Revista Arte

A música atrás dela

Por Anxo @anxocarracedo

Estabamos a procurar as augas do río entre os tellados desde o terreiro da Sé. Viñeramos de percorrer o barrio das putas, onde as rapazas consultaban os móbeis mentres esperaban os primeiros clientes. Ruelas tranquila a aquela hora. Viñeramos de espreitar a teima da gaivota e a pomba, a luita pola supervivencia nunha codia de pan. Viñeramos de procurar un café á altura das nosas expectativas, de perceber a vibración da ponte metálica ao paso dos eléctricos, tan modernos. Estabamos á espera da tarde completar os seus apousentos, o momento de pescudar a ben diferente sonoridade da lingua a un lado e outro do mar océano. Viñeramos de escoitar a historia da señora das Azores que foi reunirse con seu pai na cidade canadiana de Vancouver, onde descobreu que hai mulleres que deixan os fillos partir mundo adiante, en canto hai homes que as miran con indiferenza carrexar a súa vida toda nunha maleta bestial e as crianzas no colo, esas crianzas que medrarán de contado para liscar sen que elas poidan facer nada por evitalo. Estabamos a considerar as costas desde a ribeira, a sabedoría da cidade para se despregar en niveis superpostos, para se agochar á volta de escalinatas coma serpes, a deitar os ollos nas bandeiriñas de plástico, nas roupas de cores penduradas das fachadas. Viñeramos de pescudar os principios reitores da ciencia do paseo na avenida dos palacios, unha sucesión interminabel de cruces regulados por semáforos que desembocaba nunha néboa feita co refugallo da luz esaxerada e inexperiente de maio e, máis alá, o mar por fin. Viñeramos de bater coa multitude na escada pintoresca dunha libraría con máis sona que libros, onde nos deron apenas noticia do Herberto, o poeta disque túzaro que Deus ou o diaño teña na súa gloria. Viñeramos de inventar calquera desculpa para botar un pito, para descobrer a cabeza e deixar o aire percorrer as tempas, a fronte, a caluga, o ventiño morno sobre a pel núa coma un aloumiño de amante covarde. E ao serán, coas forzas que ficaban, estabamos facendo das mans unha cunca para recoller o metal fundido da voz de Maria entre sete músicos e dúas mil gorxas adoecidas. E así aconteceu. Así foi que vimos as primeiras tebras chegar ao terreiro da Sé. O vento subía pola costa enriba, carrexando sen esforzo a humidade punxente do mar, e nós estabamos a vela alí, sentada nos chanzos do pelouriño, as pernas ben separadas cubertas pola saia de brillos dourados que lle caía até os pes, peixes nus boquexando sobre as lousas de granito. Apoiaba cada man no xeonllo correspondente e tendía a cabeza cara adiante, como se quixer lanzar unha pregunta ou un desafío aos cais da ribeira. A brisa sostiña a súa melena mesta e grisalla. Estabamos a vela coller un cigarro e amparalo do vento coas mans para prendelo, comezar a bailar un aire de tres tempos, un-dous-tres, un-dous-tres, percorrendo a esplanada toda, avanzando cara aos límites que se debruzan sobre a ponte de ferro, sobre os tellados e, máis aló, sobre o río. Parouse no bordo, deu unha última chupada ao cigarro e guindouno ben lonxe. Seguiu logo un anaco bailando coas mans, ao extremo duns brazos moi longos. Estabamos a ouvir o bater do feixe de pulseiras até que baixou os brazos e a música se deteu como se acatase unha orde súa. Levou as mans á cabeza e, cos seus dedos finísimos, colleu o cabelo e deitouno no chan, ben estendido sobre as pedras pulidas. Ficou así coa cabeza núa. O perfil do seu rostro era máis fermoso do que nunca fora. Ofreceuno uns instantes aos tellados, á ponte de ferro, ao río que pasaba ao fondo, o seu belo rostro de muller cunha vida ás costas, mais insaciada do mundo. Unha face coa forza toda do nariz curvo, das cellas ben poboadas, das pálpebras escuras, dos beizos finos. Xirou a cabeza e, pola primeira vez, mirounos en fite. Acenou coa man e dixo cunha voz tensa que as pedras do terreiro non foron que de replicar: "Obrigada". E sen esperar resposta repetiu: "Obrigada por terdes a coraxe de gostar de min". Logo partiu pola costa embaixo, paseniño, a música atrás dela.

A música atrás dela

Volver a la Portada de Logo Paperblog

Sobre el autor


Anxo 704 veces
compartido
ver su perfil
ver su blog

El autor no ha compartido todavía su cuenta

Dossier Paperblog

Revistas