Revista Cultura y Ocio

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Publicado el 08 abril 2015 por Tomas

Somos os galegos, abofé, un pobo privilexiado para a fantasía. Atesouramos un folclore abondoso en lendas, contos e historias de transmisión oral. Unhas de fonda raigame celta, outras de orixe incerta, tamén de procedencia ou adaptación cristiá, e mesmo vencelladas ao ciclo artúrico. Os nosos camiños, ríos, mares, lagoas, fragas, congostras, penedos e montes están ateigados de seres fantásticos, as nosas propias criaturas feéricas que compoñen unha mitoloxía de notábel entidade antropolóxica. O sobrenatural e a vida do alén agrómanos da mesma terra, nun país onde os mortos andan polos camiños á noite, ao Beltane chamámoslle os Maios e ao Shamain dicímoslle Santos, mesmo aqueles que aínda manteñen que o do pasado celta son andrómenas. Vese que á Igrexa de Roma non lle remataba de chistar tanto trasno, tardo, nubeiro, encanto, moura, meiga, lobishome, estántiga, coca, urco, lavandeira e dama do castro, e por iso non temos cruce de camiños sen cruceiro, pena milagreira sen santiño, nin santuario pagán que non fora debidamente cristianizado coa súa virxe, ermida e romaría. Enterramos un bispo herexe e no sitio aparécenos un apóstolo. O sincretismo sempre foi moi de noso.

O mundo secreto de Basilius Hoffman


Grandes foron os escritores e escritoras galegos que sumiron a súa obra na fantasía, ás veces ata facela indistinguíbel da realidade, creando o estilo que despois, como tantos galegos, cruzaría o Atlántico para seren inmenso e universal, baixo o nome de realismo máxico. Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e tamén aqueles que escribiron en castelán, coma Wenceslao Fernández Flórez ou Emilia Pardo Bazán, deron comprido testemuño da natural sensibilidade da nosa natureza e da nosa cultura cara á Fantasía.

¡Será por nomes! Xosé Luis Méndez Ferrín, Ramón Caride, Darío Xohán Cabana, Carlos Casares, Paco Martín... que en cadansúas obras tiveron espazo para a fantasía dun ou doutro xeito. Propensión á que non foron alleos quenes adicaron a súa escrita ao público infantil e xuvenil. Mancheas de autores nas que sobresaen Agustín Fernandez Paz, Elvira Menéndez, Xabier P. Docampo, Xoan Babarro, An Alfaya ou Fina Casalderrei.

Porén, na literatura galega ficaba unha grande conta pendente. Nun panorama editorial onde as historias de fantasía tenden a se estender en triloxías, tetraloxías e mesmo heptaloxías, para desenvolver de xeito comprido os seus personaxes e o seu universo, faltaba unha grande saga de fantasía xuvenil escrita en galego, protagonizada por un personaxe que se convertise en referencia central do noso corpus literario fantástico. Os nosos nenos Pevensie, a nosa Lyra Belacqua, o noso Rüdiger von Schlotterstein, o noso Harry Potter. Ou mesmo, por qué non, o noso propio Bastian Baltasar Bux.

Un personaxe senlleiro precisa unha casa senlleira, e esta foi Urco Editora, a editorial nada en Compostela no 2007 cun obxectivo declarado: "A publicación sistemática e especializada de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror". Urco, ademáis de traducir á nosa língua aos grandes clásicos universais, deu voz, coa súa serie Alcaián, a unha nova xeración de autores de fantasía, coma Vanesa Santiago, Jorge Emilio Bóveda ou Xosé Duncan.

Así, no ano 2011, da man de Fernando Cimadevila, apoiado polas ilustracións de Iván Valladares, sae á luz chegada ao seu terceiro libro, é xa, por méritos, "O ladrón de soños", o primeiro volume de "O mundo secreto de Basilius Hoffman". Serie que, a saga de fantasía xuvenil máis popular e lida da Galiza.

Veu o 2012, e con el a segunda parte, "Un faro na escuridade". E neste 2015, temos connosco o terceiro, "A batalla por Avalon". Chegados ao ecuador dunha saga que será pentaloxía, son tempos de determos e falar sobor dela, comezando polo seu autor.

