Revista Arte

Unha historia da fotografía en Galicia en dez imaxes

Por Calamar


1. Andrés Cisneros. Vista de Praterias. 1858 image Os pioneiros. As intervencións máis remotas nun proceso fotográfico das que teñamos constancia en Galicia remóntanse a 1843, hai 170 anos. Daquela non había nin Estrella Galicia, nin Luar e ir de Coruña a Compos levaba día e medio a cabalo. Só uns anos antes un suizo chamado Enrique Luard Falconier sae pitando de París despois de dilapidar de troula en troula unha importante herdanza familiar, e remata en Vigo, a típica cidade onde rematas cando non vas a ningures. Foi un dos primeiros masóns de Galicia e gran afeccionado á tecnoloxía: trae de París un aparello que era todo un acontecemento, o chamado daguerrotipo, co que comeza a gañarse a vida tomando retratos por 50 reais nunha pequeña habitación da rúa San Andrés de A Coruña. Eran caros, a maioria dos clientes eran militares de alta gradación e funcionarios do estado. Pero o estudio propiamente fotográfico e que temos documentado, coas súas fotiños no escaparate e cheiro a colodión, foi cousa dun compostelano chamado Andrés Cisneros. Este home era de oficio pincelista, ou sexa que vivía de pintar retratos o óleo por encargo. Na segunda metade do XVIII unha forte crise empresarial en Galicia deixou sen un can á burguesía compostelana, e Cisneros cambiouse ao retrato fotográfico que tiña máis demanda: era moito máis barato. Montou o estudio na Rúa Nova de Compostela, esa fronteira que divide a cidade vella dos composteláns da cidade vella dos turistas xacobeos. Foi un especialista no talbotipo, un tipo de fotografía cun acabado moi romanticón, semellante ó dun grabado inglés. Soamente conservamos un álbum que tomou durante unha xornada que pasou a Raiña Isabel II visitando unha exposición que organizaba a Sociedad Económica de Amigos del País no claustro do desamortizado San Martiño Pinario. Das diversas vistas monumentais de Comspostela que recolle o traballo gústame moito esta vista de Praterías. Nela xa podemos recoñecer certa técnica, e sobre todo unha intención compositiva moi meritoria para algo tan novo, tan recente, metendo no encuadre a galería do Tesouro, a fachada de Praterías, a Berenguela e até a fonte na esquina inferior. Non está probado que xa sexa Fraga un dos paisanos que aparecen na fotografía, pero sí que é a primeira mostra de fotografía documentada conservada en Galicia. 2. Francisco Zagala. Lembranzas pontevedresas. Finais do XIX. image Os que sentaron unhas bases. Ala pola década dos oitenta do século XIX chegou a Pontevedra un veciño de Verín chamado Francisco Zagala. Antes vivira un tempo en Madrid, loitando nas barricadas federais e ocupando cargos destacados en partidos de esquerda que sempre fracasaban. De volta a Galicia monta un estudo fotográfico na Praza da Constitución, tomando dalgunha maneira o relevo ós extranxeiros que levaban anos traballando de retratistas ambulantes polas prazas das vilas galegas. O estudio de Francisco Zagala era coma un pequeno museo cheo de exóticas pezas que utilizaba de atrezzo, chegou a ser moi requerido polos pontevedreses. Moito do que alí se fixo, conservado milagrosamente durante décadas e máis décadas de ausencia absoluta de conciencia social ante a destrucción do patrimonio, é hoxe a obra fotográfica de maior calidade e amplitude do século XIX en Galicia. Zagala publicou en 1833 un caderniño moi xeitoso chamado Lembranza de Pontevedra. Unha das imaxes que conten é esta xoia na que vemos un xentío expectante ante as acrobacias duns saltarins, coa Igrexa da Peregrina de fondo. Era polo entroido. Ademáis do bo gusto comopositivo, debía de ser ben meritorio ser quen, con aqueles armatrostes imposibles, de atrapar o momento xusto no que o acróbata está en pleno voo, dándolle ese sabor á praza e humanizando dalgún xeito o conxunto da arquitectura. Fotaza. 3. Pedro Ferrer. Sen título. 