Revista Deportes

X Gala do Deporte de Ames

Publicado el 28 enero 2016 por Jmporense @futbolbaseymas
X Gala do Deporte de AmesO Concello de Ames está a ultimar os detalles da Gala do Deporte de Ames, que cumpre este ano o seu décimo aniversario. Por primeira vez os nomes dos premiados e premiadas non se darán a coñecer ata o momento mesmo da celebración do evento. Os premios serán entregados polos galardoados e galardoadas da anterior edición. A Gala, que será presentada polos xornalistas Terio Carrera e Diego Viaño, celebrarase o sábado, 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste evento recoñeceranse carreiras de longa traxectoria, aquelas que están a despegar ou a labor que realizan os clubs deportivos amesáns. Moncho Fernández, actual adestrador do Obradoiro CAB, e veciño de Ames será o padriño desta nova edición. O Concello contará tamén cun representante da Secretaría Xeral de Deportes e coa presencia de José García Liñares, Deputado provincial de Deportes, que acompañarán ao alcalde e ao resto de autoridades locais amesás. Nesta ocasión especial o Concello quixo que os gañadores e gañadoras da edición anterior entregasen os premios. O alcalde de Ames, e concelleiro de Deportes, José Miñones confirmou "a presencia de case todos os premiados do ano pasado ,queremos que eles tamén tomen o protagonismo necesario na Gala deste ano".
Os usuarios/as das escolas deportivas amesás e diversos clubs ofreceranlle ao público unha pequena mostra dos deportes que practican diariamente. A escola de ximnasia rítmica vén preparando un número especial para este aniversario e deportes como o patinaxe, o xadrez, o tenis ou o baloncesto tamén terán reservado o seu espazo. José Miñones afirma que esta é a forma que ten o Concello de "aproveitar a gala para recoñecer a labor dos clubs, as entidades ou as escolas deportivas en prol da promoción do deporte". Moi importante, destaca, nun concello como Ames, debido ao "perfil tan xoven da súa poboación".
Haberá tamén, ao longo da tarde, sitio para a música e o audiovisual. A proxección de vídeos animará unha Gala do Deporte que contará, ademais, cunha actuación en directo da Escola de Música Municipal, que aporta así o seu gran de area a este acontecemento.
Xogadores profesionais en activo e destacadas promesas amesás do deporte
Os invitados e invitadas á X Gala do Deporte de Ames acoden por primeira vez coa incerteza de saber se serán eles ou elas os premiados. O alcalde de Ames indica que o Concello trata así de "facer partícipes da Gala a todos os deportistas, asistindo ao evento sen nin tan sequera saber si gañarán ou non, pero permitindo que tamén se recoñeza o traballo daqueles que están nominados a pesares de que finalmente non sexan os gañadores".
Belén Fernández, futbolista, e Covadonga Marín, xogadora de billar, optan ao recoñecemento á deportista feminina destacada, mentres que Carlos Cornes, xogador de squash, Pablo Hernández, baloncestista e Guillermo Carracedo, deportista de paddle surf a nivel nacional, optan ao premio homónimo na categoría masculina. O piragüista Gabriel Martínez, o futbolista Pablo Porrua e o xogador de squash Arón Astray son os nominados que optan ao premio á mellor promesa masculina destacada, mentres que a atleta Degnesh María Mato, as patinadoras Antía Vicaya e María Torre, a xogadora de tenis de mesa, Belén Calvo, e a xogadora de squash, Julia Noya, optan ao mesmo premio na categoría feminina.
O Club Voleibol Bruxas Sénior, que compiten por quinto ano consecutivo na máxima categoría autonómica, os cadetes do Bertamiráns FC ou o equipo infantil Ribeiras do Tambre de piragüismo, trala súa magnífica tempada en 215, optan ao premio ao equipo máis destacado dun club amesán. Ademais, un de entre os 29 clubs nominados este ano, será merecedor do recoñecemento ao club deportivo máis destacado de Ames.
Ramón García "Chechas" e Julio Lamas "Villa" optan ao recoñecemento especial polas súas destacadas carreiras futbolísticas no municipio amesán. O primeiro leva sendo futbolista federado dende fai 37 anos e, tras militar en diversos equipos amesáns, xoga actualmente no Bertamiráns CF. O segundo abandonou o campo de fútbol tras xogar no UD Bastavales, no Bertamiráns DC e no Ortoño CF, pero non deixou de apoiar o deporte converténdose en directivo e delegado deste último equipo.
Un premio máis será outorgado durante a Gala. Será o premio de recoñecemento a unha entidade non deportiva polo seu apoio ao deporte amesán. Este galardón recaerá, nesta ocasión, en GADIS, polo soporte e axuda que ofreceu aos eventos deportivos amesáns que se desenvolveron ao longo do 2015 e cos que a entidade colaborou aportando alimentos e bebidas. 

 http://concellodeames.galFutbol Base y mas

Volver a la Portada de Logo Paperblog