith insiste na confusión entre a realidade e a ensoñación, pola existencia de encantos sobrenaturais e pantasmas capaces de crear miraxes e cativar os sentidos dos vivos.

3. "O escultor de gárgolas"


O relato que dá título ao volume enfronta ao cristianismo coa nigromancia, desenvolvendo a loita no propio chan sacro da catedral católica. As gárgolas convértense no vehículo do odio e os desexos de vinganza do seu escultor.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith

4. "As mandrágoras"


Un relato de final macabro no que se salienta a presenza cotián e habitual das apócemas e as beberaxes máxicas na Averoigne medieval, neste caso con aplicacións románticas e sexuais, mantendo a liña concupiscente do resto do volume.

5. "A besta de Averoigne"


Unha historia violenta, no que unha criatura abominable percorre a provincia matando inocentes de xeito brutal. Ten un aquel de relato detectivesco e mantén a intriga até o desenlace.

6. "A santidade de Azédarac"


Un dos relatos máis interesantes, tanto polo seu vencello cos Mitos de Chutlhu, coa trama xirando arredor do libro de Eibón e coa mención de varios deuses Primixenios, como polo seu suxerente argumento: un frade é enviado á época prerromana polo bispo bruxo Azédarac, usando unha apócema arcana. Como é constante neste ciclo de Averoigne, o paganismo aparece como fonte de sensualidade e como tentación para a castidade cristiá.
O personaxe do nigromante Azéderac protagonizaría outro relato, "The Doom of Azederac", do que só se conserva a sinopse.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith

7. "O coloso de Ylourgne"


O relato máis longo do volume, case unha novela curta, dividida en varias partes. Un nigromante crea, usando cadáveres recén finados, un xigante que sementa o terror na provincia con actos de gran crueldade. O aprendiz de feiticeiro Gaspard du Nord tentará detelo á vez que fuxe do Santo Oficio.
Con pasaxes dunha violencia moi gráfica, Smith transmite moi vívidamente o ton impío e irrespetuoso do nigromante e da súa creación contra a Igrexa católica.

8. "A exhumación de Venus"


Nesta historia agroman os misterios agochados baixo o chan de Averoigne, antigos poderes que reaparecen para poñer a proba a Fé cristián. Neste caso, unha estatua da Venus romana, que esperta a luxuria dos até entón virtuosos e castos frades dun mosteiro.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith

9. "Nai dos sapos"


Relato grotesco, onde unha bruxa de aspecto noxento e repudiada por todos enfeitiza a un home para manter relacións sexuais con el e, após diso, retelo na súa casa grazas a un exército de sapos que obedecen a súa vontade. Urco Editora ofrece aquí a versión completa do texto, do que existe tamén unha versión censurada.

10. "A feiticeira de Sylaire"


Unha historia onde Smith xoga de novo coas ilusións e o engano dos sentidos, incorporando os mitos da licantropía, e do íncubo, símbolo da sexualidade feminina que posúe e domina ao varón confundindo a súa percepción da realidade e anulando a súa vontade.


11. "O sátiro"


Outro relato rebordado de sensualidade, cunha trama de infidelidades, amantes e maridos burlados, que se resolve de xeito inesperado coa presenza dun sátiro, símbolo da luxuria e un ser mitolóxico precristián que aparece con total normalidade na Francia medieval.
"O sátiro" conta cun final alternativo que non se aparece neste volume. Como o resto do material non incluido no libro, é fragmentario, e o seu interés sería únicamente a efectos de curiosidade ou de completismo.
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith
Sexa benvido Clark Asthon Smith á lingua galega. Aberta, iso sí, a apetencia, ficamos agardando por novas traducións: Hyperbórea, Zothique... e que o tolo Klarkash-Ton saia do inxusto esquecemento na que se atopa para un gran sector do público.

ONDE ATOPALO:


"O escultor de gárgolas e outras historias de Averoigne" pódese mercar por 16 euros na páxina web de Urco Editora, na loxa do Consorcio Editorial Galego, ou nas librarías do país.


LIGAZÓNS DE INTERESE: 


Urco Editora: Páxina web, Facebook e Twitter.
Ficha do libro na web de Urco Editora e no Consorcio Editorial Galego.

FICHA TÉCNICA: 


O ESCULTOR DE GÁRGOLAS E OUTRAS HISTORIAS DE AVEROIGNEColección: TraduciónAutor: Clark Ashton SmithTradutor: Tomás González AholaPáxinas: 194Formato: 153X230MMEncadernación: Rústica con capas fornecidas e plastificadasISBN: 978-84-15699-93-4Prezo: 16€
O escultor de gárgolas - Clark Ashton Smith

Volver a la Portada de Logo Paperblog