Revista Arte

Cinco preguntas a Ferreiro Badía

Por Calamar

Cinco preguntas a Ferreiro Badía Naceu en A Coruña en 1944. Ten obra por toda Galicia e polo mundo adiante. Gañou premios a moreas, e ven de expoñer na prestixiosa mostra NordArt 2012 en Büdelsdorf, Alemaña, e de facer a medalla conmemorativa que o Parlamento de Galicia adica ó Día das Letras Galegas, na honra este ano de Valentín Paz Andrade. Cinco preguntas, non máis, ó escultor Manuel Ferreiro Badía 1. Tes feito monumentos a Bolívar, Rosalía, Castelao, Torrente Ballester e tantos outros. Con cal destes persoeiros quedas? Con Torrente Ballester, coñecíao e tiven a oportunidade de facerlle uns debuxos previos que resultaron moi interesantes e facilitáronme un modelado espontáneo e rápido.
2. Por qué diante do monumento adicado a Cela en Padrón hai dúas esferas grandes de granito? Segundo constaba no proxecto estas dúas esferas de 120 cm. de diámetro representaban as esferas da creación e do coñecemento. O alcalde de entón non quixo que se puxesen na realización do monumento; alguén podería pensar que poderían ser usadas coma un pase-de-bolas nas despedidas de solteiro. Como estaban no proxecto vencedor do concurso realiceinas e coloqueinas no seu lugar. Adoitan facerse fotografías os visitantes colocándose no espazo que fica entre as esferas e o pedestal onde se atopa Cela. Despois de nove anos aínda non me devolveu o concello a fianza que depositei no seu día do 4%, a pesar de pedir a súa devolución varias veces.
3. Que farias coa Cidade da Cultura? Aproveitaría o seu peche temporal para quitarlle todas as escaiolas que se puxeron no seu interior. É outra arquitectura.
4. Como che ten condicionado traballar por encargo dunha administración pública? A maioría dos traballos públicos proveñen de concursos e execútanse tal e como están nos proxectos. Amáis son outros tempos nos que a autonomía do creador adoita estar xustamente valorada. Pensar que Velazquez tivo nove censores para que se axustase o tanto por cento de cada cor, para a disposición, número e situación de cada personaxe, a relaciónentre eles, os traxes, a dirección e intensidade da luz, etc e fixo… As meninas! 5. Dous lugares de Galicia.  A Coruña que é onde nacín polo carácter da poboación, e calquera lugar da conca do Sil pola súa beleza.

Volver a la Portada de Logo Paperblog

Dossier Paperblog

Revistas