Fernando M. Cimadevila Botana, ademáis de escritor, foi libreiro (tivo a súa propia libraría en Compostela, chamada Auryn) e distribuidor de libros con Pragma Distribuidora. Fundador e editor da Editorial Contos Estraños, debutou na escrita con "O ladrón de soños", e ademáis da saga de Basilius Hoffman, foi finalista do Premio Desnivel 2014 con , e escrebe a serie de libros infantís "As aventuras do Apalpador".

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Cimadevila está escoltado por dous grandes ilustradores: Iván Valladares, nos primeiros dous libros, e Jara Zambrano, no terceiro, namentres que as capas son obra de José María Picón. Compre salientar a importancia das ilustracións nesta saga, onde a edición e o deseño integral de cada volume son aspectos coidados con agarimo.

As influencias de Cimadevila, á hora de escreber fantasía, e que se traslucen en "O mundo secreto de Basilius Hoffman", pasan sen dúbida algunha por Michael Ende, a figura central e máis notábel, nun elenco onde se percibe a pegada de Tolkien, da Úrsula K. LeGuin de Terramar, de Philip Pullman (coa súa tríloxía A materia escura), de Terry Pratchett, da ficción científica do titánico Julio Verne, e da estética dos animes de Hayao Miyazaki, mesmo aquela serie súa tan Steam-Punk que foi Sherlock Holmes.

O protagonismo está partillado entre Peter Hillman, un neno de doce a quen os seus pais, posuidores dunha inmensa fortuna, prestan pouca atención, deixándoo nun elitista internado namentres atenden os seus negocios, e o seu tío materno, que da título á serie: o profesor Basilius Hoffman. Peter fica ao coidado do seu tío nunhas vacacións de Nadal, e a aventura comeza.

O mundo secreto de Basilius Hoffman


Unha das curiosidades do mundo que creou Cimadevila e a ambigüedade, a imposibilidade de ubicar os feitos nun tempo ou nun lugar concretos. Sabemos que é nos nosos tempos, pois o Basilius ten un vello Cadillac de cor branca perla, "dos seus anos mozos". Porén, na historia non aparecen teléfonos móbeis, computadoras ou calquera outra tecnoloxía actual. O lugar ben pode ser Inglaterra, ata que Peter di: "Pensei que Avalon era unha lenda, e que ademais estaba en Inglaterra". Polo que respecta á ambientación e a atmósfera, semellan ancorados nos anos vinte ou trinta dalgún país anglosaxón sen definir, aumentando así o ton fantástico do seu universo.

As figuras dos pais ausentes, ou falecidos, e do tío coma titor do protagonista, son comúns á fantasía xuvenil, e Cimadevila xoga aquí a baza dos tópicos, que non todo vai ser anovar. A vida co Basilius há supor para Peter un cambio absoluto coa súa tristeira existencia anterior, e de man do seu tío, e das súas excentricidades, chegarán tamén a fantasía e as aventuras.

"Era un home non moi alto, rexo como un vello tronco e de bandullo avultado. O cabelo, de cor alaranxada, medráballe abondoso a ambos os dous lados da calva, e suxeitábao nunha coleta mediante un anel de bronce labrado. Da mesma cor lucía a barba e o longo bigote que lle caían baixo unhas meixelas arroibadas. Vestía camisa branca e chaleco marrón, no que destacaba a cadea dourada dun reloxo de peto; os pantalóns eran negros e de raias. Como a guinda dun pastel remataba tan curiosa indumentaria cun lazo vermello."

Pois o Basilius é un viaxeiro infatigábel, sempre rodeado de obxectos e documentos traídos das súas pescudas polos lugares máis exóticos do planeta, investigador de culturas antigas, misterios esquecidos, trebellos máxicos, e lendas e historias fantásticas e esotéricas. É membro da Irmandade de Avalón, unha sociedade secreta consagrada á procura e conservación do coñecemento en todas ás súas formas. Olvidadeiro, laretas, lambón, un pouco dado á esaxeración (sempre queda por contar a súa historia coa tribo de caníbais vexetarianos) e fondamente curioso, pódese distraer e abstraer da realidade experimentando un trebello ou un fenómeno que esperten a súa curiosidade.

