Revista Cultura y Ocio

Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores

Publicado el 29 agosto 2015 por Tomas
Sinopse: A ciencia ficción é o campo máis fértil da literatura para a experimentación, Non foron poucos os biólogos, astrofísicos, enxeñeiros ou sociólogos os que empregaron o xénero para pór a proba ou divulgar as súas teorías. E, como non, o sexual e o erótico non podían ficar fóra, dado que o límite das posibilidades -máis ou menos perversas- que nos ofrece a ficción anticipativa é a nosa propia imaxinación.
Neste volume xuntamos algunhas das grandes figuras da literatura galega, xunto con outras novas promesas do fantástico, para conformar a "Primeira antoloxía galega de ciencia ficción erótica", seguindo o ronsel que no seu momento comezaron Samuel R. Delany, Philip José Farmer, Robert Silverberg ou Thomas N. Scortia entre moitos outros. Atréveste a conectar e xogar?
Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores
Título: Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia-ficción erótica
Autores: Mariña Pérez Rei, Manuel Lourenzo, Xesús Costenla, Roque Rei/Xerardo Méndez, Ramón Caride Ogando, María Alonso Alonso, Moncho Mariño.
Ano de publicación: 2015
Xénero literario: Ciencia-Ficción, Anticipación, Erótica, Romántica.
Xa integrada de cheo en Urco Editora, a antes editorial e agora selo Contos Estraños antologa sete relatos de oito autores galegos, que teñen como tema transversal o erotismo e a sexualidade, enmarcados en escenarios especulativos e anticipatorios propios da ficción cientifíca. 
Este volume pódese considerar un fito da literatura galega, sendo a primeira vez que se compilan textos desde subxénero na nosa lingua. Para a ocasión, Contos Estraños apresenta a obra cunha edición moi coidada, a habitual nos seus produtos. Encadernación, calidade do papel, maquetación, impresión e deseño (portada de José María Picón) excepcionais nun libro para atesourar. Vexamos os relatos, un por un:


"Ío cuarta" de Mariña Pérez Rei: É o relato de maior erotismo e sensualidade da escolma, clasificable dentro do subxénero cyberpunk. Nun mundo futuro no que a humanidade comprende a humanos biolóxicos e clónicos, androides e ciborgs, Ío é "Acompañante ciborg, atribuido sexo feminino", unha muller condicionada e preparada (mediante engadidos cibernéticos) para proporcionar pracer sexual sen implicacións emocionais nin establecer vencellos. Un xeito de prostitución institucionalidada para satisfacer as necesidades elementais dos cidadáns sin interferir na súa produtividade nun mundo gris, frío, deshumanizado e apersoal. Ío, que ten inhibida (a través dus sensores conectados á súa columna vertebral) a capacidade de experimentar emocións irracionais como a paixón ou o namoramento, desconecta o seu condicionamiento para sentir amor por vez primeira, descubrindo no sexo unha dimensión nova e unha liberdade nunca experimentada. O eterno mito da procura da humanidade por parte dos seres artificiais, unha constante da Ciencia-Ficción dende "Frankenstein", escrito nun estilo lírico e moi suxerente, cheo de voluptuosidade.

"Protogaia, o paraíso" de Manuel Lourenzo:  Ao igual que no anterior, neste relato o erotismo está presente durante todo o texto. Lourenzo prantexa unha sociedade marcada por una rixidez total das relacións sexuais, reguladas por lei. En troques, o turismo sexual é unha realidade socialmente aceptada e promovida. Un planeta comeza a gañar pulo como destino para tal fin: Protogaia, o paraíso perfecto da sexualidade e a concupiscencia, onde todo é posible, onde os habitantes préstanse a calquera práctica amatoria, sexa a que sexa. Dunha beleza inigualable, sempre solícitos, sempre receptivos, sempre dispostos, os homes e mulleres de Protogaia aman a liberdade por riba de todo: non existen compromisos e cada día no planeta é unha nova experiencia, máis excitante e imaxinativa que a anterior. 
Protogaia agocha un secreto, xogando o autor coa idea do sexo como instrumento de control e de sumisión da vontade, e o relato, no seu transcurso, vai achegándonos ao terreo de clásicos da Idade de Ouro como "Amos de títeres" de Robert A. Heinlein ou "Ladróns de corpos" de Jack Finney. O xeito explícito de referirse ás diferentes prácticas sexuais achega o erotismo do texto á pornografía. 

Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores

[fonte: Faro de Vigo]


"Preta pretinha" de Xesús Costenla: Un escenario distópico e un argumento postapocalíptico. De novo vemos o tema do sexo como ferramenta de control da vontade. Unha ameaza do espacio exterior, amorfa, acéfala, indefinida, non identificable, ten escravizado aos habitantes da Terra, que subsisten en condicións infrahumanas, traballando sen descanso en plantacións de eucaliptos (ubicaráse cecais na Galiza?), alimento do invasor, e malvivindo amoreados en barracóns insalubres, sen posesións persoais, roupa nin autonomía persoal, coa súa individualidade e dignidade totalmente anuladas. 
Un dos presos, namentres tenta entender e descubrir cómo puido ser escravizada a Terra sen opor resistencia, con tanta facilidade e rapidez, so atopa o acougo cando chega a noite e é visitado nos seus sonos por Preta Pretinha, unha muller de raza negra que, sen falar, lévao a prácticas eróticas de todo tipo, narradas de maneira moi explícitas por parte de Costenla, facéndoo disfrutar de sensacións tan vividas que lévano a dubidar se Pretra Pretinha existe realmente ou se é só unha ilusión. O mundo onírico resulta moi sensual no senso do termo, pois abrangue todos os sentidos. 

Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores

[fonte: web do autor]


"Reproducción asistida. A pena negra" de Roque Rei e Xerardo Méndez: Dous relatos nun, pois "A pena negra" é un relato enmarcado dentro de "Reproducción asistida". Éste está narrado con humorismo, e novamente trata sobre o desexo de humanidade das intelixencias artificiais, que pese a ser superiores en capacidade de cómputo e lóxica, eficiencia, productividade e infalibilidade que os seus creadores, anhelan destes a súa capacidade de experimentar sentimentos. 
Unha supercomputadora, que supervisa e controla unha longa viaxe interplanetario, atópase fastiada da soidade e do aburrimento (é o malo  de construir computadoras con conciencia de si mesmas) e tenta comprender a pulsión reproductora do ser humano e a súa teima polo sexo e o erotismo. Tras acceder a textos clásicos como "O amante de Lady Chatterly" de D.H. Lawrence, remata lendo "A pena negra", onde un humano narra o seu romance cunha muller durante unha viaxe a unha reserva natural, e o sentimentos que experimentou canda ela. 
Non posúe unha grande carga erótica, pese a describir os encontros sexuais de forma explícita (usando eufemismos curiosos para os órganos reproductivos), pero é salientable como relato de Ficción científica dura, polo seu ton especulativo en canto ao futuro da Terra e a carreira espacial, e polo seu sentido do humor. 

Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores

Andas a tentar de desconectarme, Dave?


"Hendra" de Ramón Caride Ogando: O relato do primeiro espada de Ficción Científica galega non é exactamente un relato erótico, ou eu véxoo máis como unha historia romántica. O argumento é moi clásico, no senso desas historias "de avanzada" nas que un grupo de exploradores ou colonos humanos, isolados nun mundo alleo, enfróntase a unha ameaza "sen rostro", ominosa e difícil de identificar, que lévaos á paranoia, vivindo nunha tensión constante, incrementada polo descoñecemento daquelo que os ameaza.  
O relato de Caride non ten implicacións eróticas-románticas até a conclusión, pero ofrece unha visión apaixoante da vida nunha colonia mineira do espazo exterior e das emocións dos seus habitantes, resultando un cadro moi psicolóxico, moi interior. O desenlace resulta inesperado, e supón unha volta de porca áos desenvolvementos habituais das narracións de "last man standing".
Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores


"Aokigahara" de María Alonso Alonso: Un relato de inspiración e ambientación xaponesas, que mestura Fantasía heroica e Ciencia-Ficción. O Aokigahara ("mar das árbores") é unha fraga ao pé do monte Fuji, no Xapón, coñecido por ser un lugar recomendado para o suicidio. Centos de corpos atópanse pendurados das árbores dende hai décadas, e o seu número vai en aumento ano tras ano, malia as tarefas de búsqueda e retirada que se realizan. Paradóxicamente, tamén é unha atracción turística de primeira magnitude. 
María Alonso xoga coas lendas sobre os espíritus dos mortos que o habitan, e coa tradición pola cal as familias humildes abandoaban nel aos seus membros máis febles nas épocas de fame negra. O escenario é un mundo postapocalíptico "que xa non existe", no que as escasas supervivintes só poden concebir descendencia se só fecundadas por Yōkai, unha entidade metade deusa e metade robot. A narración ten un ton máis romántico que propiamente erótico. 

Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores

 Aokigahara, a fraga dos suicidios [fonte]


"Unha praia vermella moi lonxe" de Moncho Mariño: É o relato máis longo da compilación, case unha novela curta, con cincuenta páxinas e varias partes. Inclúe un relato enmarcado, extractos de "O libro dos chasmata", unha obra que lé a protagonista. O compoñente erótico redúcese aos encontros sexuais entre a protagonista e a súa amante, unha relación ilegal porque no escenario de Mariño a homosexualidade ten sido prohibida. 
Prantexa un mundo futuro no que a Humanidade, trala sobreexplotación e esgotamento dos recursos naturais, embarcou nunha guerra total que reduciu drásticamente a poboación e provocou a infertilidade da case toda a poboación mundial (razón pola que se prohibe a homosexualidade e todo o que reduza aínda máis as posibilidades de fecundación). A protagonista é unha militar, a bordo dunha misión de exploración interplanetaria. 
O sexo que presenta Mariño resulta arisco, violento, danino, mantendo a protagonista unha relación tóxica coa súa parella, en liña coa sordidez xeralizada do ambiente no que se atopan. Sen dúbida o mellor do relato é a súa capacidade de especulación e o seu exercizo de Ciencia-Ficción política e social.
A título personal, consideraría que os relatos de maior carga erótica serían  "Ío cuarta""Protogaia, o paraíso", "Preta pretinha" e "Pena Negra" namentres que no resto é máis velada ou case anecdótica. De calquera xeito, todos os relatos son salientables en canto a súa proxección de problemáticas sociais e preocupacións do noso presente en escenarios hipotéticos onde reflexionar e especular sobre elas. Abrangue ademáis diversos enfoques do xénero ("hard" e "soft") e subxéneros (distopía, ciencia-ficción social, cyberpunk...) todo o cal converte a escolma nunha variada e recomendable leitura de Ficción científica. 
Plug & Play - Antoloxía galega de ciencia ficción erótica - Varios Autores


Ónde acadalo: Pódese mercar en calquera libraría do país ou na páxina web do Consorcio Editorial Galego. 
Datos de interés: A editorial gábase de ter reunido, xunto con novas e prometedores voces,  a primeiras figuras da literatura galega, e esto non é falar barato. Recapitulemos:
Mariña Pérez: Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, premio Manuel Lueiro Rei, premio Antón Avilés de Taramancos.Manuel Lourenzo: Premio Merlín, premio Barco de Vapor, premio Estornela, premio García Barros, premio Café Dublín, premio Carvalho Calero, premio Xerais, premio Blanco Amor. O seu relato nesta antoloxía está tirado do libro "Infedilicidades", premio Narrativas Quentes da editorial Edicións Positivas.   Xesús Costenla: Premio Torrente Ballester, premio Asociación española de críticos literarios, premio Manuel García Barros.Ramón Caride:  Premio Blanco Amor, premio Café Dublín, premio Cidade de Ourense, premio Lueiro Rey, premio Risco, premio Merlín, premio Frei Martín Sarmiento
Ficha técnica:
Varios Autores
Urco Editora
Formato: Rústica con capas plastificadas e fornecidas
Páxinas: 167
Data de publicación: Xullo de 2015
ISBN: 978-84-942971-7-5
Prezo: 15 euros

Volver a la Portada de Logo Paperblog