1904. image Un novo modo de documentalismo. No mesmo tempo no que a fotografía vai asomando nos xornais, a finais do século XIX e comezos XX, van despuntando as primerias revistas gráficas xenuinamente galegas, técnicamente polo xeral bastante raquíticas e deficitentes, pero que cumprían ben co seu cometido. A revisteira máis senlleira, como dirían Os da Ría, foi o Portafolio de Galicia editado en 1904 por Pedro Ferrer, poida que o primeiro gran bestseller da historia de Galicia: a distribución que tivo entre os emigrantes galegos en América foi espectacular. Antes non che había youtube para poñer Ana Kiro a todo trapo nin praza.com, este portafolio era a única vía de escape dos emigrados para evadirse e pingar un pouco os ollos contemplando imaxes da aldea, das romarias, da terriña. Pero coidado, tamén foron imaxes que trouxeron a Galicia un novo modo de documentalismo: a cámara na rúa e sen comprexos, coas xentes e coa vida. Unha desas crónicas rurais emocionantes é esta marabillosa fotografía do propio Pedro Ferrer:  unha muller peneirando mentras o home, repousado, observa a escena. Non sabemos se él está a flipar coa cámara do fotógrafo ou coas habilidades da paisana, pero nin falla que fai. É cousa miña, pero no medio da tarea semella que estivesen a bailar unha danza invisible só por eles coñecida, nesa tardiña, nese fondo galego indefinido e suxerente. Extra para deportivistas: dous anos máis tarde tamén Pedro Ferrer quitou a primeira imaxe que hai do Deportivo no vello campo da Gaiteira. Caeu derrotado contra o Pontevedra por dous a un. Máis que probable roubo arbitral. 4. Anónimo. Retrato post-mortem. Anos 10 ou 20 do século XX. image Tíralle unha foto ó morto. Malia que xa se facían retratos pintados no leito de morte, coa chegada da fotografía os chamados retratos post-morten foron máis accesibles para as familias menos pudintes, que eran case todas as familias, máis pobres ca ratos. Non se democratizou o acceso ó control dos medios de producción pero si a sacarlle unha foto o teu morto, é algo. En realidade é máis que anecdótico, provocou que a tradición de fotografarse a familia co morto perdurase até ben entrados os setenta do pasado século, e sobre todo permitiu ter un retrato a quen doutro xeito éralle proibitivo. E Galicia, neste xénero, case sempre foi o caso de estudio número un. O país no que existe unha relación íntima e cercana coa morte, e na que a relación entre os dous mundos e natural e cotía. Onde os funerais son eventos. Esta foto foi rescatada por un fotógrafo compostelán e divulgada hai tres anos pola periodista de El País Silvia R. Pontevedra. Non se cpñece a familia retratada nin ó fotógrafo que a quitou. Estamos ante o clan que perdeu á matriarca. Á esquerda o pai sentado e doido, e detrás o resto da familia coas mellores galas e ben quedos, un retrato coma este costaba o soldo de varios días e tiña que sair á primeira. Nun vistazo de tres segundos custaría distinguilos do retrato dunha familia rural afgana de hoxendía. Moita muller, poida que tamén moito home emigrado ausente. O impoñente cadaleito mercado cos aforros dunha vida no primeiro plano, mostrado con orgullo. Podemos ir a Virxillio Vieites, Maximino Robredo ou Pedro Brey para ver retratos post-morten con mellor acabados e máis abalorios, mais eu quedo coa solemnidade do acontecemento desta imaxe perdida dos ninguén. Cómo resultaría hoxe un traballo semellante en Lavacolla xusto antes da saída dun voo de Ryanair con destino Londres cheíño de emigrantes? 5.- Virxilio Vieitez. Esperanza de Covas, 1960. image Capítulo aparte. Virxilio Vieitez está máis de moda que Lady Gaga. É por si mesmo un capítulo aparte na historia da fotografía galega. Foi un fotógrafo de oficio, na Galicia dos oficios, traballando toda a vida para dar un servicio, sen consciencia artística ningunha, co empeño de facer ben o seu traballo. É imposible non sentir curiosidade e nostalxia diante da maioria das súas fotos, con toda a teima etnográfica, co branco e negro, coas gotiñas de realismo máxico, con esas poses firmes e esas miradas frontais tan intensas. Acadou un xeito de transmitir que de verdade o fixo distinto ós outros, con unha empatía e un sentimento de pertenza de clase que lles otorgou unha dignidade rotunda ós seus retratados. Comezou de xoven polos Pirineos mentres traballaba de mecánico, mercando a súa primeira máquina Kodak cos aforros. De volta a Galicia traballou por vilas e aldeas, tomando fotografías para o DNI debido á