Ambos os dous serán acompañados ao longo da serie por unha lexión de secundarios: O matrimonio Spinelli, peculiar servizo doméstico do profesor Hoffman; Gabriel, antigo alumno e aprendiz de Basilius, desdobrado na figura de Duncan, o guerreiro escuro; Xonás e a señorita Juliet, alquimistas e tripulantes do navío Argestes; os membros da Irmandade de Avalón, á que pertence Basilius, en particular o seu colega Abel Rinkin; e non menos importante, o gato Jim-Jim, un animal con moita personalidade, que vai e ven ao seu antoxo e que será un aliado inestimábel dos protagonistas.

O mundo secreto de Basilius Hoffman


O universo de Fantasía pura e absoluta de "O mundo secreto de Basilius Hoffman" ten un claro compoñente Steam-Punk, representado por numerosos detalles estéticos, coma o vestiario, os escearios, e enxeños coma o Argestes, o aeróstato que pode voar grazas ao Somnium, un estraño mineral de crípticas propiedades, e que se pode convocar mediante un martelo e unha campá, acudindo a velocidades inexplicábeis que lle permiten aparecer en canto é requerido:

"Como quen emerxe das augas, unha construción cilíndrica e arrodeada de ollos de boi descendía cara ao torreón. Sobre ela, un enorme e antigo globo aerostático de cor vermella con adornos dourados suxeitaba a estrutura: tratábase dunha barca de ferro e madeira, a maior que nunca vira, tiña o tamaño dun cuarto e unha pasarela circular situada no exterior rodeábaa por completo, como se dunha balconada se tratase. Recordaba, como non podía ser doutro xeito, a esas cápsulas deseñadas para mergullarse nas profundidades oceánicas chamadas batiscafos.
O globo seguiu descendendo, controlando a manobra mediante chorros de vapor expulsados por tubos de diferente tamaño que abrazaban a barcaza como cobras de bronce. Baixou até ficar á súa altura, suspendido silenciosamente entre a bruma. Do interior da barcaza xurdía luz a través dos ollos de boi, e a ambos os lados dunha porta que agora se encaraba cara ao torreón colgaban un par de campaíñas azuis; sobre ela podíase ver unha placa de metal: Argestes."

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Na mesma liña Steam-Punk brilla un dos escearios principais da saga: a Cidade dos Tellados, un lugar so accesíbel cambiando de plano de realidade, como a bordo do Argestes, e que serve de refuxio a soñadores, poetas, pintores e buscadores de historias. Un lugar onde sempre é noite, que vencellamos no noso maxín coas románticas e bohemias bufardas parisinas, londinenses ou lisboeta. Rodeada sempre dunha mesta néboa, a súa luz procede dun faro perpetuamente aceso. Faro que leva parexa a lenda do fareiro Giuseppe, quen en vida queimou o faro no que traballaba para evitar un terríbel accidente naval.

"Nesta cidade non hai nin casas nin edificios: só azoteas, tellados, bufardas e faiados, campanarios, torreóns, terrazas e balcóns, pombais, chemineas... A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubos e escaleiras, que sortean o neboento mundo que existe nas rúas baixo a súa superficie. Aquí a xente non vive de día senón de noite, baixo a luz da lúa e as estrelas. Un labirinto insondábel de iluminadas xanelas e redondos farois que se esvaece no horizonte, alén de lugares nos que ninguén estivo xamais."

A estensión da saga nunha pentaloxía permite a Cimadevila, como dixemos, desenvolver arreo o seu universo fantástico, os seus personaxes e os elementos característicos, tanto lugares como obxectos senlleiros. Vexamos só uns cantos deles:

O Bastón de mando, en mans de Gabriel-Duncan nos dous primeiros libros, e roubado por Mordred no terceiro, e o obxecto de poder máis salientábel da saga. Revelarase como unha chave para as portas entre mundos e coma un poderoso canalizador de enerxía, se ben exerce unha irresistíbel influencia sobre o seu portador, adoñándose da súa vontade aos poucos.

O diario do Cartógrafo, escrito nun estilo críptico e ambiguo, é a guía dos membros da Irmandade de Avalón, e contén información e pistas fundamentais para que Peter, Basilius e os seus compañeiros resolvan os perigos e ameazas aos que se enfrontan.

O caderno de Peter Hillman, de capas de coiro, que atopa no seu cuarto da casa do seu tío, que desaparece durante meses para reaparecer de socato, e no cal vai escribindo a historia do Príncipe Iskiel, de cuxa redacción somos testemuñas directas os leitores, e que a man de Peter semella escreber empurrada e inspirada polo propio caderno máis que polo seu maxín.

