Revista Arte

A cartografía do outro: arte e multiculturalismo.

Por Calamar
Este pódese ler en español aquí. Pediron algo sobre arte e multiculturalismo. Van algunhas ideas sobre o asunto, e a dicir verdade, sen moita coherencia.
A cartografía do outro: arte e multiculturalismo.
Voltei do traballo hai uns vinte minutos. Antes de subir a casa pasei a mercar cocacola a tenda de Hamid. Cando Hamid peche a tenda ás dez irá á Asociación musulmá de Mile End, na mesma rúa. Ó saír da tenda pasaron dúas louras nórdicas, ou iso supuxen, que tal vez voltaban da universidade. Pola outra beirarrúa, diante da igrexa anglicana, camiñaba un mileurista encorbatado e canso despois dunha longa xornada nalgunha oficina da city.  Ao virar, na esquina con Hamlets Way, unha cuadrilla de mozos negros xogaba a amagar golpes de boxeo. Se nos axustamos ao sentido descritivo do multiculturalismo, é dicir, á coesxistencia de diferentes etnias e culturas no seo dunha mesma identidade política territorial, entón Mile End, en Londres, é un barrio multicultural. Un lugar no que a complexidade converteuse na norma social.
No mesmo contexto, a só dúas paradas de metro, está Shoreditch, un distrito que hoxe é para Londres o que foron Camden ou Notting Hill nos oitenta ou o Soho nos noventa, unha meca de artistas e emprendedores do ámbito cultural. Na época victoriana era bastante popular polos seus teatros e tendas, despois mantívose nunha lenta decadencia ata que os bombardeos da Segunda Guerra Mundial relegárono ao esquecemento. Comezou a reverdecer cando nel se instalaron algúns líderes da Young British Artist a finais dos 90, e hoxe a industria cultural entrou de pleno, as galerías máis punteiras da cidade tiveron que abrir sucursais na zona. Pero Shoreditch aínda conserva un aire canalla e cutrelux sometido a un contexto multicultural creativo formidable, que cumpre o seu papel no cambio de patróns estéticos (que aínda na súa maioría responden á invención do gusto do XVIII con Baumgarten e Kant) e na procura de novas estratexias colaborativas moi propias de comezos de século XXI.
Supoñamos agora que unha obra de arte é un arquivo da acción humana na que poden converxer distintas ideas, crenzas ou tendencias nunha época. Hoxe en Shoreditch temos moitas ideas, crenzas e tendencias coincidindo nun espazo e nunha época. Dáballe voltas a esta idea volvendo en metro, tratando de buscar antecedentes, e concluín, ponédevos o cinto que aquí veñen as curvas, que talvez a primeira vez que se produciu unha concentración artística, urbana, revolucionaria e multicultural definitiva foi hai cinco séculos, nun dos berces da arte, a arquitectura e os xeados que saben a xeado, Florencia.
Se entras na Catedral de Florencia (6 euros fai un par de anos), camiñas un pouco, e  xiras o pescozo á esquerda, ollarás dous grandes murais separados entre si por uns tres metros, moi semellantes entre eles a primeira vista. En cada un hai un cabaleiro medieval a cabalo retratado de perfil. O primeiro é de Paolo Ucello e nel aparece un cabaleiro hierático, como sacado do conxelador, sobre un cabalo simulado, que semella de madeira. No outro, de Andrea del Castagno, o guerreiro regresa airoso da batalla sobre un animal que trota como trotan os cabalos, que ten uns músculos que responden a uns movementos, a unha anatomía naturalista. Entre ámbalas dúas obras somentes transcorreron 20 anos, entón ¿Como foi posible este salto cualitativo tan grande en tan pouco tempo?
