* Martin Creed. Obras
MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Ata o 2 de outubro
De Martin Creed falei máis dunha vez neste blogue. Aínda se pode ver a mostra Martin Creed. Obras, prorrógase ata o 2 de outubro. Unha boa oportunidade para ver obra do xenio inglés.
O proxecto do artista británico Martin Creed (Wakefield, Reino Unido, 1968), comisariado por Carolina Grau, enmárcase no formato de novas producións realizadas especificamente para o MARCO, e supuxo a súa primeira exposición individual en España. Gañador do Turner Prize en 2001, Creed combina a súa faceta de artista co seu grupo de música, formado en 1994.
Toda a planta baixa do MARCO está ocupada por unha soa obra, que inunda e á vez baleira o espazo expositivo. Work No. 247 Half the air in a given space [A metade do aire nun espazo dado], 2000, consiste en materializar a metade do aire contido nun espazo por medio de globos, modificando por completo a percepción do contorno. Creada por primeira vez en 1998, esta peza adquire nas salas do MARCO unha magnitude completamente descoñecida ata agora, pola súa monumentalidade e polas dimensións das salas. A exposición complétase cun conxunto de obras relacionadas coa música e o son, nunha das salas do primeiro andar.