A illa de Avalón, ou illa da Sabedoría, apreséntase como unha utopía, é dicir, un lugar que non existe no plano físico, senón que é accesíbel para os membros da Irmandade, ou segundo a vontade da propia Avalón. Dotada dunha biblioteca impresionante, amosarase coma un lugar intermedio entre o noso mundo e o plano feérico.

Do mesmo xeito, a Cidade dos Tellados é outra utopía, un lugar en noite perpetua, rodeado dunha mesta néboa, contida pola luz do faro de Giuseppe. No primeiro libro, o que hai baixo a cidade é un misterio. En "Un faro na escuridade" parte dos acontecementos daránse no mundo baixo os tellados, bufardas e azoteas.

O Somnium é un mineral de orixe incerta, imprescindíbel polas súas moitas propiedades: permite voar aos aeróstatos dos alquimistas, como o Argestes, ou alumear ao faro da Cidade dos Tellados. A espada Excalibur ten unha pedra de Somnium no puño.

Os Alquimistas son mestres da Ciencia, capaces de crear e manexar artefactos prodixiosos, coma o Argestes, o aeróstato propulsado por unha caldeira de Somnium e que viaxa entre planos a velocidades imposíbeis, pois acode ao instante cando é chamado. Xonás e a señorita Juliet, sempre vestidos ao estilo do século XIX, son os experimentados e habelenciosos tripulantes do Argestes, aliados vitais de Peter e o seu tío Basilius.

E os gatos, en particular Jim-Jim, serán guías dos camiños da Lúa, donos do seu propio destino, e seres enigmáticos, capaces de abrir os seus propios camiños entre lugares afastados e de sair airosos das situacións máis comprometidas.

Literariamente, "O mundo secreto de Basilius Hoffman" é unha serie concebida e dirixida ao público xuvenil, e de certo é unha das leituras máis recomendadas en centros escolares do país. Porén, é axeitada para o público adulto, polo seu dobre nivel de leitura, que inclúe un sentido do humor retranqueiro, que suaviza as situacións tensas e máis dramáticas:

"- Liberáchelos ti -respondeu Basilius-. Agora debes guialos como o seu rei.
- O seu rei? [...] Non creo que a estas alturas sexa o mellor sistema de goberno, talvez se instaurásemos..."


E pola súa morea de referencias históricas, culturais e mitolóxicas, que van do Antigo Exipto de"O ladrón de soños" ata o ciclo artúrico e os mundos feéricos de "A batalla por Avalon", pasando pola crítica ao maquinismo e a sociedade industrial moderna de "Un faro na escuridade" (a que reflicte con máis claridade a grande influencia de Michael Ende, pois nos trae reminiscencias de obras coma "Momo", nas que a sociedade contemporánea, rouba os soños e as ilusións da xente mediante o capitalismo e o materialismo).

Como narrador, Cimadevila acada un ritmo narrativo moi cómodo, alternando as pasaxes máis áxeis e rápidas con outras acougadas, manexando ben o principio de tensión-relaxación. De tal xeito que a amplitude dos tres volumes (trescentas páxinas, "Un faro na oscuridade" chega ás trescentas corenta e sete), que podería de primeiras desalentar aos leitores menos dispostos, descúbrese á fin correcta, e necesaria pola cantidade de datos e acontecementos que conteñen, facendo que se lexan ben doado e que se rematen sen esforzo ningún. A motivación para continuar no seguinte libro ven dada por un pequeno epílogo que anticipa os acontecementos do seguinte, creando suspense e rachando a sensación dun "final feliz definitivo" tras todas as aventuras e emocións vividas.

É difícil resumir as tres novelas, aínda máis sen desvelar datos cruciais da trama. Mais faremos o intento:

- "O ladrón de soños", como é lóxico, introduce o escenario e os personaxes da serie. Neste primeiro libro, Peter descobre a un ladrón de soños, unha criatura de aspecto felino. A súa procura há o levar, xunto co seu tío, ata a Cidade dos Tellados, onde coñecerá a Rivka, una enigmática moza que vive en compaña de numerosos gatos, e a Jim-Jim, un gato laranxa con moita personalidade. Unha profecía, persecucións, cambios de fortuna, a búsqueda dunha antiga máscara da deusa exipcia Bastet, o encontro con Gabriel-Duncan e numerosos perigos rematarán con Peter e o seu tío Basilius en Exipto, tentando evitar unha era de oscuridade e escravitude para a humanidade.

