Revista Arte

O que sabemos de Antuérpia

Por Anxo @anxocarracedo
Ilustración de Nacho Baamonde realizada para este blog.

Ilustración de Nacho Baamonde realizada para este blog.

Por Herberto Helder sabemos que a soidade en Antuérpia pode acadar o tamaño do mundo. Sabémolo por Herberto Helder, pero que sabemos do Herberto? Pouco, abofé. Prácticamente nada. Segundo conta Méndez Ferrín, noutro tempo a poesía de Helder e os seus compañeiros de xeración chimpaba a raia e chegaba quentiña a Vigo, pero qué sabemos de Vigo? Pois tampouco non sabemos gran cousa. Porque Vigo é unha nación e, como tal nación, ten os seus códigos, teimas que non sempre están abertas á comprensión de quen ven de fóra. Non é cousa de Vigo, é cousa das nacións en xeral. Vigo é unha nación, viva Portugal, berraba Siniestro Total, e a aqueles rapazotes non houbo quen lles quitase a razón. Pero volvamos ao principio: que sabemos de Antuérpia? Intuímos que Antuérpia ven sendo Antwerpen, que ven sendo Anvers, que ven sendo Amberes. Gran cidade flamenca deitada sobre o río Escalda, gran porto, coma o de Vigo ou máis. De Antuérpia sabemos iso e podemos discorrer moitas outras andrómenas, porque non tivo un grupo punk que a elevase á categoría de nación. Iso si, ten un porto do carallo. Pero non nos desviemos. En Antuérpia a soidade pode ter o tamaño do mundo, iso quedou establecido. En Antuerpia pódese beber cervexa, isto tamén é claro e non sorprende a ningúen. En calquera cidade do mundo bébese cervexa, canto máis en Flandes. Pero o punto non é ese. O punto é estar no medio dunha chuvia tranquila bebendo unha cervexa como se fose a última, matinando que un non vai ser nunca máis grande do que a súa fe ou o seu desespero, e que nese momento apareza unha muller e sente na túa mesa. E que vexas de contado que o tamaño da súa soidade coincide exactamente co tamaño do mundo. Iso non é tan fácil que suceda. Para iso fai falta estar de paso en Antuérpia, sen papeis, pasando medo e mesmo fame, á espera de que alguén che bote unha man para conseguir un permiso de traballo ou embarcar cara onde sexa. Canto máis que a muller que senta á túa beira é a criatura máis soa do mundo, abonda con mirarla aos ollos para velo. Logo saberás tamén que ten un marido que vai na guerra e máis un fillo que abandonou. Fai falta estar en Antuerpia para que iso suceda e marchar logo coa muller e, antes de amala sobre o cobertor, saber que ten o don da poesía subversiva, ese don que consiste en criar cada día unha pinga de beleza contra a face do pavor. E despois de amala sobre o cobertor, ficar mirando pola ventá -afora segue orballando- e decidir que loitaredes xuntos, ti e máis a muller, contra todas as policías do mundo. E saber que, partir dese momento, todas as cidades de todas as nacións serán o estranxeiro. E que choverá sempre, sobre a terra inteira. E sentirte bébedo dacabalo desa vertixe.

Conteille todo isto a Wesley. Quixen ser honrado e confeseille ao final que o Herberto sitúa o conto en Bruxelas, pero que a min Bruxelas me resulta antipática. Prefiro Antuérpia. Góstame como as diferentes linguas xogan co nome: Antuérpia, Antwerpen, Amberes, Anvers. Dalí viña Wesley coa súa bicicleta. O coitado levaba catro semanas e media dándolle aos pedais por toda a costa europea, cara ao Sur, con idea de chegar a cabo San Vicente. Calculei que en dous días estaría en Vigo. “Farás parada en Compostela, digo eu”. “Non. Sempre á beira do mar”. Estaba ben en forma. Costábame caro seguir o seu ritmo por máis que trouxera as alforxas cargadas até os topes. Escoitou a historia enteira ben atento e respondeume amablemente cun sorriso. Se cadra non entendera unha palabra. Se cadra non coñecía ao poeta portugués, ou non sabía que todo o que eu lle contara era certo.

***

Sobre a ilustración desta entrada

Nesta ocasión o xogo con Nacho Baamonde foi diferente á primeira vez. Propúxenlle que lera o conto de Herberto Helder Polícia, que forma parte do volume Os Passos em Volta, e que a partir del fixera o que lle petase. Díxenlle que eu xa tiña o meu texto, que era básicamente unha trapallada, pero que non o ía compartir con el porque do que se trataba era de emparellar pezas que serían necesariamente dispares, e ver que pasaba. O primeiro que me chama a atención da interpretación de Nacho é que a muller é roxa. Nunca se me ocorreu esa posibilidade, aínda que poñendo as cousas no seu contexto parece unha posibilidade bastante razoábel. A segunda cousa que me sorprende é a gran seguridade en si mesma que transmite, debruzada sobre a mesa co seu escote desafiante e o pano vermello ao pescozo, deixando que o cigarro se consuma ente os seus dedos enfundados en luvas brancas. Herberto cóntanos que é “a criatura máis soa do mundo”, pero Nacho debeu de pensar que esa soidade inmensa non ten por que traducirse en desamparo. Lonxe de ser un déficit, é a pedra contra a que a muller dos cabelos dourados forxou un caracter capaz de se enfrontar co que veña. Isto explicaría que teña o don da poesía subversiva e que, con esa arma extraordinaria, estea disposta a loitar contra todas as policías do mundo (que supoño que virá sendo como loitar contra todo o que de vixiante e represivo ten o universo), sumando as súas forzas ás do home que ten fronte a si. Ela é unha exiliada da súa vída. El é un exiliado do seu país. Ela ten a seguridade que tal vez a el lle falte. El le porque non sabe que o don da poesía subversiva non se pode atopar nun papeliño. Non o sabe porque aínda non se mergullou neses ollos que o espreitan desde o outro lado das lentes escuras, o mesmo que a chuvia, esa chuvia que caerá sempre, se agocha tras os cristais embafados dese Cafe du Nord ao que nos leva Nacho coa mestría do seu trazo.


O que sabemos de Antuérpia

Volver a la Portada de Logo Paperblog

Sobre el autor


Anxo 704 veces
compartido
ver su perfil
ver su blog

El autor no ha compartido todavía su cuenta

Revistas