Hoxe, 17 de maio, celébrase en Galicia o chamado Día das Letras Galegas, un día de conmemoración da lingua galega, que se ven celebrando dende o ano 1963, e que ademais é festivo en toda Galicia. Cada ano, a RAG (Real Academia Galega, organismo semellante á Real Academia Española, pero para a lingua galega), decide homenaxear a unha figura literaria importante que contribuíse á creación literaria en galego, ou que se caracterizase pola defensa da lingua galega.
¿Porqué esta data? Porque o 17 de maio de 1863 publicouse Cantares gallegos, unha obra de Rosalía de Castro que representa o rexurdir da lingua e a cultura galega no século XIX despois de varios séculos de silencio.
Manuel MaríaPara este ano 2016, a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas é Manuel María Fernández Teixeiro, mais coñecido como Manuel María (Outeiro de Rei, Lugo, 6 de outubro de 1929 – A Coruña, 8 de setembro de 2004).
Foi un home moi comprometido politicamente co nacionalismo galego, e cunha obra literaria moi extensa e variada, xa que Manuel María fixo obra poética, ensaística, narrativa, infantil, xuvenil,… aínda que vai ser a obra poética a mais importante na súa traxectoria literaria, tanto por cantidade como por calidade. A temática da súa obra tamén é moi variada: amor, arte, política, historia, etnografía, física, relixión, sociedade, a lingua galega,…
A continuación, unha pequena selección da súa poesía (por suposto, en versión orixinal):
O CARRO
Non canta na Chá ninguén,
por éso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben,
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino coma un asubío,
anque é, as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa é a súa feitura!
¡Que lixereza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde meu carro pasa-
¡Carrétame herba pro gando!
¡Traime a colleita pra casa!
TENRURA
Pouco importa que a ave da esperanza
ou a chispa amarela do desexo
crucen por nós como un salouco
para converterse en néboa
ou sombra esvaída na lembranza.
O que de verdade importa,
amada e irrenunciábel compañeira,
é a chama delicada da tenrura
coa que alcendemos o lume
no que queimamos a monótona
tristeza dos días e onde arde,
serea e mansamente, a árbore
fidel e rumorosa da nosa propia vida
O MEU BARCO
Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
quen me verá navegar!
Navegarei por mil ríos
sete mares hei cruzar.
No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar!
No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán!
Non teño medo ó trebón
nin me asusta o furacán!
O meu barco de xoguete!
O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral!
Andiven tódolos mares!
Xa cansei de navegar
co meu barco de xoguete
sin salir do meu fogar!
A FALA
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco mais feble,
o pesar mais profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a mais forte irmandade.
Renunciar ó idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
Agardo que vos gustase este artigo e especialmente a lingua na que se escribiu. Un saúdo.
Simón de Eiré