obrigatoriedade de telo a partir de 1960. E seguiu con familias, bodas, comunións, indianos con haigas ou velorios. E un día quitoulle este retrato a Esperanza de Covas, unha mañá en Soutelo de Montes, e quedou retratada unha diva, con moita máis clase que Lady Gaga.  6. Manuel Ferrol. Pai e fillo no porto da Coruña, 1957. image O fito. É a imaxe que sintetiza un sentimento. Un pai aferrándose o seu fillo minutos despois de ver marchar para América, poida que para sempre, a boa parte das mulleres da súa familia. Era un 28 de novembro de 1957 preto da  Estación Marítima de A Coruña, por onde hoxe está o Palexco, esa desfeita vazquista. Aquela mañá Manuel Ferrol, nado en Cabo Vilán e fillo do fareiro, tinha o encargo da Comisión Española de Emigración de dar testimonio gráfico dos emigrantes, dos gaiteiros e da presenza de autoridades. Unhas risas. Pero Manuel, moi intuitivo, e coa cámara agochada baixo o brazo para non intimidar, plasmou os momentos máis tráxicos que alí se produciron, cun dramatismo e desgarro sen igual até entón na historia da fotografía galega. A reportaxe foi descartada e os negativos gardados por moitos anos nun caixón. Durante a ditadura esta imaxe foi rescata pola revista Ruedo Ibérico i en América popularizouna Luis Seoane, mais sempre sen firmar. Até ben entrada a democracia non se soubo que o seu autor era Manuel Ferrol, o dono dun pequeno comercio de fotografía na rúa San Nicolás de A Coruña. Pola súa traxectoria e cercanías políticas, non teño claro que él procurase a intencionalidade que se lle ten otorgado, pero non cabe dúbida de que a imaxe, e a Historia, o atopuo a él. A principios dos noventa Antón Reixa xuntou a Xoan Calo e o seu fillo Xurxo, os fisterráns protagonistas da imaxe, co fotógrafo no programa da TVG Sitio distinto. Pai e fillo adican a meirande parte do mesmo, nun ambiente de bastante tensión, a reclamar inxustamente dereitos de imaxe ó autor. Non hai un encuadre claro, as figuras están fóra de foco e a luz demasiado saturada, pero no subconsciente colectivo dos galegos, e nas mellores coleccións do mundo, o drama da emigración quedará para sempre fixado nesta precisa imaxe. 7. Xosé Castro. A luita das Encrobas. 1977 image Os reporteiros gráficos. Estamos afeitos a ver polas rúas das vilas galegas a uns homiños encorvados que van ás presas cargando con incontables cámaras de interminables obxectivos, que os coñecemos de vista, que van movendo a cabeza dun lado ó outro, como sospeitando, como moi atentos á xugada. Son os fotoperiodistas, ou periodistas gráficos ou reporteiros gráficos, que hai moita leria con eso. Veteráns que pentean as nosas rúas, coa vocación viva, para amosarnos, cando é posible, a representación máis obxectiva dos feitos. En Galicia houbos e hainos moi bos. Un deles foi Xosé Castro, quen traballou case toda a súa carreira en La Voz de Galicia. A outra parte da historia: As Encrobas, una parroquia de Cerceda. En 1975 Unión Fenosa pretendía explotar un xacemento de lignito no fondo do val agrícola onde vivía a meirande parte da poboación das Encrobas, daquela duns 1400 habitantes. A explotación a ceo aberto exisixia o desaloxo dunhas 400. No último Consello de ministros de Franco, que Fraga presidiu, aprobouse un expediente de exprepiación forzosa. O último intento foi unha mañá de febreiro de 1977, e deu como resultado detencións, desmaios e agresións, e foi portada da maioria dos xornais estatais. Liderados polo cura Moncho Valcarcel e contra máis de douscentos Garda Civiles, os enfrentamentos foron fotografados con gran dramatismo e con total protagonismo para as mulleres das Encrobas. Máis aló do matriarcado galego, mito ou non, a maioria de mulleres e vellos que vemos nas fotografías loitando eran os encargados da horta de cultivo e da cría dos animais da casa, e decir, da defensa da propiedade. O home estaba traballando fóra. Esta imaxe pubricada en febreiro de 1977 dunha señora a paraugazos coa Garda Civil, que nin pintada por Delacroix guiando ó pobo quedaría mellor, forma parte da historia do fotoperiodimo galego e por suposto da memoria histórica de Galicia. Axudou ademáis a movilizar á opinión pública, que vai ti saber o que é iso, para resolver finalmente o conflicto do lado das víctimas. Ah, segundo o último estudo de Ramón Varela sobre a contaminación atmosférica de Galicia, Meirama contamina igual que dez centrais estadounidenses xuntas. 