A comezos do século XV o comercio, e por tanto o diñeiro, a tea, a guita, o parné, a prata, é dicir, os cartos, estaban en Florencia, como hoxe están en Londres, Abu Dabi ou Moscova. Algo antes, no gótico, naceron, dalgún modo, os gremios profesionais (de médicos, xuíces, banqueiros, albaneis, mercadores de la, coiro, seda) que tiveron o seu apoxeo no Renacemento. Estes gremios eran capitaneados por familias, unha nova burguesía moi rica e poderosa que necesitaba a notoriedade e o prestixio que a nobreza adquirira durante xeracións. As batallas entre estas familias polo control político e económico da rexión eran continuas e tamén, por certo, moi crueis  (a caída dos Medici!). Un dos métodos máis eficaces e determinantes para lograr ese prestixio era comprando arte e encargando novos proxectos ás figuras do momento. Que o pobo, pero sobre todo as outras familias, vexa a que artista puiden contratar, ou que palacio puiden levantar. Arte, política, e propaganda, sóanos.
Os artistas, que xeralmente son uns mortos de fame, sabían que o diñeiro e os mecenas estaban en Toscana, e até alí íanse. En moi poucos anos, nun espazo temporal limitado e nun espazo físico limitadísimo (a parte amurallada de Florencia pódese camiñar de punta a punta en 40 minutos), xuntáronse un numero extraordinario de artistas extraordinarios, e o máis novidoso, que coñecían a obra que estaban a facer os seus contemporáneos, chegados doutros lugares. Influéncianse entre eles, cópianse, promóvese a circulación de ideas, avánzase: nace o Quattrocento, un triunfo da reinterpretación do clasicismo grego e romano, pero tamén, dalgunha maneira, do multiculturalismo.
Hoxe tendemos (tendo) a caer no ombliguismo do presente e pensar que somos a suma dunha tradición analizada e mellorada, cada vez máis brillante, non sempre é así. Dentro da narrativa decimonónica que se estuda nas facultades de Historia da arte, foron as vangardas do século pasado, máis que calquera outro suspiro posmoderno, as que souberon representar mellor que calquera outro movemento o contexto do que noutras latitudes outras culturas e outros artistas representaban. Ademais foron aqueles homes vindos do frío para patear o pensamento burgues os que máis promoveron a inclusión e interrelación de diferentes continentes pola linguaxe da arte en todo o século XX. O resto, e até hoxe, é unha festa con dereito de admisión.
Pero entón cal é o activo multicultural no panorama artístico actual? Nin idea. Suponse que os produtores de arte seguen traducindo nunha linguaxe particular unha visión do mundo, moitas veces común ao conxunto da sociedade, e que o espectador aborda, e até pode descifrar, esa experiencia (persoal), pero tal vez cabe destacar un elemento que matizou e salientou nas últimas décadas a idea de multiculturalismo na relación entre artista e espectador, o desenvolvemento das novas tecnoloxías.
No debate, vaporoso, entre a tensión do local e o global, trenzado pola relación hipercomplexa de culturas, no que a interdependencia dos mercados nun contexto de cambio continuo borrou as fronteiras físicas, o risco máis demoledor do noso tempo é a tendencia á homoxeneización. Deberán ser as novas tecnoloxías, sobre todo internet, un medio que introduciu o consumo inmediato e a divulgación masiva nunha época na que o hiperreal achégase ao hiperfalso, protexidas e reforzadas, porque entón reforzaranse as oportunidades de xustiza entre diferentes identidades políticas e culturais, formando suxeitos políticos que reivindiquen garantías igualitarias ao dereito, clave, á información. 
Un dereito que nos permite tamén aquí, en Mile End, superar a miopía da experiencia coa que chegamos e adquirir unha perspectiva intercultural que articula as nosas diferenzas, e que conecta ás minorías ás redes máis globalizadas con moita máis eficacia que o intervencionismo das políticas multiculturalistas estatais en función de expresións persoais (pertenza de clase, opción sexual, etc.). Un dereito que nos axuda a comprender a cartografía do outro, aínda que despois, previsiblemente, larguémonos coas dúas louras nórdicas. Xa quixéramos..

Volver a la Portada de Logo Paperblog