Revista Cultura y Ocio

O Principiño - Antoine de Saint-Exupéry

Publicado el 10 noviembre 2015 por Tomas
Sinopse: No medio do deserto agardamos atopar camelos, serpes, oasis e, sobre todo, area, moita area. Máis o que non agardamos atopar é un principiño, un rapaz curioso e preguntón que non dá nada por sentado e sempre quere saber o porqué e o como das cousas. Un rapaz que é quen de facer que nos cuestionemos o máis básico das nosas ideas. É o que teñen as crianzas: para eles todo é novo e interesante. 
O Principiño é a novela máis traducida do francés, contando xa con 273 versións. É apreciada por lectores de diversas culturas polo seu tratamento de temas universais (amor, amizade, vida, morte) e pola súa visión desde a perspectiva dun cativo, inxenua e simple que, porén, fai que o lector, xunto co coprotagonista, se cuestione as súas nocións máis básicas.
O Principiño - Antoine de Saint-Exupéry
"O Principiño" é un clásico universal da literatura xuvenil, un texto que xa é de dominio público e do que Urco Editora apresenta agora unha nova edición, incluida no seu selo Urco Xuvenil, cunha nova tradución ao galego, obra de Rodrigo Vizcaíno (que consta na capa baixo o novo do autor) e co valor engadido das ilustracións de José Ángel Ares (portadista da colección) na capa e a contracapa.
Moito ten chovido dende a primeira tradución de "Le petit prince" á nosa fala, obra de Carlos Casares para a editorial Galaxia alá polo 1972. A edición de Urco apreséntase nun volumen de formato case cadrado, que conta con capas plastificadas, papel groso de gran calidade, maquetación con marxes amplas e páxinas de cortesía en cor verde. E adxunta de agasallo dous marcapáxinas coas ilustración de José Ángel Ares.
 O Principiño - Antoine de Saint-Exupéry
"O Principiño", publicada orixinalmente en 1943, é unha novela breve, que se divide en 27 capítulos curtos, sen titular e numerados con guarismos romanos, e que inclúe 47 deseños do propio autor. Narrado en primeira persoa, relata cómo Saint-Exúpery, que foi aviador e loitou na Segunda Guerra Mundial, sofre unha avaría no seu aeroplano, que lle obriga a aterrar no deserto, onde atopa a un cativo de cabelos louros co cal convive durante varios días, descubrindo que procede dun lonxano e pequenísimo planeta, e que lle conta a viaxe que fixo até chegar á Terra e os personaxes que coñeceu no seu camiño. 
É unha narración lírica, de gran beleza, que ten unha enganosa primeira impresión naïf tras da cal amosa unha profunda reflexión crítica sobre a nosa escala de valores e da importancia que a nosa sociedade concede ás cuestións universais: a vida e a morte, a importancia desmedida que lle damos aos cartos e á riqueza, a amizade, a beleza, o goberno, a lei e a autoridade pública, o sentido do deber, as obrigas... do mesmo xeito que Michael Ende na súa posterior "Momo", Saint-Exupéry fai un chamamento á vida sinxela, a ser curiosos e disfrutar do tempo e da natureza sen artificios, e faino a través do ollar inocente e limpo dunha crianza, opoñéndoo á mentalidade adulta que o autor-narrador critica ao longo da obra. As conversas co seu novo amigo, un principiño curioso, de sentimentos e emocións puras, farán que se reprantexe moitas das súas crenzas e das súas ideas preconcebidas.
Pero a grandeza de "O Principiño" é que os leitores acompañamos ao autor e ao principiño no proceso, e resulta curioso como nos recoñecemos na serie de personaxes adultos que o pequeno atopa na súa viaxe: o rei, o vaidoso, o bebedor, o home de negocios, o faroleiro, o xeógrafo, o comerciante... cada un dos que representa a hipérbole dun defecto ou dun vicio dos que adquirimos cando medramos e comezamos a esquecer o que de verdade importa na vida.  

O Principiño - Antoine de Saint-Exupéry

Ilustración da contracapa


A postura de Saint-Exupéry, igual que a dos seus sucesores Michel Ende ou Roald Dahl, é evidente: aliñarse cos cativos e cuestionar aos maiores. Ao comezo do libro coñecemos os máis famosos deseños do autor, a serpe-boa aberta e a serpe-boa pechada, pedra de toque para identificar a imaxinación viva dunha crianza ou a morte da fantasía na mente dun adulto. Algo de razón levarán os autores que nos chaman a ser coma nenos, cando mesmo na Biblia (Mateo 18:3) Xesús afirma "En verdade dígovos que se non vos convertides e non facedes como os nenos, non habedes entrar no reino dos ceos".  
E todo isto cun apartado formal impecábel, cun estilo narrativo de ton lírico que deixa frases de gran fermosura e personaxes ateigados de simbolismo, como a rosa ou o raposo. Unha lectura agradábel, que pola súa brevidade e pola súa disposición en capítulos curtos pode rematarse axiña, axeitada non somentes para o público xuvenil, para unha novela das que hai que ler alomenos unha vez na vida. Fantasía sempre.
Ónde atopalo: "O Principiño" pode adquirirse en librarías do país ou na páxina do Consorcio Editorial Galego
Ficha técnica: 
O PrincipiñoAutor: Antoine de Saint-ExupéryTradución: Rodrigo VizcaínoEditorial: Urco EditoraColección: XuvenilPáxinas: 97Data de publicación: 2015Formato: rústica con capas fornecidas ISBN: 978-84-15699-51-4EAN: 978841569951Prezo: 11€

Volver a la Portada de Logo Paperblog