8. Pedro Rodríguez Iturbe. Feira do gando de Viveiro. 1976. image A memoria dos afeccionados. Asumo a sospeita de incluir nesta escolma unha foto do meu pai. A primeira razón é que non pode gustarme máis, a segunda que é unha forma de incluir e homenaxear a tódolos fotografos afeccionados, a aqueles que procuraron na fotografía o vieiro expresivo para aproximarse ó país. O do meu pai é o caso dun bilbaino que namora dunha viveirense e chega a Galicia con 26 anos. Un xeito calquera de domesticar un novo territorio é fotografalo, neste caso en incontables fins de semana coa cámara ó lombo, por carreteras imposibles de tempos analóxicos e catro fillos pelexando por trocar o carrete. En arquivos coma o seu tamén se garda unha parte imprescinidible da nosa memoria. A foto é toda unha escenografía teatral na feira de gando de Viveiro, corría o ano 1977. A rubia poderosa do medio centra toda a atención, e queda enmarcada polas diagonais e a fermosa profundidade que van creando os claroscuros do fondo. E os paisanos xa me diredes, vaia pandilla de hipsters. 9. Xurxo Lobato. Hai máis Galicia. 2006. image Retratos dun país. Xurxo Lobato, versionando a Astrud,  é o home en Galicia que o fotografa todo. Un ten a impresión de que a principal baza do seu éxito foi estar no momento axeitado no país axeitado, aportando frescura dende a fotografía ó novo periodismo galego (aquí chiscamos un ollo), se cadra algo máis receptivo trala morte do ditador. Boa parte do seu traballo amosa, con máis ou menos efectismo urbanita, as contradiccións e encontronazos culturais da nosa sociedade, sobre todo do noso rural absorbendo tendenzas foráneas daquela  maneira. Hai a quen lle gusta é a que non, pero leva o premio de ter sido o que mellor fotografou Jalisia. Fotos ten a moreas, a serie Galicia terra nai é imperdible, e posiblemente será recordado pola magnífica fotografía que lle sacou dende un helicóptero á proa do Prestige segundos antes de afundir, porque estaba onde había que estar cando había que estar. Eu quedo con esta, das eleccións municipais do 2006, quen sabe onde. Pouco se pode engadir. 10. Manuel Sendón. Tempos que hai neste tempo. 2005. image Os autores, os artistas. Se a historia da fotografía en Galicia durase unha hora, a arte entrou nos últimos 5 minutos. En comparanza coas artes plásticas, a fotografía en Galicia sempre chegou tarde a todo, coma o AVE. Pequenos colectivos aillados de bravús que merecen ser recoñecidos, coma o grupo Siga en A Coruña, sentaron unhas bases que fixeron que alá polos primeiros 80, cos novos airiños democráticos algo máis favorables, comezase un tímido proceso de apertura interdisciplinar e a variar algúns dos métodos convencionais usados até entón. Vanse facendo exposicións colectivas só de fotografía, que nunca tal se vira, amáis de xerarse un apoio institucional real que fixo que xa nos 90 a fotografía chegase a un público máis maioritario. A xente ía ó CGAC a ver fotos e ligar. Unha desas convocatorias fotográficas imprescinidibles foi a Fotobienal de Vigo de 1984. Daquela Galicia non tiña nin himno nin bandeira oficial, e todo andaba en pelotas. Manuel Sendón, a quen moito se lle debe e quen moito remou, foi quen a fixo posible, ao igual que o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo, clave para aproximarse a historia de Galicia en imaxes. Pero tamén, e sobre todo, é un dos nosos grandes fotógrafos, agora autores. Fai unha fotografía próxima ó realismo documental, con contido crítico e estético. En 1995 saca a serie Tempos que hai neste tempo. É unha mostra de homes facendo traballos artesanais en contraste con outras fotos de procesos industriais, onde o obreiro é un eslabón máis. Unha delas é esta canteira. Unha mole. Un home traballando, arreo. Todo un servicio documental nunha composición impresionante.  O traballo honesto fronte a ficción dos explotadores, tan vixente hoxe como a forza que ten esta imaxe.  Non vos preocupedes, eu me entendo.


Volver a la Portada de Logo Paperblog