Revista Cultura y Ocio

Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga

Publicado el 11 marzo 2016 por Tomas
"Querido H.P. Lovecraft: Cando leas estas liñas eu non estarei xa no mundo dos vivos"
Con estas palabras comeza a carta que Robert E. Howard lle envía ao seu amigo e mentor. Nun delirante escrito, o fantasista texano narra o seu progresivo descenso cara ao inferno da loucura e a desesperación, iniciado coa visita a unha antiga tumba india no interior dunha cova.
A partir dese fatídico día, Howard comeza a sentirse acosado polas sombras propias e alleas, nunha desacougante mestura de soño e realidade. A escrita, os amigos, a relación coa súa moza, a saúde da nai... cada aresta da súa vida semella afectada polo miasma malsán no que devagar se vai mergullando.
Sen saída, totalmente acurralado polo celme dos seus medos, Howard debe procurar unha solución, unha fuxida, un sacrificio.
Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga
Con "Querido H.P. Lovecraft", Antonio Manuel Fraga ven de gañar a primeira edición do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado pola Fundación Vicente Risco e Urco Editora, entre otras entidades, para a divulgación do xénero fantástico. O premio inclúe a publicación da novela gañadora, o cal Urco realizou no seu selo Alcaián, adicado á producción propia. O apartado gráfico é obra de José María Picón, colaborador habitual da factoría Urco - Contos Estraños.  
A idea de Fraga é rechamante pola súa orixinalidade: trátase dunha novela epistolar, que ten como vehículo a relación postal que Robert Ervin Howard -un dos máis grandes autores da literatura pulp e pai de personaxes inmortais como Conan o Bárbaro, Kull o Conquistador, Solomon Kane, Bran Mak Morn ou Red Sonya-  mantiña con Howard Philip Lovecraft e outros escritores como Clark Aston Smith e Edgar Hoffman Price, no que se coñeceu como Círculo de Lovecraft
"Querido H.P. Lovecraft" é unha obra metaficcional, é dicir, fai pasar un texto espurio por auténtico, neste caso retratando os últimos meses de vida de Howard en forma dunha longa carta que éste envía ao seu amigo e mentor Lovecraft, facendo unha labor biográfica pero narrada en primeira persoa, de man do propio Two-Gun Bob ["Bob dúas-pistolas", alcume agarimoso co que o xenio de Providence batizou a Howard, pola súa natureza texana e a súa paixón polo western].

Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga

Antonio Manuel Fraga [Fonte: Versos e Aloumiños]


A novela consta de catro cartas: unha primeira carta real e orixinal, do pai de Howard (o doutor Isaac M. Howard) a Lovecraft, na que lle notifica o suicidio do seu fillo e lle informa da creación dunha biblioteca na súa memoria. Unha segunda coa resposta de Lovecraft, na cal Antonio Fraga imposta dun xeito ben acaído o seu estilo literario, na que o de Providence laiase pola perda do seu amigo e pupilo, e envía os seus cumprimentos ao pai. Unha terceira, a máis estensa e que conforma o núcleo central da obra, de Howard a Lovecraft, e unha derradeira novamente do doutor Howard a Lovecraft, que serve de epílogo.
A carta de Howard, que comeza co título da novela, reflicte a complexa personalidade do autor texano, en cuxa psique atormentada afonda Antonio Fraga, acadando o máis importante nunha obra deste feitío: a suspensión de incredulidade, a devandita impostación metaficcional pola que os lectores rematemos esquecendo que "Querido H.P. Lovecraft" é unha invención, e non unha carta auténtica asinada polo rei do pulp
Do mesmo xeito que Vincent D'Onofrio transformouse en Howard en "The Whole Wide World" (en España "El hombre que caminaba solo") mediante un soberbio traballo actoral, Antonio Manuel Fraga transmútase nel coa súa novela. Algo ben meritorio se, como afirma no limiar, non tiña apenas coñecemento da figura do texano, sobre a cal debeu de realizar unha fonda labor de documentación. 

Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga

Robert E. Howard


Porque por "Querido H.P. Lovecraft" pasan todos os feitos coñecidos da curta e dramática existencia de Robert E. Howard (suicidouse con trinta anos dun tiro na cabeza), confesados a un Lovecraft ao que nunca coñeceu en persoa (do Círculo somentes chegou a coñecer a E. Hoffman Price, que aparece na obra) pero polo que sentía un grande afecto e admiración, e ao que consideraba unha figura de autoridade e referencia. Aí están a relación edípica coa súa nai Hester, cuxa entrada en coma irreversíbel non foi quen de superar e o impulsou a un suicidio premeditado; os seus únicos amigos íntimos Truett Vinson e Tevis Clyde Smith; a súa moza Novalyne Price e o romance atípico que mantiveron  coa oposición frontal dos seus pais. A súa misantropía e a súa incapacidade para as relacións sociais, froito dunha nenez fortemente ligada á figura omnímoda de Hester. As penurias económicas polos retrasos nos pagamentos dos seus relatos por parte da revista Weird Tales; problemas cos cartos que o obrigaron a escribir contos eróticos, algo que rexeitaba e consideraba repugnante. A crianza pequeneira e chaíñas que fartou dos abusos dos mangallóns e desenvolveu o seu físico con pesas, boxeo e esgrima cunha obsesión que hoxe chamariamos vigorexia. O seu rexeitamento á sociedade contemporánea, e a célebre tese, que impregna toda a súa obra, de que a civilización conduce á decadencia, e de que a barbarie é a forma excelsa de organización social. 
Pero Antonio Manuel Fraga engade outro compoñente de interese: o posible e sospeitado trastorno mental de Howard, de quen se cre padecía algún tipo de esquizofrenia que lle provocaba alucinacións. E por aquí entrarán o terror e a fantasía. 

Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga

Howard con seus pais, Hester e Isaac [fonte: Cimmerian blog]


Coa visita de E. Hoffman Price (único membro do Círculo de Lovecraft que coñeceu a varios dos seus compoñentes) e a súa viaxe a un cemiterio indio, do cal retornarán cunha arcana esfera verde, Howard desenvolve a crenza de ser o responsable da enfermidade e morte da súa nai, nunha sucesión de soños lúcidos, visións enganosas e outras experiencias oníricas nas que cre terse convertido nun horrible monstro con forma de lesma xigante, o autor texano, cae na imposibilidade de distinguir a realidade da ficción, a tolemia da cordura, e por man de Antonio Manuel Fraga (que se refire a sí mesmo como "compilador" e non como "autor", para dar maior veracidade ao texto) fai dubidar aos lectores da realidade dos feitos que confesa a Lovecraft. A carta final contribúe á ambigüidade, que por momentos lembra á que procuraba decote Philip K. Dick. 
No apartado formal, "Querido H.P. Lovecraft" é unha novela curta, que con 151 páxinas remátase sen ter conta. Unha narración limpa, sinxela, onde o ton epistolar está acaído (o autor diríxese ao destinatario a cotío con formas vocativas) e na que o meirande logro de Antonio Manuel Fraga son as voces narrativas diferenciadas e o devandito esquecemento de estar lendo un texto ficcional. Dada a súa brevidade, a novela céntrase nos acontecementos e nos pensamentos do narrador, sen excesos de adxectivación e con diálogos de oracións breves e sinxelas. Con todo ofrece unas cantas frases rotundas e cheas de expresividade. O resultado é un texto accesible e de lectura sinxela, apta para un público amplo, mesmo xuvenil. 

Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga

Vincent D'Onofrio e Renée Zellweger son Howard e Novalyne Price no filme
"The Whole Wide World", de 1996, titulado en España "El que caminaba solo"


Queda por ver a opinión da crítica literaria especializada sobre esta gañadora do Premio Antón Risco. Algo malo lle atoparán. Andrómenas narratolóxicas, se callar. Pola miña banda, acho que dunha man os amadores da figura de Robert E. Howard en particular e da literatura pulp en xeral han disfrutala pola súa dramatización da figura de Two-Gun Bob, e que da outra permitirá a moitos achegarse a ela, do mesmo xeito que fixo Antonio Manuel Fraga, que para ter lido somentes "Pombos do inferno" foi quen de poñerse na pel do texano (mesmo nos seus desequilibrios e aspectos psicolóxicos máis escuros) e asinar no seu nome esta carta que combina a biografía -con feitura de biopic- co terror e que resulta unha notábel achega na nosa língua a unha das figuras máis senlleiras e atractivas da literatura popular. 

Ficha Técnica:


QUERIDO H.P.LOVECRAFT
Urco Editora
Autor: Antonio Manuel Fraga
Data: 2016
ISBN: 978-84-15699-83-5
EAN: 978841569983
Colección: Alcaián
Páxinas: 151
Formato: Rústica con capas plastificadas
Prezo: 13€

Ónde acadalo: 


"Querido H.P. Lovecraft" pode atoparse na páxina do Consorcio Editorial Galego ou nas librarías do país. 

Ligazóns de interese: 

Fallo do premio Antón Risco en Urco Editora e noticia no Sermos Galiza.
Entrevista co autor en Lermos.gal
Entrevista co autor no Diario de Ferrol
Entrevista co autor na TVG.
Perfil do autor en Facebook
Antonio Manuel Fraga en Goodreads e ficha do libro.
Ficha do autor na AELG.
"El que caminaba solo" en IMDB.
Querido H.P. Lovecraft - Antonio Manuel Fraga


Volver a la Portada de Logo Paperblog