Neste primeiro volume, cada capítulo ven encabezado por unha frase relativa aos gatos.

- "Un faro na escuridade" transcorre na súa maior parte na Cidade dos Tellados e baixo dela. O faro de Giuseppe apágase por vez primeira, e a néboa invade a cidade. Peter atopará a Cidade dos Espertados, nos sumidoiros e canles que existen baixo os tellados, e xunto ao seu tío, tentará devolver a luz á Cidade dos Tellados, loitando contra a máquina que crea a néboa, escravizando ás persoas e roubando a súa vontade. Saberemos máis, tamén, sobre a orixe de Rivka e do Cartógrafo e sobre a orixe perdida dos Alquimistas, e o personaxe de Gabriel-Duncan terá un papel crucial na trama.

No segundo volume, a frase que encabeza cada capítulo está relacionada coa luz.


- "A batalla por Avalón" é a entrega máis épica. Transcorrerá entre a Illa da Sabedoría e o mundo feérico, e vencellará o mundo de Basilius Hoffman co ciclo artúrico, a través dun descendente de Arturo que terá que facer fronte a un inimaxinado inimigo, reencarnación de Mordred, que tenta conquistar Avalón. A figura da espada Excalibur amosará a súa ligazón co mineral somniun, desenvolvendo o tema dos Antigos e as portas entre mundos. A batalla será terríbel e terá graves consecuencias para a illa da Sabedoría e para a Irmandade de Avalón, ademáis de poñer en dúbida a filiación dalgúns personaxes e introducir sorprendentes cambios sobre outros.

O terceiro dos libros leva, encabezando os capítulos, unha frase relativa á maxia.

As devanditas ilustracións colaboran en grande medida á amenidade da historia, e os dous ilustradores, con cadanseus estilos, reflicten a atmósfera e o ton do texto, reforzando as descripcións do autor. Compre dicir que non se ilustra aos personaxes principais, senón os obxectos, lugares e criaturas. Iván Valladares ten un estilo propio do cómic, moi expresivo, con trazo de lápis, e acompaña os seus debuxos con anotacións manuscritas, á maneira dun caderno de viaxe. Jara Zambrano, que se incorpora en "A batalla por Avalon", ten un trazo máis naturalista, un chisquiño máis frío do que o do Iván; pero máis estilizado, cunha técnica coma de carbonciño sobre lenzo, e prescinde das anotacións a man.

A serie móvese, coma dixemos, na forma máis pura e total da fantasía, e as tramas dos tres libros irán levando a Peter, ao seu tío Basilius e aos seus compañeiros, a enfrentar perigos e vivir aventuras diversas. "A batalla por Avalón" introduciráos no mundo feérico, e mesmo faráos protagonizar un relato enmarcado, narrado en forma de conto de fadas. A maxia, a alquimia, o sobrenatural, o arcano, o misterio e o inexplicábel son a constante de "O mundo secreto de Basilius Hoffman". A atmósfera fantástica, fornecida pola ambigüedade espazo-temporal xa comentada, e pola intencional estética e ambientación Steam-Punk, fan que a saga teña a súa propia personalidade, proporcionando asemade Fernando Cimadevila un universo literario que chanta un fito no xénero fantástico do noso país.


O éxito editorial de "O mundo secreto de Basilius Hoffman" propiciou que nos andeis das librarías convivan a edición tradicional coa edición de peto, polo de agora de "O ladrón de soños" e cedo de "Un faro na escuridade". Asemade, os leitores castelánfalantes poderán comezar a disfrutar das aventuras de "El mundo secreto de Basilius Hoffman", por iniciativa da editorial galega Sushi Books, co seu primeiro volumen "El ladrón de sueños". Pero esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión.

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Con isto rematamos, porque é ben difícil condensar todo o que esta saga (pentaloxía en curso, lembremos) ofrece aos leitores, tanto novos como adultos. Agardo fora abondo para alomenos dar una idea xeral da mesma e animarvos a lela. ¡Medre a Fantasía!



Volver a la Portada de Logo Paperblog