Revista Cultura y Ocio

"Teatro de Guiñol" de Pirilampo

Publicado el 21 junio 2016 por Kericolo @PalabrasyMundos
Aquí temos de novo un pequeno gran libro-disco "Teatro de Guiñol" de Pirilampo, unha publicación da Editorial Galaxia que conta coa colaboración de Sonárbore e de o artísta gráfico Iván R.
Xuntos fan unha obra moi marchosa e moi actual onde os máis beneficiados sen dúbida serán os máis pequenos das vosas casas. Con maestría todos levan ata as mans dos nenos uns poemas dun autor do que este ano se está a falar moito: Manuel María. Poderíamos dicir que son poemas vellos para rapaces novos, si, sería unha boa maneira de describir este pequeno libro. Os poemas son unha escolma recollida de tres poemarios de Manuel María: "As rúas do vento ceibe", "Os soños na Gaiola" e "Terra Cha".
Os rapaces así, nesta obra verán como "O vento" que ven do mar, empurra a "O galo" fachendoso que descubre "A natureza" a que hai que coidar. Polo camiño atopará un "Teatro de guiñol", con moitos bonecos onde se poden inventar moitas historias. Un teatro de guiñol onde "A fala" ben pode ser o galego, a nosa lingua, a que non debemos renunciar porque é unha chave que abre o mundo. Os pobos, cubriranse con "Neve" que o deixa todo frío e branco, e que fará que as nais queran facer "O bolo" de pantrigo para comer ben quentiño con chourizo, e trala merenda, os nenos subirán "O meu cuarto", o seu mundo pequeniño, onde os rapaces pensarán nas "Anduriñas", que andan de aquí para acolá, e coa súa imaxinación farán unha "Biografía da muñeira" para entregarlle a mestra.
Se a estes once poemas lles engades a música amena e divertida, unhas ilustracións magnéticas e coloristas que non podes deixar de mirar, teredes nas vosas mans un agasallo que fará que os nenos se entretengan e aprendan ademáis de disfrutar da boa música. Unha libro que fará voar a imaxinación dos vosos nenas e nenos. En resumidas contas, un libro de luxo para pasar unha tarde de luxo cos máis pequenos da casa. Unha pequena obra de arte que hai que ter.

Volver a la Portada de Logo Paperblog